Compartir momentos na cociña cos teus peques pode ser un dos pasatempos máis divertidos en familia. Hoxe traémosche unhas receitas onde os/as peques desfrutarán da comida saudable.
Ponlle o mandil e xa estaredes listos para mancharvos e rirvos mentres cociñades.
Almorzos e merendas divertidas para nenos/as.
Probablemente un vaso de leite con cacao e galletas sexa o almorzo preferido dos teus peques, ao igual que un bocadillo ou iogur o é para a hora da merenda, pero unha vez que preparedes estas receitas, seguro que non pararán de pedir que as fagades para almorzar ou merendar!
Tortas de avea e plátano
As tortas son un acerto seguro para eses días onde queres facer algo máis elaborado, pero sen perder moito tempo. Aos peques adóitanlles gustar moito, e se as fas con algunha forma divertida, encantaranlle!
O bo deste prato é que poden mesturalo co que máis lle guste, xa sexa salgado ou doce. Ao ser tan versátil, prepárao segundo o seu gusto.
En 15 minutos podes ter lista esta receita apta para toda a familia. Os ingredientes que precisas son sinxelos: 2 cuncas de avea, 1 plátano, 1 ovo, 1 vaso de leite, 1 cullerada pequena de lévedo e canela ao gusto.
Nun recipiente, engade todos os ingredientes e mestúraos coa axuda do batedor ata que a mestura quede cremosa e sen grumos. Verte esta masa en pequenas porcións nunha tixola previamente quente e engraxada cun pouco de AOVE e deixa que se fagan durante 2 minutos aproximadamente por cada lado, ata que vexas que teñen unha cor dourada.
Listo! Colócaas nun prato e deixa que o/a teu/túa peque a decore con froitas, xarope, froitos secos ou cacao en po.
Muesli ou papas de avea con froita
Para esas mañás nas que se nos pegan as sabas e nos erguemos con présa, ou nesas tardes onde hai que saír correndo do fogar, esta opción de almorzo/merenda é ideal xa que está lista en pouco máis de 5 minutos.
Existen infinitas receitas de papas, pero hoxe vamos a ensinarvos a facer unha cun ingrediente rico en vitaminas e moi nutritivo: a froita.
Os ingredientes que precisas son:
- ¼ cunca de leite
- ¾ cunca de auga
- 4 culleradas de avea
- Canela ao gusto
- Froita de tempada
Quentamos a auga nun cazo e cando comece a ferver engadímoslle a avea, mellor se está moída, e deixamos cociñar durante 2 minutos a fogo lento sen deixar de remexer a mestura.
Cando notes que se forma unha pasta, engade entón o leite e deixa que se cociñe durante 2 minutos máis aproximadamente. Unha vez pasado o tempo e observando que quede textura como a da papa, retiramos do lume e deixamos repousar durante un minuto.
Cando estea temperada, podes engadirlle a froita de tempada que máis lle guste e preguntarlle que animaliño quere que apareza no seu almorzo/merenda.
E se pola tarde prefires que merende algo máis sólido, podes intercambiar a avea e o leite por unha cunca de muesli con iogur. Só precisas mesturalos e engadirlle os seus toppings favoritos.
Torrada salgada ou doce con cariñas de animais
Este blog de receitas xa parece un zoo!
Outra opción para traer o mundo animal ao prato do/a teu/túa peque son estas torradas ideais para almorzar ou merendar. Podes facelas salgadas ou doces, como máis vos gusten.
Se queres unha opción salgada, a cara do animal pode ser unha porción de embutido ou queixo crema. Por exemplo, podes empregar xamón york para que se semelle a un porquiño, e se preferides un pito, a cara pode ser un lisco de queixo ou en crema. Os toppings para facerlle os ollos e a boca poden ser froita, froitos secos ou sementes.
Como podes ver, con estas torradas as opcións son infinitas. Con elas, o/a teu/túa peque pode explorar sabores e lear unha alimentación variada.
Se queres pasar un rato divertido na cociña con el/ela ou sorprender con un almorzo ou merenda diferente, proba algunha destas receitas.
Non te esquezas de compartir as túas fotos facendo estas receitas nas redes co hashtag #RecetaBebéGadis