Halloween xa está aquí, e con el chega a emoción de atopar o disfrace perfecto para os peques da casa!
Dende Bebé Gadis propoñémosvos unha selección de ideas creativas e económicas que podedes facer facilmente na casa. Estas propostas son perfectas tanto para bebés como para nenos, e o mellor e que son sinxelas de adaptar segundo a idade e os materiais dispoñibles. Con só uns poucos elementos e un toque de imaxinación, conseguiredes disfraces incribles.
A continuación, amosámosvos como facer tres disfraces caseiros para Halloween con materiais sinxelos e moitas ganas de divertirse en familia.
Bruxa
Un dos personaxes máis clásicos desta festividade é a bruxa. Coa súa vestimenta e todos os accesorios, estarán listas para voar na súa vasoira máxica.
Para o traxe:
- Camiseta de manga longa negra
- Leotardos negros
- Saia de tule
A vestimenta é moi fácil de conseguir, só necesitamos roupa negra de base e escoller unha saia de tule coas cores favoritas do peque.
Agora tan só faltaría elaborar os complementos do disfrace. Unha bruxa orixinal non sairía da casa sen o seu gorro e a súa vasoira.
Os materiais que precisamos para o gorro son:
- Feltro negro
- Feltro violeta (ou da cor da saia)
- Rotuladores de cores
- Pegamento
- Tesoiras
Para o gorro, primeiro cortamos un círculo grande de feltro negro que servirá como base. A este facémoslle un corte no centro para que encaixe sobre a súa cabeza. Logo, tamén recortamos un rectángulo grande do mesmo feltro para facer a parte superior do gorro. Formamos un cono punzante e pegámolo á base, asegurándonos de que quede ben firme para que non se desarme.
Decoramos o gorro facendo unha tira co feltro de cor e, para darlle o toque final, podemos engadir algún detalle, como unhas estrelas debuxadas cos rotuladores.
Para a vasoira precisamos:
- Tule de cores
- Pau de madeira ou tubo de plástico
- Tesoiras
- Corda fina
A partir dun pau de madeira ou un tubo de plástico que empregaremos como mango, faremos a vasoira. Cortamos varias tiras de tule e atámolas ao extremo inferior do pau, asegurándoas cunha corda fina. Podemos facer varios nós para que queden ben suxeitas e non se solten mentres xogan.
Espantallo
Se prefires un disfrace cun aire máis campestre, esta é unha opción adorable e moi sinxela de facer. Ademais, é perfecto se tes algunha roupa vella que poidas reutilizar.
Para converter ao noso peque nun auténtico espantallo precisamos:
- Peto vaqueiro
- Feltro amarelo e castaño
- Sombreiro de xute ou similar
- Xute
- Camisa de cadros
- Anacos de tea
- Pegamento
- Tesoiras
A base deste disfrace será un peto vaqueiro e unha camisa de cadros. Para darlle un toque aínda máis auténtico, engadimos remendos de tea a ambas prendas. Podemos facelos cortando pequenos cadrados de diferentes cores ou teas, que logo pegamos á roupa para que se vexan. Non fai falta que sexan perfectos; de feito, canto máis desiguais, mellor.
Agora, para simular a palla que sobresae da roupa, utilizaremos xute, aínda que tamén podes facelo con feltro.
A esta tea farémoslle pequenos flocos, deixando un anaco sen cortar para imitar a palla, e pegámola nos puños da camisa e os baixos do pantalón. Tamén podemos poñerlla nos petos e o pescozo da camisa. Se empregamos xute, podemos esfiañalo un pouco para que pareza máis desordenado, simulando a palla desbordante.
Con esta tea tamén decoraremos o sombreiro, engadindo tiras que colguen e simulen máis palla saíndo do espantallo.
Por último, co feltro, facemos margaridas para pegarllas tanto ao sombreiro como ao traxe.
Frankenstein
O disfrace de Frankenstein é outra opción divertida, e o mellor de todo é que podes facelo con materiais que seguramente tes na casa, como:
- Caixa de cartón
- Pintura verde e gris
- 2 tapóns de botella
- Rotulador negro
- Feltro negro e verde
- Pegamento
- Tesoiras
- Camiseta de manga longa marrón e pantalóns grises
Para comezar, escollemos unha caixa de cartón un pouco grande e recortámola para que encaixe na cabeza do noso peque. Pintámola de verde para imitar o ton de pel característico de Frankenstein e deixamos secar completamente antes de seguir. Logo, facemos as cellas con dúas tiras de feltro negro e, para o pelo, recortamos tiras tan longas como queiramos, e pegámolas na parte superior da caixa.
O seguinte paso é crear os parafusos distintivos deste personaxe, que faremos cos tapóns de botella. Collemos dous, canto máis anchos e grandes mellor, pintámolos de gris e, unha vez secos, colocámolos cada un nun lateral. Por último, debuxamos cicatrices e outros detalles cun rotulador permanente negro. Estes detalles daranlle ese aspecto monstruoso e simpático ao mesmo tempo.
Para completar o disfrace, recortamos os puños da camiseta e os pantalóns en zigzag, e engadimos anacos de tea desordenados para darlle un aspecto máis desaliñado.
Este Halloween, disfrázate con Bebé Gadis
Facer disfraces caseiros pode ser unha actividade moi entretida para compartir en familia. Con materiais simples e un pouco de creatividade, podemos dar vida a personaxes como bruxas, espantallos ou Frankenstein. O máis importante é gozar do proceso e pasar un intre inesquecible cos nosos peques. Se queredes máis inspiración, non dubidedes en visitar o noso blog, onde atoparedes máis ideas de disfraces caseiros!.
Agardamos que estas ideas sexan útiles e que este Halloween sexa terroríficamente divertido para todos!