Bebegadis

Search
Close this search box.

3 merendas saudables para nenos

A alimentación dos nosos peques é un piar fundamental para o seu desenvolvemento e benestar. Entre as comidas principais, a hora da merenda é un dos momentos máis importantes, proporcionando enerxía e nutrientes necesarios para mantelos activos durante todo o día. É esencial que estas merendas sexan equilibradas e nutritivas, contribuíndo a un crecemento axeitado e un desenvolvemento óptimo dos máis pequenos. Dende Bebé Gadis contámosvos 3 receitas moi sinxelas e rápidas que podes prepararlle aos teus peques na casa, con opcións que mesturan o delicioso co nutritivo, perfectas para todos os membros da familia.

Que debe ter unha merenda saudable

Se queres planificar unha merenda completa e saudable, toma nota! Hidratos de carbono, proteínas, graxas saudables, vitaminas e minerais. Estes son os nutrientes clave que deben conter. Esta variedade axuda a manter o equilibrio enerxético e satisfai as necesidades de crecemento e desenvolvemento dos nenos.

Alimentos a ter en conta:

  • Froita: as froitas frescas e de tempada, constitúen unha fonte excepcional de vitaminas, minerais e nutrientes cruciais para o crecemento e desenvolvemento axeitado dos nenos. As froitas son, naturalmente, baixas en calorías e densas en nutrientes, o que as converte nunha gran opción para satisfacer a fame entre comidas.
  • Lácteos: os produtos lácteos, como o iogur, o queixo e o leite, son fundamentais para proporcionar proteínas de alta calidade e calcio, nutrientes esenciais para o crecemento e desenvolvemento óseo. Contén tamén outros nutrientes clave, como a vitamina D.
  • Cereais: os cereais integrais, como a avea, ofrecen unha fonte rica en hidratos de carbono. Estes hidratos de carbono son cruciais para proporcionar enerxía de liberación lenta, que axuda a manter a enerxía necesaria polo resto do día.

Unha vez que temos claro que alimentos son bos para incorporar nas merendas dos nosos peques, pasamos ao prometido, receitas sinxelas e rápidas de merendas saudables.

Barras de avea con plátano e froitos secos

Se na casa sodes intolerantes a algún froito seco, podedes eliminar este ingrediente da receita.

Para facer as nosas barras caseiras, o primeiro paso é pelar o plátano maduro e machucalo coa axuda dun garfo ata que teña unha textura que semelle un puré.

A continuación, se vas a engadirlle algún froito seco dos mencionados, cunha picadora ou batedor, trituramos ata que queden dun tamaño parecido aos copos de avea.

Agora, nun bol, mesturamos todos os ingredientes: o puré de plátano, os froitos secos triturados, os copos de avea, o leite e a canela. Remexemos ben ata que todos os ingredientes estean integrados e deixamos en repouso 10 minutos.

Pasado o tempo, nunha bandexa ou recipiente rectangular vertemos a masa, estendémola coa axuda dunha espátula de cociña e prememos ben.

Para cociñalas podes, ou ben empregar o microondas ou o forno.

  • No microondas tardarán entre 4-5 minutos con potencia alta e quedarán un pouco brandas, perfectas para os máis peques.
  • No forno quedarán máis crocantes e tardarán en estar 15 minutos aproximadamente, a 180 grados.

Deixamos arrefriar, cortamos en anacos rectangulares, e as nosas barras estarán listas para comer!

Galletas de améndoa e mazá

Comezamos pelando a mazá e cortándoa en dados. Nun cazo con auga fervendo, cocemos estes anacos durante 5 minutos, aproximadamente, ata que vexamos que están brandos.

Collemos un bol e machucamos a mazá coa axuda dun garfo ata obter unha textura de papa. A este bol engadimos o leite temperado e a crema de cacahuete e mesturamos ben ata conseguir unha mestura homoxénea. Cando a teñamos, engadimos o resto de ingredientes, a canela e as améndoas moídas, e volvemos a integrar todo de novo ata lograr unha masa consistente.

Mentres pre-quentamos o forno a 180 grados facemos pequenas bolas coa masa, que iremos poñendo na bandexa do forno, enriba do papel para forno. Para obter a forma de galleta, esmagámolas un pouco.

Metemos no forno aproximadamente 10 minutos, ata que vexamos que se están poñendo de cor dourado. Quitamos do forno, deixamos que arrefríen e xa temos a merenda dos nosos peques preparada.

Granola caseira con froitas

Mentres pre-quentamos o forno a 180 grados, comezamos a preparar a masa que será a nosa granola.

Nun bol, mesturamos primeiro o mel, ou a pasta de dátiles, co AOVE. Cando estea listo, engadimos a avea e o coco relado e volvemos a remexer ata que todos os ingredientes estean integrados. Se decides agregar as sementes, engadiríanse á mestura neste paso.

Nun recipiente rectangular fondo apto para o forno poñemos esta mestura, estendéndoa por todo o espazo. Metemos no forno uns 15-20 minutos aproximadamente, remexendo se é necesario, ata que vexamos que está ben tostada.

O último paso é poñerlle as froitas deshidratadas. Retiramos a granola do forno, engadimos as froitas, mesturamos todo ben e deixamos arrefriar.

Podemos tomar a nosa granola soa, como un aperitivo, acompañala cun iogur natural xunto con froita de tempada cortada, ou nun vaso de leite, hai mil maneiras de combinala!

Outras receitas para desfrutar dunha merenda saudable

En Bebé Gadis non deixamos de cociñar e buscar alternativas para que os nosos peques teñan unha dieta variada e saudable á par que deliciosa. É por iso que, se estas tres receitas che saben a pouco, podes botarlle unha ollada a estas dúas que publicamos con anterioridade:

E recorda que todos os ingredientes mencionados podes atopalos nos nosos supermercados Gadis. Podes consultar nesta ligazón cal é o teu Gadis máis próximo.

Se te animas a prepararlle algunha destas merendas aos teus peques, comparte o resultado nas redes sociais co hashtag #ReceitasBebéGadis

Comparte esta noticia