Bebegadis

Search
Close this search box.

Plans para facer en familia en abril

A quen non lle gustan os animais? Dende os máis pequenos ata os máis maiores da familia, a todos lles gusta gozar da natureza e os animais.

Cando falamos de plans emocionantes e educativos para os nosos peques, poucas experiencias se asemellan á maxia dunha visita ao zoo, ao acuario ou a unha granxa educativa.

Estes lugares ofrecen oportunidades únicas para que os máis pequenos exploren a diversidade da vida animal e vexetal mentres se mergullan en plena natureza.

No blog de hoxe traémosvos algunhas recomendacións de lugares onde pasar un día en familia gozando das curiosidades do mundo animal.

Queres descubrir o mundo animal en familia? Aquí vos deixamos algúns dos nosos favoritos.

Parques zoolóxicos e parques naturais

Dende esplendorosos leóns ata divertidos monos, os parques zoolóxicos ofrecen unha experiencia que fascina e educa aos nosos pequenos exploradores, que gozarán nun só espazo de multitude de animais.

Dende Bebé Gadis propoñemos os seguintes:

Corax fauna (A Coruña)

Corax é un centro educativo da fauna que fomenta actividades lúdico-formativas dirixidas aos seus visitantes, dende un punto de vista respectuoso coa natureza e os animais que se atopan alí.

Poderás ollar máis de 50 especies diferentes dende moi preto, podendo interactuar con algúns animais. En Corax as visitas son sempre guiadas por persoal do centro, proporcionando aos nosos peques coñecementos sobre os costumes, historias e características de cada especie.

E para os máis maiores teñen charlas formativas e actividades para que coñezan algunhas das especies máis importantes que hai no lugar.

Se queres coñecer máis sobre todo o que che agarda en Corax fauna, preme aquí.

Marcelle natureza (Lugo)

Marcelle natureza é un parque natural onde conviven animais que proveñen doutros zoos, rescatados ou de centros de recuperación, garantíndolles unhas condicións de habitabilidade óptimas. O seu obxectivo é concienciar sobre o respecto que se debe ter á fauna e a importancia de protexela e conservala.

Durante o percorrido polo parque atoparás paneis informativos sobre os animais, onde se explican as súas características principais. Tamén poderás facer excursións e visitas guiadas á reserva, con actividades adaptadas ás necesidades do grupo.

La Era de las Aves (Valladolid)

O parque La Era de las Aves é un zoolóxico con animais abandonados ou rescatados. Ao igual que os outros lugares vistos, o seu obxectivo é dar a coñecer a bioloxía e o coidado das especies coa educación ambiental.

Neste lugar atoparás máis de 300 animais de 100 especies distintas nun entorno natural onde, ademais, desenvólvense actividades educativas. Algunha delas inclúe a interacción con animais, onde os peques coñecerán os coidados de cada un deles.

Museo de la fauna salvaje (León)

O Museo de la fauna salvaje é unha alternativa distinta ás mencionadas con anterioridade. Nel, atópanse esculturas das especies de todos os continentes, onde os nosos peques coñecerán a fauna mundial representada no seu hábitat natural a través dunha visita guiada por 17 salóns.

Ademais, o museo conta cun parque zoolóxico ao aire libre, onde se fai un percorrido guiado en coche para ver arredor de 100 animais en semiliberdade.

Se queres información sobre os horarios e tarifas do museo, preme na seguinte ligazón.

Pasa o día nunha granxa educativa

A granxa educativa ofrece aos nosos peques a oportunidade de gozar da natureza en todo o seu esplendor. Dende coidar animais ata vivir a experiencia de coñecer o ecosistema de cada lugar, plantar vexetais ou recoller ovos, estas granxas inclúen diferentes actividades por grupos de idade.

Casa grande de Xanceda (Mesía, A Coruña)

Casa grande de Xanceda é unha granxa ecolóxica de vacas que ofrece visitas guiadas para que os máis pequenos aprendan de primeira man o que é a agricultura e a gandaría ecolóxica, e como funciona unha granxa de vacas.

O percorrido pola granxa inclúe a sala de muxir, as cortes e a horta. Os peques poderán darlles o biberón aos tenreiros e de comer aos ponis, cabras e ovellas.

