Bebegadis

Search
Close this search box.

Consellos para evitar o contaxio de piollos e como tratalos

Ao iniciarse o curso escolar é moi frecuente que aparezan entre os máis pequenos/as as ben coñecidas infestacións de piollos, unha circunstancia sen gravidade, pero bastante molesta polos proídos que provoca no coiro cabeludo do/a portador/a.

Os piollos son pequenos insectos que se alimentan do noso sangue e atópanse na cabeza. As femias producen unha substancia pegañenta que adhire as lendias ao coiro cabeludo ata que se produce a eclosión. Reprodúcense relativamente rápido polo que é importante empezar a tratalos en canto detectemos a súa presenza.

Aínda que sexa algo moi común en nenos e nenas, convén tomar medidas de prevención para tentar evitar o contaxio. Hai que ter en conta que algunhas persoas son alérxicas a estas picaduras polo que o proído pode chegar a ser máis molesto, sobre todo polas noites, cando os piollos están máis activos.

Como se contaxian os piollos?

Debemos ter presente que os piollos se contaxian polo contacto directo do pelo co parasito, situado noutra cabeza con piollos, en ningún caso se transmiten por falta de hixiene ou saltando dunha cabeza a outra como se tende a crer. Ademais, non saen da cabeza, e só os atoparemos nos pelos do coiro cabeludo.

É conveniente ter en conta algunhas medidas para manter a cabeza dos nosos fillos/as libre de piollos.

6 consellos para previr os piollos na cabeza dos nenos/as

  1. Evita que os nenos/as compartan toallas, gorros, bufandas, cepillos ou peites.
  2. Asegúrate de lavar a roupa e sabas nas que durman a máis de 50ºC para eliminar calquera parasito.
  3. Revisa con frecuencia o pelo dos nenos/as cun peite de púas finas para eliminar posibles lendias. Pasar o peite das lendias cada 3 días é unha práctica moi recomendable en época de piollos.
  4. Está totalmente desaconsellado utilizar os xampús para o tratamento dos piollos como medida preventiva, ademais de que pode aumentar a resistencia cando estes aparezan.
  5. En nenos/as con pelo longo procura que o leven recollido ao colexio, parque ou lugares onde vaian estar con máis nenos/as.
  6. Os produtos naturais que existen no mercado non teñen eficacia científica demostrada, como pode ser o aceite de árbore de té, aceite de lavanda, vinagre ou aceite de eucalipto.

Seguindo estes consellos podes conseguir que o teu fillo/a non se contaxie, ou na súa falta, atallar a infestación o máis pronto posible para que sexa máis sinxelo terminar cos piollos.

Se xa apareceron os piollos… toma nota para eliminalos!

Nesta época é case inevitable que os peques se contaxien de piollos así que non te preocupes! Se xa notaches que o teu fillo/a se rasca a cabeza e ten molestias, podes seguir estes consellos para eliminalos:

  • En primeiro lugar, é importante ser paciente e constante nos tratamentos.
  • Pide consello ao teu pediatra ou farmacéutico/a para que che recomende produtos como xampús ou locións indicados para acabar cos piollos de forma efectiva e inocua para os nenos/as.
  • Repite o tratamento aos 7 ou 10 días xa que nese tempo xa se produciu a eclosión os novos ovos e podería volver infestarse.

Sobre todo, nesta época de inicio de curso recomendámosche estar máis pendente da revisión da cabeza do teu fillo/a. Finalmente, é recomendable que se o teu fillo/a ten piollos deas aviso ao colexio para que poidan informar ao resto de pais e nais e evitar que se estenda o contaxio.

Artigo escrito en colaboración con AGaEP, a Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica.
logo_agaep

Comparte esta noticia