Bebegadis

Search
Close this search box.

Ensaladas estivais para un verán refrescante

Coa calor e os días de sol, é o momento perfecto para desfrutar de comida fresca e lixeira. As ensaladas estivais son unha opción ideal para toda a familia. Son versátiles, sinxelas de preparar, rápidas e ofrecen unha ampla gama de beneficios nutricionais.

Ademais, engadir ensaladas na dieta dos peques presenta múltiples beneficios: non só achegan vitaminas e minerais esenciais, senón que tamén fomentan hábitos alimenticios saudables dende unha idade temperá.

Por iso, no blog de hoxe de Bebé Gadis, traémosvos varias propostas diferentes que seguro podes adaptar aos gustos de todos.

Como engadir ensaladas na alimentación dos máis pequenos

Engadir ensaladas na dieta dos peques pode ser todo un reto, pero cun pouco de creatividade e paciencia, podemos lograr que desfruten delas.

Só precisamos ensinarlles que as ensaladas tamén poden ser divertidas e apetecibles. A continuación, amosámosche algúns consellos prácticos e moi efectivos!

  • Ao principio, poucos ingredientes: ao igual que coa alimentación complementaria, se queremos engadir novos pratos de comida, temos que facelo pouco a pouco para non angustiar ao peque con multitude de texturas e novos sabores. O ideal é comezar con ensaladas de 3 ou 4 ingredientes, engadindo algún que xa sabemos que lle gusta.
  • Cores e formas diferentes: se algo chama a atención dos nosos peques, son as cores. E, canto máis rechamante, mellor. Un prato cheo de cores resultaralles atractivo e gracioso, e amosarán interese por probalo. Ademais, saca o teu lado máis creativo facendo diversas formas coa ensalada, como caras ou animais.
  • Implícaos no proceso: aos peques encántalles sentirse partícipes de todo o que facemos. Deixa que te acompañen na compra dos ingredientes e na posterior preparación da ensalada. Isto aumentará o seu interese e quererán probar a súa propia elaboración.

Ensaladas frescas, variadas e lixeiras para toda a familia

En Bebe Gadis ofrecémosche tres opcións de ensaladas variadas de verán, perfectas para toda a familia. Ademais de ser refrescantes e nutritivas, están pensadas para atraer o interese e o padal dos máis pequenos.

Cheas de cores e sabor, son ideais para introducilos nunha dieta saudable.

Ensalada de froitas de tempada

Incluír froitas de tempada nas ensaladas é unha excelente opción para crear pratos frescos cun sabor diferente. As froitas son unha fonte de vitaminas, minerais e antioxidantes, esenciais para o desenvolvemento dos nenos.

Por outra banda, os canónigos son ricos en ferro, e o queixo fresco engade unha dose de proteína e calcio.

Escollemos as froitas e preparámolas!

Esta ensalada é unha das máis rápidas e sinxelas de preparar, xa que non precisamos cociñar ningún ingrediente.

O primeiro paso é lavar ben os canónigos e todos os froitos sen pel: os amorodos, as moras e os arándoos. Asegurámonos de eliminar as impurezas ou sucidade que poidan ter.

A continuación, pelamos o mango, quitámoslle o óso central e cortámolo en anacos pequenos. Os amorodos podemos laminalos ou cortalos tamén en anacos.

Con todo listo, montamos a ensalada. Nun bol grande, engadimos os canónigos previamente escorridos como base e botamos o resto dos ingredientes: queixo fresco, amorodos, moras, arándoos e mango.

Aderezamos cunha vinagreta sinxela de AOVE e zume de limón e mesturamos todo con coidado para non esmagar os froitos.

Ensalada de polo e mazá

O polo é unha excelente fonte de proteína magra, convertendo calquera ensalada nun prato do máis completo.

Sen esquecernos da froita, incluímos a mazá, que aporta fibra e vitaminas, ademais dun toque crocante.

Como preparalo

Comezamos preparando as peitugas de polo, xa que será o único ingrediente que temos que cociñar.

Sazonamos con sal e pementa ao gusto e, nunha tixola ben quente cunha gota de AOVE, facémolas á prancha ata que estean cocidas pero saborosas. Cando estean frías, cortámolas en anacos pequenos.

Lavamos e cortamos a mazá e o tomate en dados pequenos, conservando a súa pel.  Se non temos queixo en tacos, facemos o mesmo procedemento con el.

Agora chega o momento de montar a ensalada. Nun bol, botamos os distintos brotes de leituga, a cenoria relada, o tomate, o queixo e, por riba, os anacos de mazá e polo.

Para rematar, preparamos unha vinagreta de iogur para aliñala. Nun recipiente, mesturamos o iogur natural con zume de limón, sal e pementa. Se queres, tamén podes engadir un pouco de coandro.

Aliñamos a ensalada e xa estará lista para servir, métea nun túper ou reservala para a cea.

Ensalada de pasta multicolor

As ensaladas de pasta ofrecen unha multitude de combinacións de ingredientes.

A pasta proporciona a enerxía necesaria para que os nenos se manteñan activos, mentres que as verduras e proteínas que incluamos proporcionan unha ampla gama de vitaminas, minerais e nutrientes esenciais.

Imos cociñar!

Para esta ensalada, comezamos por cociñar a pasta, que será a base deste prato. Calquera tipo de pasta vai ben, así que podemos escoller a que máis lle guste ao noso peque.

Unha vez cocida, escorrémola e botámoslle un pouco de AOVE para que non se pegue e deixamos arrefriar.

Mentres, cocemos o ovo, e lavamos e cortamos as distintas verduras que imos incluír na nosa receita.

Cando teñamos todos os ingredientes preparados, nun bol, engadimos a pasta fría. A continuación, engadimos o ovo cortado en anacos, o atún, e a variedade de verduras frescas que seleccionamos: tomate cherry, millo, cenoria relada e cebola doce. Para darlle un toque cremoso, engadimos queixo en tacos.

Acompañamos esta ensalada cunha vinagreta moi sinxela: AOVE, vinagre de mazá ou viño branco, sal e pementa.

Aliñamos ao gusto e listo para levar á praia ou de picnic.

Un verán delicioso con Bebé Gadis

Estas receitas non só son deliciosas e refrescantes, senón que tamén son unha boa forma de incorporar máis froitas, verduras e proteínas á dieta do teu pequeno.

Desfruta do verán con estas ensaladas e asegura unha alimentación saudable para toda a familia!

E, se queres acompañalo dunha sobremesa moi saborosa, recomendámosche a nosa receita de xeados cremosos de iogur e froitas.

Lembra que podes atopar todos os produtos mencionados neste blog no teu supermercado Gadis máis próximo.

Comparte esta noticia