Bebegadis

Search
Close this search box.

Actividades para fomentar a estimulación temperá do teu bebé

Os primeiros anos de vida do bebé son fundamentais para o seu desenvolvemento, e a estimulación temperá é unha extraordinaria ferramenta que che axudará a potenciar as súas habilidades de maneira divertida e sinxela, respectando o seu ritmo e nivel de maduración.

Dende Bebé Gadis, contámosche algunhas actividades que podes facer na casa para axudarlle a explorar o mundo e desenvolver novas habilidades dunha forma natural.

Por que é importante?

Dende que nace, o bebé está en constante aprendizaxe, e a estimulación temperá proporciónalle experiencias que favorecen o seu desenvolvemento sensorial, motor e cognitivo.

A través destes xogos e actividades, non só mellorarás a súa capacidade para moverse, comunicarse e relacionarse co seu entorno, senón que tamén estarás contribuíndo a que se coñeza mellor a si mesmo, descubrindo as súas habilidades e emocións.

O xogo das texturas

O tacto é un dos primeiros sentidos que os bebés empregan para explorar o mundo.

Con este xogo, axudarémoslle a experimentar distintas percepcións das cousas mentres se divirte. É unha actividade moi sinxela, pero coa que o noso peque explorará diversas sensacións.

Como o facemos?

Buscamos na casa obxectos con texturas variadas, como un anaco de tea suave, unha esponxa, un xoguete de goma ou incluso un algodón. Sentámonos no chan e deixamos que toque cada obxecto mentres lle describimos como é: “isto é suave” ou “isto é rugoso”.

Outra alternativa é facer esta actividade con varios alimentos, para presentarlle as texturas que poden ter, por exemplo, as froitas: a rugosidade da laranxa, a pilosidade do kiwi, a pel aveludada e suave do pexego, entre outras.

Por que é importante?

Este xogo é ideal para estimular o sentido do tacto, axudándolles a descubrir o mundo a través das percepcións. Tamén contribúe ao seu desenvolvemento cognitivo, xa que comezan a relacionar as sensacións coas palabras.

Ademais, é un excelente exercicio para mellorar a súa coordinación man-ollo. É axeitado para os peques maiores de 3 meses, cando xa comezan a amosar curiosidade polos obxectos que os rodean.

Descubrimos as nosas faccións e emocións!

O xogo do espello é perfecto para que empece a recoñecerse a si mesmo e a divertirse coas caras e expresións.

Como o facemos?

Colocámonos diante dun espello co peque en brazos ou sentado no chan. Cando teñamos a súa atención, comezamos a facer diferentes expresións: sorrimos, facemos acenos ou sacamos a lingua, animándoo a que intente imitarnos.

Tamén podemos poñer un xoguete diante do espello e movelo para que o siga coa mirada.

Cerca dos 18 meses, os peques comezan a comprender o que lles dicimos, e podemos xogar con eles a identificar as emocións para desenvolver a súa empatía. Esta actividade é xenial para ollar como se ven os sentimentos reflectidos no espello.

Unha vez sexan máis maiores, con 2 anos, xa serán capaces de nomear partes do corpo. Podemos pedirlles que nos sinalen algunhas e repitan connosco como se chaman.

Por que é importante?

O xogo co espello é xenial para que o bebé empece a recoñecer o seu reflexo e traballe o seu desenvolvemento visual. Esta actividade pode ser moi divertida dende os 6 meses de idade do peque.

A canastra dos tesouros

A canastra dos tesouros é unha maneira fantástica de fomentar a súa curiosidade con obxectos que xa tes na casa ou elementos propios de cada estación. É perfecta para que explore diferentes materiais e formas de maneira segura.

Como o facemos?

Enchemos unha cesta con obxectos do día a día que sexan seguros para o bebé, como culleróns de madeira, un biberón, un peite ou un xabón, entre outros. Poñemos a cesta diante do peque e deixamos que explore ao seu ritmo. Mentres manipula os obxectos, explicámoslle o que está tocando, para que sirve e animámolo a que faga ruído con eles.

Para esta actividade de exploración, tamén podemos aproveitar os elementos propios de cada época, para amosarlles, ao mesmo tempo, as diferentes estacións do ano. Por exemplo, para o outono, podemos engadir na cesta algunha piña, castaña ou folla, para que descubra as texturas e características desta época.

Podemos facerllo cando xa sexa capaz de sentarse só, arredor dos 6 meses.

Por que é importante

Esta actividade estimula o sentido do tacto e a curiosidade natural do bebé.

Permítelle descubrir como son e como funcionan os obxectos, mentres mellora a súa coordinación man-ollo. Ademais, é unha forma estupenda de motivar a súa exploración autónoma, xa que pode xogar e descubrir ao seu propio ritmo.

Bailamos ao ritmo da música

A música é unha excelente ferramenta para alentar aos bebés, e se lle engadimos movemento, o resultado é dobremente divertido!

Bailar e moverse ao ritmo de cancións sinxelas é unha gran forma de pasar tempo xuntos.

Como o facemos?

Eliximos unha música tranquila ou cancións infantís que nos gusten e poñémolas a un volume suave. Se o peque aínda é moi pequeno, podemos mover suavemente os seus brazos e pernas ao ritmo da música. Se xa se mantén sentado ou de pé, animarémolo a moverse con nós.

Por que é importante

O baile e o movemento ao ritmo da música favorecen a motricidade grosa do bebé, axudándolle a fortalecer o seu corpo e mellorar a súa coordinación.

Ademais, a música estimula o seu desenvolvemento auditivo e é unha forma xenial de fomentar o vínculo emocional entre vós, xa que vos divertiredes mentres vos movedes xuntos. Esta actividade é axeitada para todas as idades.

Aprendemos e crecemos xuntos con Bebé Gadis

A estimulación temperá é fundamental para o desenvolvemento do bebé. A través destes xogos sinxelos, estamos axudando a que medre san e feliz, mentres desfruta de novas experiencias.

Se queres máis ideas sobre como potenciar o desenvolvemento do teu peque, podes visitar as nosas entradas Actividades para mellorar o desenvolvemento sensorial dos nenos e Como estimular a linguaxe do teu bebé

Anímate a poñer en práctica estas actividades e a desfrutar cada momento deste marabilloso proceso de crecemento!

Comparte esta noticia