Bebegadis

Search
Close this search box.

Actividades para estimular a psicomotricidade do neno

Acompañar aos nenos nos seus primeiros anos de vida con actividades lúdicas é fundamental para potenciar o seu crecemento físico, cognitivo e emocional.

En Bebé Gadis comprendemos o importante que é o desenvolvemento integral dos nosos peques. Por iso, hoxe traémosvos unha proposta divertida á par que educativa para traballar a psicomotricidade a través de manualidades.

Por que é importante traballar a psicomotricidade

A psicomotricidade é moito máis que a simple capacidade de moverse. Ao estimulala, axudamos a que os peques non só melloren a súa coordinación física, senón tamén as súas habilidades cognitivas e sociais.

A través de xogos e actividades, aprenden a coñecerse mellor, a moverse con soltura e a gañar maior confianza nas súas capacidades.

É por iso que traballala é especialmente relevante nos primeiros anos de vida, cando o cerebro do peque está en pleno desenvolvemento, entre os 0 e 3 anos. Ao integrar o xogo no seu día a día, non só fomentamos a aprendizaxe, senón que tamén creamos momentos especiais de conexión con eles.

3 actividades para estimular a psicomotricidade infantil

Carreira de obstáculos artística

Nesta actividade, o principal é combinar a arte co movemento, creando unha experiencia completa para desenvolver tanto a motricidade grosa como a fina.

Preparamos distintas estacións de manualidades e engadimos, entre elas, pequenas actividades físicas, como: dar un xiro sobre si mesmos, pasar por debaixo dunha cadeira ou gatear.

  1. Primeira parada: pinta coas mans. Con pinturas aptas para nenos, deixamos que exploren as texturas e cores mentres estampan as súas mans nunha folla. Desta maneira, fomentamos a creatividade e traballamos a súa motricidade fina ao controlar os movementos das mans e dos dedos.
  2. Segunda parada: debuxa a un ser querido ou a si mesmo. Aquí os peques poden desenvolver a súa percepción do corpo e o espazo mentres debuxan figuras sinxelas, como a mamá, a papá ou a eles mesmos.
  3. Cuarta parada: colorea un animal. Nesta parada empregarán a súa imaxinación para pintar un animal que lles guste ou que viran algunha vez. Podemos ter debuxos impresos ou deixar que fagan os seus propios animais.
  4. Quinta parada: debuxo libre. Esta última estación é para dar renda solta á creatividade. Poden debuxar o que queiran!

Con este circuíto non só potenciaremos a súa capacidade de concentración, senón que tamén lles axudaremos a mellorar a súa mobilidade ao ter que desprazarse dunha estación a outra facendo pequenos retos.

Procura do tesouro táctil

O obxectivo desta actividade é estimular o sentido do tacto, a atención e a curiosidade dos peques. Aquí, ademais de explorar distintas texturas e obxectos, experimentan o mundo dunha forma máis detallada e atenta, aprendendo a distinguir calidades como o tamaño e a forma.

  • Busca algo suave: pode ser un peluche, unha almofada ou unha manta.
  • Busca algo grande e rugoso: como unha esponxa ou un xoguete cunha superficie rugosa.
  • Busca algo brando: obxectos como un coxín ou unha pelota de goma axudaralles a distinguir aqueles nos que poden exercer presión e teñen certa flexibilidade. É ideal para fortalecer as súas habilidades de exploración sensorial.
  • Busca algo pequeno: poden ser botóns, bólas ou pezas de construción. Manipular obxectos pequenos permítelles traballar a precisión dos seus dedos e mellorar a súa destreza manual.
  • Busca algo que faga ruído: como un axóuxere ou un xoguete interactivo. Descubrirán como diferentes materiais producen sons únicos ao tocalos ou axitalos.

Esta actividade permitiralles descubrir o mundo a través do tacto, axudándolles a procesar mellor as sensacións físicas e a desenvolver a súa capacidade de atención.

Modelar con plastilina o noso propio zoolóxico

A plastilina é unha ferramenta fantástica para desenvolver a motricidade fina nos nenos. Manipulala axúdalles a fortalecer os músculos das mans e mellorar a coordinación dos dedos. Ademais, é unha actividade do máis creativa.

Crea as figuras: comezamos por ensinarlles a facer boliñas, esmagalas e moldealas cos dedos ou con pequenas ferramentas. Pouco a pouco, podemos guialos para formar os animais do zoolóxico.

Personaxes de Bebé Gadis: podemos crear os personaxes de Bebé Gadis, como a coelliña Inés, coas súas grandes orellas, ou a xirafa Elisa, co seu corpo longo e delgado. Desta forma, mellorarán a súa destreza manual.

Ao modelar con plastilina, traballarán con precisión nos pequenos detalles e darán renda solta a súa imaxinación.

A importancia da psicomotricidade con Bebé Gadis

Estas actividades, ademais de ser divertidas, ofrecen unha excelente oportunidade para fomentar o desenvolvemento físico e cognitivo dos máis pequenos. Dende Bebé Gadis, queremos que desfrutedes destas manualidades cos vosos peques sabendo que, mentres xogan, tamén están aprendendo.

Se queres máis actividades para desfrutar en familia, botádelle un ollo á nosa entrada Actividades para nenos de 0 a 3 anos.

Comparte esta noticia