Así que saibas que vai haber un novo bebé na casa, debes empezar a preparar o teu can para este importante acontecemento. Ata aquela era el o «bebé» da familia e, a partir de agora, terá que compartir protagonismo co que acaba de chegar. Isto vaille supoñer un gran cambio na súa rutina, así que canto antes empeces a afacelo, antes se adaptará ao bebé.
A seguir, facilitámosche uns bos consellos para establecer unha boa convivencia entre o teu bebé e o teu can:
Antes da chegada do bebé:
• Asegúrate de que o teu can estea limpo, vacinado e desparasitado.
• Vai mudando a rutina do can, adaptándoa aos novos horarios do bebé, xa que é posible que de agora en diante cambien as horas e tempos de saída. Unha boa idea é camiñares co teu can levando un carriño, así el irase afacendo e poderá acompañarte nos futuros paseos co teu bebé.
• Unha vez preparado o cuarto do bebé, debemos deixar que o can inspeccione e recoñeza todos os recunchos.
• Se lle vas prohibir a entrada a certas zonas da casa, faino con anticipación e déixalle as regras claras.
• Vaille introducindo aos poucos olores novos coma: colonia infantil, pos de talco, cueiros… amósallos ao teu can para que se vaia familiarizando con eles.
• Débeslle deixar claro ao can a diferenza entre os seus xoguetes e os do bebé.
• Durante as semanas anteriores á chegada do bebé, pon un CD con ruídos, choros, berros de bebés na casa; así o can empezará a velo como algo normal e cotián.
Cando chega o bebé:
• Cando naza o bebé, e estean el e mais a mamá hospitalizados, é recomendable levarlle á mascota unha peza de roupa que estivese en contacto co pequeno/a e deixarlla cheirar para que vaia recoñecendo o seu olor.
• Cando vaias facer a presentación do teu bebé ao can:
Primeiro debes dar un paseo longo co can; así conseguirás que estea tranquilo cando lle presentes o bebé.
Durante a presentación, é mellor que outro adulto que non sexa a nai teña conta do bebé, para que esta, que hai uns días que non ve o can, poida saudalo comodamente e con cariño. Por outra banda, deixa que o can poida ver e cheirar o pequeno/a.
• Non berres nin castigues o can diante do bebé, porque este o asociaría negativamente. Pola contra, fálalle cun ton de voz suave e tranquilo en presenza do neno/a.
• O mellor xeito de ensinarlle ao teu can a querer ao teu bebé, é prestarlle atención na súa presenza; así evitaras posibles celos.
• Mentres que o bebé estea durmindo, débeslle prestar atención ao can e xogar con el, para evitar que se sinta illado.
• Moi importante: nunca deixes o can so co teu bebé. Non porque se poida mostrar agresivo, senón porque o neno/a pode ter reaccións estrañas e o can pode sentirse ameazado. Ata que o pequeno/a non medre un pouco e se comporte de xeito apropiado co animal, aproximadamente aos 10 anos, debes tomar esta precaución.
Se segues estes consellos básicos: normas de hixiene, pautas de comportamento… non so conseguirás que o teu bebé e o teu can aprendan a quererse e respectarse, senón que ademais o teu fillo/a ha beneficiarse de aspectos importantísimos no seu desenvolvemento, tanto educativos coma afectivos.