Hoxe traémosche unha receita moi enxeñosa para introducir verduras na alimentación do teu/túa peque.
Coa chegada da primavera e aproveitando que aínda está de tempada a alcachofa, imos realizar unha receita do máis floral.
Preparación das flores de alcachofa
O primeiro paso é lavar e pelar ben a alcachofa. Corta o talo, retira as follas máis duras e lávaas ben sen abrilas.
Cando estean limpas as alcachofas, telas que cocer en auga con sal durante uns 25 minutos aproximadamente. Unha vez listas, sácaas e sécaas moi ben.
Para o xamón, pódese comprar en taquiños ou facelos ti mesmo/a. Pica o allo e saltea estes dous ingredientes ata que queden crocantes.
A preparar o noso xardín floreado!
Ao cocer a alcachofa, ós nosos peques vailles resultar máis sinxelo abrilas. Coas mans colocadas no corazón da alcachofa, deben ir abríndoa pouco a pouco para que logo se fagan ben na prancha.
Unha vez que o teu fillo/a realizou a súa preciosa flor de alcachofa, debes colocala boca abaixo nunha prancha quente cun pouco de aceite de oliva virxe extra ata que observes que se está torrando.
A empratar!
O teu/túa peque elixe o seu prato favorito, ti colócaslle a alcachofa nel e a continuación…Chuvia de xamón! Será un tempo divertido onde o teu neno/a se entusiasmará por rematar o prato colocando o xamón dunha maneira divertida.
Despois de empratalas, ven a mellor parte, gozar coméndoas! Aínda que de seguro a máis de un daralle pena comer unha flor tan fermosa.
E é que, ademais de fermosa, esta verdura é rica en minerais como o potasio e o magnesio, que son bos para o corazón, e en fibra, o que vai axudar a que o sistema dixestivo funcione mellor.
Un alimento que está rico e ademais é tan bo para a saúde non pode faltar na alimentación do teu fillo/a.
Se probades no fogar a facer esta saborosa receita, non dubidedes en compartir connosco fotos dos vosos ramos de flores saudables co hashtag #RecetasBebéGadis!