En Casa grande de Xanceda tamén elaboran produtos ecolóxicos, e explicaranvos como traballan no seu obradoiro de iogur. A visita rematará cunha degustación dos seus produtos que tamén podedes atopar nos nosos supermercados.

Se queres saber máis sobre a granxa e como reservar unha visita, preme aquí.

Granxa do Souto (Mera, A Coruña)

A Granxa do Souto é un centro hípico e de turismo ecuestre, onde teñen os animais da granxa para facer visitas organizadas ás familias durante as fins de semana. Poderás coñecer as instalacións, os animais e interactuar con eles.

E, para os máis aventureiros, a Granxa do Souto ofrece rutas a cabalo onde os máis pequenos poderán montar, sempre acompañados por monitores con experiencia.

Esta granxa é unha oportunidade para achegarse ao mundo rural e ecuestre nun mesmo lugar. Bota unha ollada a todas as actividades que poden ofrecer premendo aquí.

Granja el Álamo (Salamanca)

O Álamo é unha granxa escola que tamén ofrece visitas para pasar un día na natureza.

Coñecerás a todos os animais que viven na granxa, interactuando con eles e dándolles de comer, xunto cun monitor que lles contará aos peques como viven, que alimentos poden producir, e moito máis!

Os peques poderán dar un paseo en poni ou cabalo, converténdose en auténticos xinetes. Segundo a estación, tamén ofrecen programas e actividades relacionadas coa agricultura e os seus recursos, como a elaboración de manteiga, pan ou velas de cera natural.

Preme aquí se queres consultar os paquetes de visita e o que inclúe cada un deles.

Granja el Enebral (Segovia)

A granxa El Enebral ofrece aloxamento para pasar unha fin de semana nun medio rural e gozar de aire puro e da convivencia cos animais.

Os nenos poderán axudar ao granxeiro da casa a alimentar as cabras e as ovellas ou ir recoller os ovos das galiñas. Se é tempo de colleita, na horta ecolóxica aprenderán o traballo dun labrego, plantando ou recollendo hortalizas de tempada.

Unha experiencia distinta, onde pasar unhas minivacacións coñecendo de primeira man a vida rural. Queres saber como? Preme aquí.

Unha tarde acuática, visita ao acuario

Mergúllate nun mundo submarino de marabillas acuáticas cunha visita ao acuario. Aquí, os peques poden explorar os océanos, descubrindo a vida mariña de preto.

Peixes de diferentes cores, tamaños e clases, sons mariños de golfiños e focas, estas son algunhas das marabillas das que podes gozar neste entorno.

Acuarios recomendados de Bebé Gadis:

Acuario Finisterrae (A Coruña)

O acuario Finisterrae conta con ata catro salas de exposicións e máis de 300 especies mariñas diferentes. Unha piscina exterior con focas completa o espazo.

Ademais da visita, o acuario conta con actividades e experiencias interactivas como tocar unha estrela de mar e coñecer onde viven os langostinos, entre outras.

Se queres saber o que alberga cada unha das salas de exposicións preme aquí.

Acuario do Grove (Pontevedra)

No acuario do Grove poderás descubrir o mundo submarino das Rías Baixas, os mares tropicais e o océano Atlántico. O lugar conta con 27 acuarios que albergan 1.000 peixes pertencentes a máis de 200 especies.

Os peques verán durante a visita quenllas, tartarugas e mesmo cabaliños de mar. Ao final do percorrido, hai un parque infantil ao aire libre e outro cuberto cun areeiro para que os nenos poidan “mariscar”.

Queres coñecer os nosos fondos mariños? Descubre como visitar o acuario premendo aquí.

Coñecer o mundo animal en familia

Pasa unha fin de semana cos teus peques explorando o mundo animal e a biodiversidade de cada ecosistema. Unha visita ao zoolóxico, acuario ou granxa educativa ofrecerá aos nenos unha experiencia emocionante e educativa que estimulará a súa curiosidade e amor pola natureza.

Se queres gozar de máis plans na natureza cos teus pequenos, bótalle unha ollada ao noso blog de actividades ao aire libre.

Comparte esta noticia