Co verán xa inaugurado e o comezo das vacacións dos teus peques, son habituais as actividades acuáticas e ao aire libre.
Tanto se o teu/túa fillo/a vai á praia ou á piscina como se non, exponse ao sol intenso destes meses e é importante que coides a súa pel.
A pel dos nenos: Como protexela no verán
Os nosos peques teñen a pel máis fina e sensible ca os adultos, é por isto que debemos prestar máis atención aos factores externos, como o sol.
Ademais da protección solar, pois é imprescindible, nesta época do ano onde as temperaturas son máis altas, a pel dos nosos peques pode resecarse con maior facilidade. Para manter a súa pel hidratada, é aconsellable aplicarlle crema hidratante de maneira diaria.
Se o teu bebé usa cueiro, é aconsellable que llo cambies a miúdo para prever rozaduras. Os cueiros transpirables son máis cómodos para esta época.
Para finalizar, á hora do baño, este deberá ser rápido, empregando, se fose posible, xabón neutro, para manter a protección natural da súa pel.
No período da infancia é cando máis atraemos a radiación ultravioleta, podendo desenvolver nun futuro problemas na pel, por iso é tan importante coidala.
Crema solar específica para nenos
Os 6 meses son a idade inicial na que se recomenda que os bebés comecen a empregar protector solar, que debe ser, como mínimo, de 50 SPF e anti-uva. Se o teu peque ten menos de seis meses, debe estar ben protexido con roupa, xa que non pode empregar protector solar.
Dende o medio ano ata os 2 anos recoméndanse os fotoprotectores con formulación pediátrica sen filtros inorgánicos.
A partires dos 2 anos, pódense aplicar con filtros inorgánicos, orgánicos ou mixtos.
A súa aplicación aconséllase como mínimo 30 minutos antes de estar exposto ao sol, e débese volver a aplicar pasadas as dúas horas, con maior frecuencia se está en contacto coa auga. A protección aplícase en todo o corpo, sen esquecer as orellas, o pescozo e o coiro cabeludo. En días nubrados tamén é preciso a súa aplicación, xa que a radiación do sol atravesa as nubes.
Que son os filtros solares?
Escoitaches falar dos filtros solares? O certo é que á hora de mercar unha crema solar para os nosos peques non existe unha única crema perfecta. Aquí deixámosche unha breve definición de cada tipo de protector, pero aconsellámosche que o consultes cunha farmacéutica ou nunha parafarmacia.
Hoxe en día podemos distinguir os filtros solares entre orgánicos e inorgánicos, o que antes se facía chamar químicos ou físicos, respectivamente.
- Inorgánicos: teñen efecto espello, é dicir, provoca que case toda a radiación rebote e non alcance a pel do/a bebé. Son as cremas que vemos que teñen unha textura máis densa e de cor branco. Aconséllase para menores de 2 anos e para nenos/as con pel atópica.
- Orgánicos: aconséllase a partires dos 2 anos. Estes filtros absorben a radiación ultravioleta transformándoa en calor.
- Mixto: mestura filtros orgánicos con inorgánicos, mellorando a capacidade protectora da crema.
Que debe ter a crema solar infantil perfecta
- Debe ter unha cobertura completa.
- SPF superior a 50.
- De aplicación sinxela.
- Resistente á auga.
Insectos e picaduras en nenos no verán
Coas altas temperaturas non só debemos protexer os nosos peques das radiacións do sol, os insectos e as súas picaduras son outro factor do que temos que protexer a pel dos nosos peques.
O calor e a humidade provocan a aparición de máis mosquitos, avespas, arañas, etc. É importante coñecer como prever e combater as súas picaduras.
Como afectan aos nenos as picaduras e como tratalas
Aínda que non deberían desenvolver ningún efecto secundario grave, é certo que estas picaduras, que na súa maioría se converten en ronchas, son moi molestas e o/a teu/túa peque non cesará de rañarse, podendo provocar unha futura infección nesa zona.
Existen moitos produtos para prever as picaduras, e tamén para a súa posterior curación. Atopámolos en formato crema, roll-on, repelentes e produtos naturais. Ao igual que a protección solar, é aconsellable que mires cal lle vai mellor ao teu/túa peque segundo a súa idade.
Se ten menos de seis meses, non se aconsella empregar ditos produtos, xa que a súa pel aínda non é o suficientemente resistente para aguantar algúns repelentes. Cando son tan pequenos, o mellor é sempre consultalo co seu pediatra.
Se queres evitar os químicos, no exterior, podes protexer a súa pel con roupa de algodón que sexa dunha cor clara, para escorrentar aos mosquitos ou outros insectos. Moi importante cubrir brazos e pernas. Se é en interior, podes colocar mosquiteiros nas ventás e por riba da súa cama ou berce para prever picaduras nocturnas.
Malia estes consellos, para as zonas do seu corpo que non se poden tapar, como as mans ou o rostro, si é aconsellable escoller algún repelente, ademais da protección solar.
Protexer a pel dos pequenos é de vital importancia, ao igual que a do resto da familia. O uso de protección solar é aconsellable durante todo o ano, tanto en pequenos como en maiores.
Dende Bebé Gadis esperamos que a nosa miniguía sobre protección e coidado da pel vos resulte eficaz e desexámosvos, un feliz verán!