Para todos eses peques que adoran disfrazarse todos os días, xa está aquí o entroido! Unha das datas máis agardadas por nenos e maiores onde a emoción e a creatividade están presentes nas casas.
Se aínda non sabes de que disfrazarvos este ano, nós temos unha proposta: os animais de Bebé Gadis.
Aquí tes un paso a paso para facer estes disfraces caseiros para nenos. É un traballo moi divertido que podes facer con materiais sinxelos e económicos. Comecemos!
Disfrace de coello caseiro paso a paso
Para disfrazar o teu peque da coelliña Inés, tan só precisas os seguintes materiais:
- Un suadoiro e malla ou chándal branco
- Felpa rosa
- Cola quente
- Feltro rosa e branco
- Diadema
- Pompón rosa
O primeiro paso será pegar, coa axuda da pistola de cola quente, toda a felpa rosa no suadoiro branco, agás na zona do peito, onde despois faremos o ventre do coello.
Para a zona do peito, empregaremos o feltro rosa. Cortamos un óvalo e cosémolo á parte dianteira do suadoiro, no anaco que deixamos sen recheo, e xa temos feito o ventre.
¿E como facemos as orellas? Dunha maneira moi sinxela. No feltro branco, debuxamos a forma das orellas e recortámolas. Logo, facemos o mesmo co feltro rosa, pero agora, a forma será máis pequena para crear a zona interior da orella. Pegamos o feltro rosa sobre o branco e só nos faltaría engadilas na diadema.
Para rematar, cosemos o pompón rosa á parte traseira do chándal do noso peque para facer a cola do coello.
Se queres completar o disfrace con algún complemento, podes facer con feltro laranxa e verde a forma dunha cenoria, engadirlle algún detalle e, se lle pos un fío, poderás colgarllo a modo de colar. Ademais, no noso apartado de “en familia“, podes descargar unha máscara como esta da coelliña Inés.
Disfrace de león caseiro paso a paso
Se queres que o teu peque sexa o rei da sabana este entroido, consegue estes materiais para facer o disfrace do noso león Alex.
- Mallas e suadoiro ou chándal color beige ou crema
- Feltro marrón
- Tea polar marrón, amarela, dourada
- Elástico de 2,5cm
- La marrón
- Recheo de coxín
- Cola quente
Comecemos polo corpo do león. No feltro marrón creamos e cortamos un óvalo do tamaño do ventre do noso pequeno. Logo, pegámolo e cosémolo á parte dianteira do suadoiro, na zona do estómago.
Agora vamos a facer o máis divertido, pero tamén custoso, a melena do león! Primeiro, medimos a cabeza do noso peque de arriba a abaixo e ao ancho. Con esas medidas, cortaremos o elástico, uns centímetros menos para que se axuste á cabeza. Cubrimos este elástico con tecido polar amarelo.
Cortamos en tiras toda a tea polar marrón, amarela e dourada para facer a pelaxe do noso león. A nosa recomendación é que non sexan inferiores a 5cm nin máis de 10cm de lonxitude. Cando xa as teñamos, podemos coselas ou pegalas ao elástico mesturando as cores. Cosemos os extremos da cinta para darlle forma á banda.
Só nos queda a cola. Cortamos un anaco da tea polar marrón, tan longo como queiramos e con un ancho suficiente como para coser os bordes, deixando espazo para introducirlle o recheo para coxíns. Para rematar, engadimos la marrón á punta para facer o pelo da cola.
Cosemos a cola a parte traseira do chándal do peque, e xa está listo!
Se queres que o teu peque pegue un bo ruxido, engade ó disfrace a máscara do león Alex, dispoñible na nosa páxina.
Disfrace de oso paso a paso
A osa Camila é o terceiro animaliño de Bebé Gadis do que nos podemos disfrazar. Os materiais que precisamos para facelo son:
- Mallas e suadoiro ou chándal marrón
- Feltro marrón e beige
- Felpa marrón
- Recheo de coxín
- Unha diadema
- Cola quente
Primeiro cubriremos a roupa coa felpa marrón. Pegámola coa cola quente a toda a roupa, menos na zona do ventre, onde despois poñeremos feltro.
Unha vez rematada a pelaxe do oso, comezaremos a elaborar as orellas. No feltro marrón, facemos as orellas do oso con forma redondeada. Recortamos 4 pezas, 2 para cada orella, e cosémolas. Logo, enchémolas co recheo do coxín para darlle máis volume. Cando estean listas, podemos pegalas á diadema.
Volvemos á parte do corpo do oso. No feltro beige debuxamos e recortamos un óvalo que tape o espazo que deixamos sen felpa e cosémolo ao suadoiro.
Para rematar, cortamos dúas tiras longas de felpa do mesmo tamaño e cun grosor dabondo como para coser os extremos e meter recheo. Cando teñamos a cola xa cerrada polos dous lados, cosémola á parte traseira do pantalón do noso peque.
Tamén podes completar o disfrace da osa Camila coa súa propia máscara, é moi sinxela de recortar! Pódela descargar nos xogos da nosa páxina.
Disfrázate con Bebé Gadis
¿Que vos parecen estas ideas? Os disfraces de animais son os mais populares e divertidos, e, dende Bebé Gadis, queríamos ensinarvos a nosa proposta.
Se decides facer algún dos nosos disfraces, asegúrate de axustar o tamaño das orellas e outros elementos dependendo da idade e preferencias do/a neno/a.
Feliz entroido dende o equipo de Bebé Gadis!