Bebegadis

Search
Close this search box.

Uñas limpas e cortadas

Os bebés nacen cunhas uñas moi curtiñas e brandas que, ao cabo de 15-20 días, empezarán a sobresaír do bordo do dedo. A partir deste momento, xa poderemos empezar a cortarllas con moito coidado e cunha periodicidade semanal, máis ou menos.

Por que tan axiña? Son dúas as razóns polas que se recomenda que a partir da terceira semana lle empeces a cortar as uñas. A primeira é por seren un foco de infección, xa que o bebé lle ha botar a man a todo e intentará levar á boca calquera obxecto próximo. E a segunda é que, aínda que parezan moi febles e finas, o pequeno será capaz de pegarlle uns bos rabuñazos a calquera que se lle poña diante, incluído el mesmo.

Para empezar, é conveniente que lle compres un cortaúñas ou tesoiras apropiadas para bebés. Despois debes saber que os mellores momentos para poñerse á tarefa é cando está durmindo ou despois dun relaxante baño. Se non, deberás telo entretido sentado fronte ao televisor ou diante de algo que teña moita luz para lograr que quede quieto durante algúns segundos.

Presta moita atención á hora de distinguires as finas uñas que están moi pegadas aos dedos. É necesario que te atopes nun sitio con abundante luz. Preme lixeiramente a xema de cada dediño e curta o cachiño de uña que sobresaia. Unha vez cortada, podes pasar suavemente unha lima especial para bebés; así aseguraraste de que quede sen pequenos saíntes que poidan ser cortantes.

Se o bebé é moi inquieto, quizais a mellor opción para as primeiras veces é que contes con axuda e, no caso de que o bebé se poña moi nervioso e empece a resistirse, non o forces. Se o fas, a situación só irá a peor. Intenta distraelo un pouco con algún xoguete, e volta á carga.

Para os dedos dos pés haberá que proceder do mesmo xeito que cos das mans. Iso si, tardarán máis en volver crecer e normalmente só se volverán cortar un vez ao mes ou cada dous meses, segundo vaias observando o crecemento das uñas.

Mira cada certo tempo a cor da uña: a súa cor natural é rosadiña e quizais cunha base branca. Se, pola contra, distingues outra cor ou notas que pode ter algunha infección, non o dubides e consúltao coa túa pediatra.

Xa te ves preparada ou preparado? Non te preocupes; seguro que irá mellor do esperado.

Comparte esta noticia