Bebegadis

Search
Close this search box.

4 actividades de Halloween divertidas para facer con nenos

Achégase Halloween e con el unha oportunidade perfecta para desfrutar de momentos creativos en familia!

Desde grilandas arrepiantes ata adorables monstros, en Bebé Gadis preparamos unha selección das actividades máis divertidas e sinxelas para facer todos xuntos nesta festividade.

Entón, prepárate para pasar unha tarde facendo manualidades na casa cos teus pequenos artistas. Imos aló!

Grilandas de pantasmas, morcegos e cabazas

Esta é a oportunidade perfecta para que os nenos participen na creación dunha grilanda debuxando, recortando e pegando diferentes figuras.

O material que precisamos é o seguinte:

  • Cartolina de cores (verde, negro, laranxa)
  • Polistireno en forma de bola
  • Papel de seda branco
  • Limpapipas
  • Rotuladores
  • Cola
  • Tesoiras
  • Corda ou fío

Para comezar, creamos os morcegos: empregamos a cartolina negra para debuxar a súa silueta. Aquí os máis pequenos poden participar debuxando os seus propios deseños ou axudándonos a marcar as figuras. Logo, deixamos que recorten as formas.

A continuación, preparamos as pantasmas: collemos unha bola de polistireno e cubrímola con papel de seda branco. Para que quede ben, colocamos un limpapipas enriba, creando a cabeza. Trátase dunha tarefa sinxela e divertida na que os máis peques poden colaborar facilmente. Ademais, encantaralles pegar os ollos, dándolle un aire aterrador.

Para rematar, facemos as cabazas: debuxamos e recortamos tres círculos na cartolina laranxa. Os nenos poden pegalos uns enriba dos outros, formando a estrutura. Cun anaco de cartón verde, facemos o talo e pegámolo na parte superior. Para completar, dámoslles un rotulador negro e eles serán os encargados de debuxar o rostro característico da cabaza.

Unha vez que teñamos as figuras listas, facemos un pequeno burato en cada unha e empregamos un limpapipas para unir as pantasmas. Pasamos un fío ou corda por todas as figuras para formar a grilanda. E xa está lista para colgar en calquera recuncho da casa!

Máscara aterradora con goma eva

As máscaras son unha forma divertida e sinxela de engadir un toque especial aos disfraces de Halloween.

Para esta actividade precisamos:

  • Goma eva branca e negra
  • Rotuladores de cores
  • Tesoiras
  • Corda elástica
  • Decoración adicional (adhesivos, purpurina, etc.)

Comezamos cortando un anaco de goma EVA branca en forma de caveira. Podemos usar un modelo ou deixar que os nenos a debuxen como queiran. Despois, facemos dous buratos grandes para os ollos e un burato na parte inferior para a boca.

Agora, engadiremos os detalles. Recortamos formas na goma eva negra para facer as cuncas dos ollos e os dentes. Pegamos estes detalles con cola na máscara.

Os peques poden empregar rotuladorespara facer máis accesorios ou engadir decoracións adicionais, dependendo da súa creatividade.

Por último, pegamos unha corda elástica aos lados da máscara para que se axuste á cabeza, ou ben empregamos unha cinta que se pode atar por detrás.

Arañas de Halloween feitas con oveiras

Facer arañas con oveiras é unha forma orixinal de reciclar os elementos que temos na cociña, deixando voar a nosa creatividade con unha sinxela caixa de cartón para ovos.

Que precisamos?

  • Oveiras de cartón
  • Pintura negra
  • Pinceis
  • Limpiapipas negras
  • Ollos móbiles
  • Barra de cola ou silicona fría
  • Tesoiras

O primeiro paso é cortar a oveira. Podemos cortar os ocos individualmente ou en grupos de dous, dependendo do grande que queiramos que sexa o corpo da nosa araña.

Despois, deixamos que os peques as pinten completamente de negro. Pódense usar témperas, ceras ou rotuladores. Mentres pintan, cortamos os limpapipas en anacos iguais para facer as patas, que pegaremos a cada lado da oveira cando estea seca.

Finalmente, pegamos os ollos móbiles por diante e deixamos que lle fagan a boca.

Adorno de monstros coas mans

Esta actividade é ideal para os máis pequenos, xa que empregamos as súas mans para crear pequenas criaturas, como vampiros ou bruxas.

Que materiais precisamos?

  • Folla de papel
  • Pintura lavable
  • Pinceis
  • Rotuladores ou lapis
  • Tesoiras
  • Cola
  • Ollos móbiles (opcional)

Comezamos escollendo unha cor de pintura para facer a pegada da man. Por exemplo, podemos utilizar o verde para facer unha bruxa. Botamos a pintura na palma da man do peque, cubrindo ben todos os seus dedos.

Despois, coa súa man xa pintada, axudámoslle a premela con forza nunha folla de papel para que deixe a marca. Podemos facer varias impresións con diferentes cores para crear multitude de monstros.

Unha vez que as pegadas estean secas, poden usar rotuladores ou lapis para engadir faccións divertidas ao personaxe. Tamén poden recortar formas adicionais de papel de cores, como orellas ou pelo, e pegalas ao redor do debuxo para facelo aínda máis real.

Un Halloween terroríficamente divertido con Bebé Gadis

Estas non só son actividades entretidas para os máis peques da casa, senón que tamén son ideais para decorar a nosa casa dun xeito orixinal e personalizado no mes de outubro.

Cuns poucos materiais e unha execución moi sinxela e rápida, poderás crear cos teus pequenos as manualidades máis orixinais. Se decides facer algunha das nosas propostas, súbea ás redes sociais co hashtag #ManualidadesBebéGadis

Na nosa web poderás atopar outros contidos sobre Halloween, como ideas de disfraces para levar á escola.

Comparte esta noticia