A partir dos 6 meses os bebés empezan a controlar mellor as súas manciñas, polo que podemos tentar comunicarnos con eles mediante o que se chama “linguaxe de signos para bebés”. Esta técnica leva utilizándose dende os anos 60 e cada vez máis familias practícana, aproveita as novas habilidades que está a desenvolver o teu bebé para ensinarlle signos cos que se poida expresar!
Beneficios de ensinar lingua de signos a un bebé
Que o teu bebé se comunique contigo mediante signos ten moitos beneficios tanto para ti como para o pequeno/a. Estes son algúns deles:
- Axuda a desenvolver a fala, a intelixencia e a personalidade do bebé: Aprender a xesticular e a trasladar unha mensaxe mediante as súas mans fará que o teu bebé desenvolva moito mellor as súas habilidades, ademais tamén mellorará a súa autoestima e benestar.
- Crea un mellor vínculo cos seus coidadores/as: Se o pequeno/a se sente comprendido/a polos maiores creará un vínculo máis forte con eles, ademais se ti tamén te comunicas mediante signos, o bebé tamén te comprenderá a ti e sentirate máis preto.
Cando empezar a ensinarlle lingua de signos ao meu bebé?
Podes empezar a introducir signos en calquera momento, pero é máis doado a partir dos 6 meses, cando vexas que o teu bebé ten ben desenvoltas as súas habilidades motoras. Este momento adoita coincidir co inicio da alimentación complementaria, xa que o pequeno/a xa se pode manter sentado/a, sinala o que quere, consegue facer o movemento da pinza co índice e o polgar, etc.
Como empezar coa introdución de signos?
Para comezar é recomendable facer os signos en ton positivo e facendo o xesto á vez que dis a palabra. Se lle estás ensinando a palabra “biberón”, por exemplo, dálle inmediatamente o seu biberón para que asocie o estímulo.
Cando vexas que tenta facer algún movemento coas súas manciñas, aínda que sexa pouco concreto, axúdalle. Podes mover as súas mans facendo o signo mentres repites a palabra.
Primeiros signos que poden aprender
Algunhas palabras que podemos ensinarlles son, por exemplo: leite ou teta, biberón, pan, comer… Estas palabras axudaranlle a comunicarse en momentos nos que ten fame e así ti poderás saber que é o que quere e satisfacer esta necesidade.
Dar o peito
Para ensinarlle o signo de tomar leite do peito, en caso de lactantes, podes colocar a man en forma de C e movela sobre a zona do peito abrindo e pechando a man.
Biberón
Para os bebés que tomen o biberón, o signo que poderías ensinarlles é colocando a man co polgar levantado e movéndoo cara á boca.
Comer
Se colocamos a nosa man pechando os dedos e levándoa á boca, estaremos facendo o signo de “comer”, se o teu bebé fai este xesto, ou simplemente leva a man á boca de forma similar, quererá dicir que ten fame.
Outros signos que o teu bebé pode aprender serían “xa non quero máis” ou “máis” para indicarche cando está saciado ou cando quere seguir comendo.
Máis
Se quedou con fame e quere máis comida, unha forma expresalo é colocar o polgar cara arriba e mover a man de arriba abaixo. Este signo adoita ser fácil de aprender para os peques.
Xa non quero máis
Para indicar que está saciado e non ten máis fame o signo será un movemento horizontal das dúas mans, xuntándoas e afastándoas simultaneamente.
Accións como durmir, xogar ou saír á rúa tamén poden ser útiles para o seu desenvolvemento.
Xogar
Este signo faise colocando as mans en cruz e movendo os dedos, pero non o adoitan facer ata o ano de idade.
Durmir
Este signo é coñecido por todos, trátase de apoiar a cabeza sobre a man. Pode que o faga como tal ou simplemente leve moito as mans preto da cabeza e os ollos.
Se consegues que o teu bebé empece a signar, isto poñerache as cousas moito máis fáciles cando teñas dúbidas sobre que che quere dicir. Se tes algunha dúbida sobre esta técnica lembra consultar co teu pediatra para que che aconselle.