Bebegadis

Search
Close this search box.

Estrinximento en bebés

Facer unha deposición branda cada 2 días ou máis non se considera estrinximento e non acostuma producir molestias. Se ten estrinximento, cando fai caca soe facer forza, ponse vermello e chora.
Non debemos intentar axudarlles introducindo obxectos, para estimular o esfínter anal, como os bastonciños porque poden danar ao bebé. Podemos axudarlles con técnicas de masaxe abdominal.
A masaxe infantil non só é unha ferramenta valiosísima de comunicación co bebé senón que tamén nos pode axudar a resolver problemas como o estrinximento e os gases porque favorece o movemento intestinal e axúdalle a expulsar os gases que lle provocan dor.
Sempre que sexa posible débese continuar co peito, xa que o leite materno é unha fonte natural de galacto-oligosacáridos, que son prebióticos, actúan aumentando a produción de flora intestinal que actúa favorecendo a formación de feces máis brandas.
Cando toma leite de fórmula pódense empregar leites adaptados antiestrinximento. Ademais se non toma peito hai que intentar que beba auga, ofrecéndolla varias veces no día. En lactantes de 4 a 6 meses podemos incorporarlles fibra empregando cereais sen glute con efecto bífido ou cereais de arroz integral e millo. A partir dos 6-7 meses pódense utilizar os cereais con glute con efecto bífido ou cereais con glute integrais. Hai que ter en conta que se nos pasamos coa fibra terán máis gases e atoparanse molestos.
É posible que ao introducir a alimentación complementaria cambie a consistencia das feces, por iso os alimentos deben incorporarse pouco a pouco e en pequenas cantidades para valorar como lle sentan. Na meirande parte dos casos, o intestino volve regularse cando se acostuma á dixestión dos novos alimentos. Se as feces son moi duras pode axudarlles limitar alimentos que poidan estrinxir como mazá, plátano, cenoria, arroz e engadindo verduras como cabaciña ou cabaza e froitas como pera, laranxa, uvas, cirolas, ademais de incorporar un pouco de aceite no puré de verduras para axudar a lubricar o intestino.
En bebés con estrinximento severo deben acudir sempre ao pediatra.

Comparte esta noticia