O almorzo é un dos momentos máis importantes na alimentación dos nosos peques. Proporciónalles a enerxía e os nutrientes necesarios para manterse activos durante todo o día, polo que é esencial que esta comida sexa equilibrada e nutritiva, contribuíndo así ao seu crecemento e desenvolvemento.
Dende Bebé Gadis, traémosche 3 receitas de tortiñas saudables, moi fáciles e rápidas, que lles encantarán aos teus peques e que tamén son perfectas para a merenda.
Ademais, estas tortiñas son ideais para eses papis que queren comezar co método Baby-Led Weaning.
Que é o Baby – Led Weaning?
O Baby – Led Weaning (BLW), ou “alimentación guiada polo bebé”, é unha forma de introducir aos nosos bebés nos alimentos sólidos. Co BLW, deixamos que os peques experimenten e exploren a comida coas súas propias mans.
Este enfoque non só axuda a que desenvolvan as súas habilidades motoras finas, senón que tamén favorece a inclusión de novos alimentos dende unha idade temperá.
As seguintes tortiñas son unha excelente opción. Son fáciles de agarrar para as súas mans curiosas e están cheas de ingredientes saudables.
Tortiñas de avea e plátano
A avea é o plátano son unha combinación perfecta para un almorzo nutritivo.
A avea é rica en fibra, o que axuda á dixestión e mantén aos peques saciados por máis tempo. Ademais, é unha excelente fonte de enerxía lenta, ideal para mantelos activos todo o día.
O plátano, pola súa parte, é unha froita que aporta potasio, vitamina C e vitamina B6, esenciais para o desenvolvemento muscular e nervioso.
Estas tortiñas son aptas para bebés a partir dos 6 meses.
Listaxe de ingredientes:
• 2 plátanos maduros
• 2 ovos grandes
• 100 g de copos de avea ou fariña de avea
• Canela (opcional)
Preparamos as tortiñas
Estas tortiñas teñen tan só tres ingredientes e son moi sinxelas e rápidas de facer, tan só tardaredes uns minutos en elaboralas e ter un almorzo do máis completo.
Nun bol grande, esmagamos os plátanos maduros ata lograr unha textura de papa. A continuación, engadimos os ovos e mesturamos ben.
Despois, agregamos a avea, ben sexa en fariña ou en copos, e volvemos mesturar todos os ingredientes ata conseguir unha masa homoxénea. Se decidimos botar a avea en copos, quedarán pequenas trazas. A canela engadiríase neste momento, se o desexamos.
Dámoslle forma…e a xantar!
Mentres mesturamos todos os ingredientes, poñemos a quentar unha tixola antiadherente cunha gota de aceite.
Cando teñamos a masa lista e a tixola estea quente, coa axuda dun cullerón, poñemos un pouco de masa na tixola. Procuramos que non queden moi grosas e dámoslle unha forma redonda.
Cociñamos as tortiñas a fogo medio aproximadamente 2 minutos por cada lado, ata que teñan un ton dourado polos dous lados e estean cocidas.
Se queres acompañar as tortiñas con algún topping, aconsellámosche cortar pequenos anacos de plátano e kiwi, aínda que ao peque encantaranlle por si soas.
Tortiñas de garavanzo e mazá
A fariña de garavanzo é unha fonte de proteínas vexetais e fibra, que axuda a manter a enerxía e promove unha boa dixestión. Ademais, é rica en ferro, fundamental para o desenvolvemento cognitivo dos peques.
A mazá aporta vitaminas A e C, e é un excelente alimento para fortalecer o sistema inmunolóxico.
Estas tortiñas son perfectas para nenos a partir dos 8 meses, cando xa probaron unha variedade de alimentos sólidos e poden manexar texturas máis complexas.
Listaxe de ingredientes:
• 1 mazá relada
• 95 g de fariña de garavanzo
• 60 ml de leite vexetal
• Canela (opcional)
Facemos a mestura
O primeiro paso para estas tortiñas doces é escoller unha mazá pequena, branda e doce, pelala e relala.
Unha vez preparada, nun recipiente engadimos todos os ingredientes e batemos coa axuda dun batedor eléctrico ou manual, ata que todos os ingredientes estean ben integrados e teñamos unha masa homoxénea. Se queremos engadir un pouco de canela, debemos facelo xunto co resto dos ingredientes.
A tixola!
Poñemos a quentar unha tixola cunha gota de aceite e, cando estea moi quente, botamos pequenas porcións de masa na tixola coa axuda dun cullerón.
Cociñamos a fogo medio ata que as tortiñas estean douradas polos dous lados e cocidas polo medio, aproximadamente uns 2 minutos.
Se queres acompañalas con algún topping, aconsellámosche cortar pequenos anacos de mazá e plátano.
Tortiñas de avea e cabaza
A avea, como dixemos anteriormente, é unha gran fonte de fibra e enerxía. A cabaza, pola súa parte, é rica en vitamina A, e en antioxidantes.
Estas tortiñas son aptas para bebés a partir dos 6 meses.
Listaxe de ingredientes:
• 100 g de cabaza cocida
• 1 ovo
• 60 g copos de avea
• 120 ml de leite vexetal
• Canela (opcional)
Como facer tortiñas con cabaza
Para preparar cabaza cocida, temos que pelala, cortala en pequenos anacos, quitarlles as sementes e cocela uns 20-30 minutos dende que comeza a ferver, ata que vexamos que está o suficientemente branda.
Cando a teñamos cocida, triturámola ata obter unha papa cremosa.
Unha vez teñamos a papa, poñemos todos os ingredientes nun recipiente e mesturámolos ben con un batedor manual ou eléctrico, ata lograr unha masa homoxénea. Se optamos por non triturar os copos de avea, quedarannos pequenas trazas.
A cociñar!
Poñemos a quentar unha tixola cunha gota de aceite e, cando estea ben quente, botamos pequenas porcións de masa na tixola con un cullerón.
Cando vexamos que a tortiña ten burbullas, pasados uns 2 minutos aproximadamente, é momento de darlle a volta. Estará lista cando teña un ton dourado polos dous lados.
Se queres acompañalas de algún topping, aconsellámosche un mix de froitos vermellos.
Almorzo completo con Bebé Gadis
Engadir estas tortiñas no almorzo dos teus peques non só fará que as mañás sexan máis divertidas e variadas, senón que tamén lles axudará a ter uns hábitos alimenticios saudables dende unha idade temperá.
Calquera destas tres receitas está feita para que os nenos as desfruten mentres obteñen todos os nutrientes que precisan.
E, se tes nenos máis maiores e queres un pouco máis de variedade, recomendámosche o noso blog “Ideas de almorzo e merendas divertidas para o teu peque”.
Recorda que todos os ingredientes mencionados nas nosas receitas podes atopalos no teu supermercado Gadis máis próximo.
Mans á masa e a desfrutar en familia!