Seguindo coa temática de outubro terrorífico, hoxe traemos ideas de merendas para Halloween.
As seguintes merendas saudables son de elaboración sinxela, polo que os máis pequenos poden axudarnos na cociña e así pasar xunto a eles un bo rato en familia.
Tostas para Halloween
As tostas son unha opción moi versátil para preparar distintos deseños de Halloween. Descubrámolos!
Tostas de Frankenstein
Un superalimento que non pode faltar e por iso é o protagonista da receita: o aguacate.
Frankenstein é un dos monstros máis famosos do Halloween e, con esta tosta, poderemos darlle un gran bocado a este personaxe terrorífico. A receita é moi sinxela, nutritiva e deliciosa. Os ingredientes que precisamos son: pan, aguacate, oliva negra e ovo cocido.
O primeiro paso é preparar o aguacate, engadirlle un pouco de AOVE, sal e pementa ao gusto. Mentres cocemos o ovo, cortamos as olivas, unhas poucas pola metade e outras en láminas, e o ovo, tamén laminado.
Untamos o aguacate no pan, poñemos as láminas de ovo facendo os ollos e, enriba delas, colocamos as olivas para as pupilas. As que partimos á metade imos utilizalas para o pelo, polo que irán na parte superior da tosta. Se nos sobra algunha lámina, podemos crearlle unha cicatriz ao noso Frankenstein de aguacate. Por último, cunha lámina de aguacate faremos a boca.

Tostas de momia
A nosa creatividade viaxou ata Exipto e tróuxonos as seguintes tostas de momia crocantes!
Para estas tostas pódese empregar o pan que máis lle guste ao peque, pois imos tostalo. Mentres poñemos a quentar o forno a 180º , arranxamos as nosas momias.
Primeiro preparamos os ingredientes: cortamos en tiras o queixo e partimos á metade as olivas negras.
Untamos a salsa de tomate no pan, logo, colocamos as tiras de queixo, que serán as vendas da momia, e, por último, engadimos os anacos de oliva para os ollos. Metémolos no forno ata que vexamos que o queixo está derretido e, listo!
Queixo como ingrediente principal
O queixo é un alimento que podemos atopar en distintos formatos, polo que podemos facer diferentes merendas con el.
Ollos sanguentos de queixo
Para facer estes apetitosos ollos de queixo arrepiantes precisaremos:
- Mini queixos de bola
- Marmelada de amorodo
- Marmelada de kiwi
- Marmelada de cirola
Se ao peque non lle gusta a marmelada, podes atopar no teu Supermercado Gadis máis próximo outros produtos saudables que empregar no seu lugar.
Poñemos os queixos nunha bandexa e, coa axuda dun pincel fino ou un escarvadentes, comezamos a debuxar as veas coa marmelada de amorodo. Botaremos moi pouca cantidade porque se nos pode derramar. O idóneo sería facer cinco ou seis veniñas.
No medio do queixo imos formar un pequeno círculo coa marmelada de kiwi e, xusto no medio do mesmo, poñeremos un pouco de marmelada de cirola, semellando a pupila do ollo.
¡Aterradores!
Vasoiras de meiga/o de queixo
¡Toda meiga/o precisa dunha boa vasoira coa que sobrevoar a cidade! No noso caso, faremos unhas vasoiras salgadas.
Para esta receita precisamos: paus de pan moi finos, queixo en liscos e unha tira de ceboliño ou de algo ao que se lle poida facer un nó e xuntar o queixo ao pau.
O pau de pan vai ser o mango da vasoira. O queixo en liscos empregarémolo para facer os flocos. Collemos un lisco e partímolo á metade, facémoslles cortes verticais en forma de flocos pero sen chegar ata o final, xa que a parte superior do lisco será a que se xunte co pau.
Para rematar, xuntamos o lisco de queixo ao pau agarrándoo pola zona que non está cortada e empregamos unha tira de ceboliño para facer un nó. Ao teu peque encantaralle esta merenda!

Merendas doces
As opcións doces tamén poden ser saudables. Se contas cun pouco máis de tempo para facer a merenda dos peques, mans a obra!
Galletas de dedos de meiga/o
Comer dedos? Con esta receita, é posible! E, ademais, estarán crocantes e moi saborosos. Os ingredientes que precisamos para facer estas galletas son:
- 1 cunca de fariña de trigo
- Media cunca de maicena
- Media cunca de manteiga
- 1 cunca de Stevia natural
- 2 ovos
- 1 cullerada pequena de lévedo
- Améndoas torradas
- Canela ao gusto
- Marmelada de amorodo
- Un pouco sal
Nun bol, engadimos a maicena, a Stevia, a manteiga e remexemos ata que os tres ingredientes estean ben mesturados. A seguir, engadimos os ovos, o lévedo, o sal e a canela.
Cun batedor, mesturamos todo mentres imos botando pouco a pouco a fariña. Cando nos quede unha masa homoxénea, tapámola cun pano e deixamos repousar na neveira media hora.
Pasado o tempo, sacamos a masa e, collendo pequenos anacos dela, dámoslle forma de dedo. Canto máis irregular, máis realista quedará, pois buscamos facer uns dedos arrepiantes. Unha vez listos, poñémolos nunha bandexa.
Mentres pre-quentamos o forno a 180ºC, facemos os detalles dos nosos dedos de meiga/o. Primeiro, cun garfo, creamos as engurras dos dedos; logo, estendemos nos extremos a marmelada de amorodo, que vai ser o sangue. Para rematar, nun destes extremos poñemos a améndoa torrada que fará de unlla.
Cando xa estean listos, para meter ó forno, metémolos e deixamos cociñar uns 10 minutos, aproximadamente.
Retirámolos, deixamos arrefriar, e xa estarán listos!
Se queres que os dedos da túa meiga/o sexan dunha cor específica, na elaboración, bota na mestura colorante alimenticio. E, se o teu peque é alérxico ós froitos secos, podes buscar outra opción para a unlla. Esta receita é adaptable ás necesidades de cada neno/a!

Madalenas con tea de araña
As madalenas con tea de araña son unha versión adaptada ás clásicas madalenas, polo que serán un éxito asegurado.
Para facer unhas madalenas saudables, imos facer os muffins de cenoria do blog de Bebé Gadis. Esta receita é unha boa alternativa para incluír, ademais, froita e verdura na alimentación do peque.
A tea de araña que faremos saberá a iogur, e é do máis sinxelo de elaborar. Só precisaremos:
- 500 g de iogur grego natural
- 2 culleradas pequenas de manteiga
- 2 dátiles
En primeiro lugar, derreteremos a manteiga sen chegar ao punto de ebulición. Logo, engadimos o iogur e os dátiles e trituramos todo ata que quede unha crema homoxénea sen trazas.
Para debuxar a arañeira podemos optar por verter a mestura nunha manga pasteleira cun pico moi fino ou empregar os dentes dun garfo, o que sexa máis cómodo!
Pasade un halloween terroríficamente divertido!
Que vos pareceron estas receitas? Dende Bebé Gadis esperamos que desfrutedes deste día cos vosos disfraces arrepiantes mentres probades algunha destas ideas, seguro que vos quedan de medo!
Comparte o resultado co hashtag #ReceitasBebéGadis para que poidamos ver esas merendas de Halloween.