Bebegadis

Search
Close this search box.

Consellos para retirar o cueiro

Aínda non te recuperaches da emoción de que o teu pequeno/a camiñe só/soa e comece a falar e xa estamos preto doutro momento moi importante: fora cueiro! Unha nova lección chega, tanto para ti como para o teu fillo/a. Coa túa axuda, aprenderá a ir ao baño el/a soíño/a e a ser máis autónomo/a.

Nesta etapa descubrirá novas partes do corpo e que é o que ocorre con elas, por iso, debes axudalo/a a familiarizarse con diferentes palabras como ouriñal, pipí, caca, etc. Tamén a controlar o seu corpo e identificar cando ten ganas de ir ao baño.

É importante levar todo este proceso con calma e non tomalo como unha meta. O teu peque marcará o seu propio ritmo e iredes aos poucos, sen présa. Para iso, contámosche algunha recomendación, segue lendo!

Como elixir o mellor momento?

Tal e como che contamos, cada neno/a é diferente e non existe un momento concreto no que pensar na retirada do cueiro. Xeralmente, adoita roldar o ano e medio ou os dous anos do peque, pero para que poida resultarche máis fácil, contámosche algúns sinais que podes detectar nel/a para empezar esta etapa:

  • Empeza a camiñar só/a e é máis independente cos seus movementos.
  • Avísache de que o cueiro está sucio ou de que está a facer pis ou caca nese momento.
  • Os cueiros mánchanse menos veces ou con menos cantidade.
  • Empeza a crear unha rutina de facer pis ou caca durante o día.
  • É capaz (ou case) de quitarse a roupa el/a soíño/a.

7 pequenas recomendacións para abandonar o cueiro

Empeza no momento adecuado

Evita empezar a retirada do cueiro en momentos complicados: unha viaxe, unha mudanza, un período laboral no que non esteas moito na casa, adaptación á escola infantil, etc. Así, o teu fillo/a poderá centrarse nunha soa aprendizaxe e evitaredes posibles momentos de frustración.

Fala co teu fillo/a

É importante que o teu peque saiba que é o que vai ocorrer. Cóntalle que ides empezar a quitar o cueiro, que significa este cambio e por que o ides facer. Podes explicarlle que vai probar a facer pis e caca no ouriñal como os/as maiores, e que pode ir cando a el/a lle apeteza.

Nin abafos nin rifas

Seguro que en todo o proceso do abandono do cueiro terá escapes e terás que cambiar moitos pantalóns, por iso é importante a paciencia! Aínda que ás veces poida resultar un pouco desesperante, trata de non rifarlle xa que está a aprender a controlar por si mesmo/a o esfínter.

Que teña escapes é normal, é un proceso de madurez fisiolóxica. Celebra co teu fillo/a os pequenos logros que vai conseguindo.

Ponlle un modelo de cueiro cómodo

Existen varios modelos de cueiro, pero o que é tipo braguiña, resultaralle máis cómodo para facelo soíño/a. Empezará a familiarizarse co seu uso xa que se asemella á roupa interior que vai usar de maior.

Deixa que o teu peque siga o seu propio ritmo

Non existe un momento concreto para deixar o cueiro. Cada neno/a é diferente. Non te angusties se o seu compi do cole xa non usa cueiro, o teu fillo/a atopará o momento no que se sinta cómodo/a para deixalo.

Permite que che acompañe ao baño

Os/as nenos/as cando son tan peques imitan todo aquilo que ven ao seu arredor. Se cando vas ti ao baño para facer pis, permites que che acompañe, saberá para que vas e que é o que ten que facer. Podes darlle unha pequena explicación para que entenda o que estás a facer.

Adapta o cuarto de baño

O teu fillo/a necesitará que adaptes o baño ao seu tamaño, xa que non pode empezar a ir ao baño directamente sobre o váter. Podes utilizar un ouriñal ou un redutor para o váter (algúns nenos/as utilizan ambos os dous). Unha boa idea é que che acompañe a elixir o seu propio ouriñal, formar parte de todo o proceso fará que se adapte máis facilmente.

Ademais, podes incluír un chanzo para que lle resulte máis sinxelo subirse. Mesmo, que cando estea sentado/a, lle permita ter as pernas un pouco elevadas para que lle sexa máis cómodo facer caca. É importante que o ouriñal se atope sempre onde estea o neno/a, para reclamar visualmente a súa atención.

O primeiro ouriñal, cal elixir?

Para que poidas elixir o mellor ouriñal, contámosche algúns puntos que debes ter en conta. Lembra que ir co teu fillo/a a elixilo é unha das recomendacións para que forme parte de todo o proceso.

1. Tipo de ouriñal: interactivo ou sinxelo. Existen desde os ouriñais máis básicos ata os interactivos con música integrada. Os/as peques adoitan sentirse máis motivados/as con aqueles que emiten sons e luces unha vez o teñan utilizado. Esta elección dependerá tamén do teu orzamento.

2. Seguridade: é moi importante que o ouriñal se manteña estable mentres o utilizan. Por iso, incorporan unha goma na parte inferior para facer un bo contacto coa superficie onde se atope.

3. O deseño: Aínda que pase desapercibido, un ouriñal cun deseño atractivo, con debuxos ou mesmo con compartimentos para gardar contos, pode conseguir que ao teu fillo/a lle pareza moito máis divertido o momento de ter que usalo.

4. O material: Neste punto o que debes ter en conta é que o/a teu/túa peque estea o máis cómodo/a posible para facilitarlle o seu uso. Un apuntamento é que, dependendo do material do que estea feito, será máis ou menos sinxela a súa limpeza. Unha boa opción é que sexa de plástico con asento acolchado para evitar rozaduras nas pernas.

Preparado/a para ese cambio? Se aínda non sabes se é o momento adecuado para quitar o cueiro, lembra visitar ao teu pediatra para resolver todas as túas dúbidas.

Artigo escrito en colaboración con AGaEP, a Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica.
logo_agaep

Comparte esta noticia