A primeira vez que o teu bebé vai á praia é un momento único, ver a súa reacción ao tocar a area ou a auga é moi emocionante, pero, hai certos aspectos a coidar e ter en conta.
Ademais, neste blog tamén che traemos algúns xogos para entreter os peques na praia e unha listaxe de útiles para non esquecerte de nada.
Cando levar ao teu peque á praia
Os máis peques do fogar deberán inaugurar a súa tempada de praia pasados os 6-8 meses por motivos de exposición directa ao sol.
Os bebés teñen unha pel aínda moi delicada e sensible, polo que poden queimarse con moi pouca exposición ao sol e o uso de protección solar en nenos tan pequenos pode resultar prexudicial para a súa pel. Se as temperaturas son altas, deshidrátanse con maior facilidade e poderán sufrir un golpe de calor.
Como protexer ao bebé do sol
Para protexer ao/a teu/túa peque dos raios do sol, é importante evitar as horas de máis calor. O horario ideal é a primeira hora da mañá e a última da tarde, onde o sol xa non quenta con tanta forza e non fai tanta calor. Se está algo nubrado, mellor.
É recomendable situarte á sombra, sempre que sexa posible ou, se non o é, existen parasoles, ou refuxios, específicos para levar aos nenos á praia. Tamén podes optar por un catasol, aínda que debes ter en conta que os raios do sol poden traspasar a tea.
Aínda que o teu peque estea a sombra, afastado da exposición directa do sol, non debemos esquecernos de botarlle protección solar, moi importante que sexa especial para él/ela!
A crema fotoprotectora debe ser superior a 30 e resistente á auga. Debes aplicarlla 30 minutos antes de baixar a praia e estenderlla ben. Vas ter que aplicarlla cada 2 horas, polo que non é preciso que teña unha capa grosa de crema. Se queres saber máis sobre a protección solar en bebés, podes ler o noso post :https://bebegadis.es/exposicion-al-sol-y-proteccion-solar-en-bebes/
Para rematar, a pesar de que nos dea a sensación de calor, o aconsellable é que os nenos sempre estean vestidos, e non espidos ou só co cueiro, para tapar a súa delicada pel. Podes optar por prendas de roupa lixeiras ou roupa especial para o baño.
Non esquezas os complementos! Un gorriño ou gorra colorida para cubrir a súa cabeza e unhas gafas de sol para protexelo dos reflexos do sol van completar o seu look de praia.
Que levar á praia cando tes un bebé
Unha vez memorizados todos os consellos a ter en conta para un día de praia perfecto, toca preparar a listaxe de elementos básicos. Toma nota para que non se che esqueza nada!
- Toallas para ti e o teu peque. Podes elixir por unha maxi toalla para que poida gatear e xogar nela.
- Cueiros e toalliñas, son imprescindibles e o máis seguro é que as precises.
- Muda de cambio. Para que non marchedes mollados, garda unha muda de roupa para ambos e algo de abrigo por se refresca.
- Auga e comida refrescante para soportar a calor e hidratarse. A froita de tempada é unha boa opción de merenda, e ademais saudable.
- Crema de sol para ambos. Recorda que para os bebés debe ser específica para eles, non é recomendable que empreguen a de adulto.
- Catasol ou parasol para protexervos do sol.
A maiores podes levar unha piscina inchable se o/a teu/túa peque é moi pequeno/a e enchela de auga antes de levalo ao mar, un flotador antienvorcadura para a súa seguridade ou xoguetes acuáticos ou para a area como cubos e pas.
Xogos para desfrutar na praia
A praia é un espazo ideal para que o teu peque poida explorar novas texturas e desenvolver as súas habilidades cognitivas e sensoriais.
Xogos para bebés na area
Xogar para sentir a area e as olas na beira pode ser moi estimulante para o teu peque. A area, en especial, vai fomentar o seu desenvolvemento ao poder interactuar con ela, facer figuras, ou sinxelamente deixándoa escorregar entre os seus dedos. Podes animalo a meter os pes por debaixo da area para ver como reacciona a esa sensación.
Se lle encanta a auga podes deixar que salpique un pouco na beira e facer un camiño de pegadas na area. Seguro que lles fascinará ver como se van borrando e fará novas para seguir co patrón.
Explorar a praia e os seus elementos tamén pode ser un xogo para eles. Se comeza a andar, podes dar un paseo e ir recollendo cunchas e pedras. Seguro que lle resultan curiosas e gustaralle xogar con elas.
Ademais, para que estean entretidos e o pasen mellor aínda, lévalle algún xoguete como pode ser unha pelota, moldes, un cubo ou unha pa.
Actividades para nenos/as na praia
Se o/a teu/túa fillo/a é un pouco máis maior, quizais precise algunha actividade máis estimulante para entreterse na praia.
Aínda que a idades máis avanzadas pódense entreter cun balón ou calquer xoguete, tamén existen actividades que poden facer coa area e a auga sen necesidade de cargar con material da casa.
Pintar na area
A area é un lenzo infinito onde os peques poden dar renda solta a súa imaxinación. Xa sexa co dedo ou cun pau, podedes xogar a debuxar figuras ou elementos que vexades pola praia e adiviñalas. Como mínimo tendes que ser dous, para que alguén debuxe e outro adiviñe.
Esta actividade é unha boa forma de ensinarlle novo vocabulario ao teu/túa peque ou contarlle cousas sobre o mar e a praia.
Cos máis maiores podedes xogar a raiola, ao tres en raia ou propor sumas ou restas na area.
Carreira de obstáculos
Para os nenos máis enerxéticos o xogo perfecto é unha carreira de obstáculos. A praia é un espazo ideal para facer este tipo de actividades, xa que, se o teu peque cae, non se faría case dano grazas a area.
O circuíto non ten que ser moi grande e podes empregar calquera recurso para facer os obstáculos. Un exemplo, fai un monte de area para que a salte ou mándalle percorrer unha distancia cunha pa chea de area na man. As risas están aseguradas, e o/a teu/túa peque pasará un bo anaco correndo de aquí para alá.
Labirinto de auga
Xunto á auga, podedes construír unha carreteira, ou labirinto, na area, pola que vaia pasando a auga cando chegue á beira. Os nenos quedaranse pendentes para ver se a auga fai todo o percorrido e irán perfeccionando a estrutura pouco a pouco.
Castelos de area
A actividade da praia por excelencia é a construción de castelos de area. Ata os máis maiores pásano en grande facendo todo tipo de arquitecturas de area no verán. Ademais, as posibilidades poder ser infinitas e só precisas un obxecto, un cubo.
Tamén podes optar por adquirir un pack con restrelo, pa e figuras para facer castelos de area máis elaborados.
Desfrutar dun día de verán na praia en familia pode parecer algo complexo pero, é máis sinxelo do que semella! Dende Bebé Gadis desexámosche que o pases xenial e, xa nos contaredes!