Bebegadis

Search
Close this search box.

As relacións sociais do teu bebé

Dende o momento do seu nacemento, o bebé estará predisposto a relacionarse con outras persoas. Diversas investigacións demostran o interese innato do bebé por outros rostros humanos.

A primeira relación dun bebé será, por suposto, coa nai. Esta é a relación básica e a figura sobre a que construirá a súa “base segura” dende a que dará renda solta á súa “exploración do mundo”. É recorrente o comportamento, por parte do pequecho, de alongarse momentaneamente dela recuperando o contacto visual cada pouco tempo. Explorará un xoguete, unha textura, calquera obxecto e tratará de establecer de novo contacto visual. Se non o consegue, buscará á nai e volverá cara a ela. Así irá construíndo unha relación de confianza.

A ampliación desta relación por outros individuos do seu contorno é moi importante xa que, de sentirse seguro, o neno ábrese ao mundo sen medo e a súa capacidade de explorar e a súa curiosidade medran; aprenderá, pouco a pouco, a buscar solución aos problemas que  lle vaian xurdindo e, en xeral, relacionarase mellor. Resumindo: saberse querido e seguro potenciará que se faga un neno con confianza en si mesmo.

Entre os 4 e os 7 meses

Neste período ocorren cambios físicos moi importantes no neno, que influirán na súa relación co contorno e coas persoas que o rodean. En primeiro lugar empezará a pasar máis tempo esperto que durmido, á contra do que ocorría ata agora e, por outra parte, xa pode manterse sentado, polo que o mundo que o rodea pode ser escrutado máis facilmente.

Esta combinación vai contribuír a que aumente o seu interese polo contorno. Pero ademais vai ir aumentando a súa curiosidade de cara ás persoas en detrimento da que mostraba ata o momento por obxectos e xoguetes. A xente será moito máis interesante para el!!! Tamén comezará aquí a conectar sentimentalmente con outros e así o expresará mediante choros ou sorrisos segundo se lle fale brusca ou melodicamente.

Arredor dos 5 meses comezará a ampliar o seu repertorio en canto a sons e así empezará a utilizar outros para chamar a atención, ou os choros cando non lle guste algo. Comezará tamén a expresar máis emocións como satisfacción, agrado, desagrado, cansazo, etc.
Entre os 6 e 7 meses comprobaremos outras progresións como o feito de que distingue membros da familia ou que comeza a mostrar timidez.

O reforzo dos lazos afectivos


Como xa dixemos, os pais serán os primeiros intermediarios entre o bebé e o resto da sociedade. Son os que actúan de ponte co resto da familia, amigos, e, en definitiva, co mundo que rodeará o bebé, por isto debe potenciarse a sensación de seguridade física e afectiva. Isto sentará as bases da súa autoestima e facilitará as relacións futuras a medida que medre. ¿Como faremos isto? Atendéndoo e dándolle un colchón afectivo mediante contacto físico e actividades lúdicas e interesantes para el como poden ser os xogos.

Comparte esta noticia