Jean Piaget foi un psicólogo que destacou polos seus estudos vinculados coa forma na que os nenos/as adquiren coñecementos sobre a realidade. Na súa teoría das 4 fases do desenvolvemento cognitivo explica como os nenos/as se desenvolven dende a súa idade máis temperá e como as persoas que teñen ao seu redor poden facilitar e alentar o seu desenvolvemento.
Existen catro etapas do desenvolvemento do pensamento nos nenos/as:
- Fase 1: Sensorio-motora (de 0 a 2 anos).
- Fase 2: Pensamento preoperacional (de 2 a 7 anos).
- Fase 3: Operacións concretas (de 7 a 12 anos).
- Fase 4: Operacións formais (12 anos en adiante).
Etapa sensorio-motora (de 0 a 2 anos)
Nesta primeira fase o bebé comeza a comprender e interactuar co mundo, atraído polos estímulos que o rodean, e dura dende o seu nacemento ata os dous anos de idade.
Como o seu nome indica, nesta etapa o bebé comeza a explorar e interpretar o mundo a través das experiencias sensoriais e, despois, das motoras.
O bebé comeza a empregar todos os seus sentidos. Vai tocar, cheirar, ver, saborear e escoitar todos os obxectos que teña ao seu alcance. Se observas que o teu bebé leva todo á boca, significa que busca saber se é algo que pode comer ou non e, se non para de tirar obxectos, é porque está a desenvolver o seu oído, percibindo os distintos sons que provocan as cousas tiradas.
O neno/a tamén se descobre a si mesmo como obxecto, a súa mobilidade e as funcións das partes do seu corpo.
Como xogan os nenos/as cando aínda son bebés.
Os xogos onde o neno/a experimente vai favorecer a articulación do seu desenvolvemento cognitivo.
Eses xogos non teñen por que ser complexos, mesmo a maioría deles realizámolos de maneira involuntaria para entretelos. Un exemplo é o famoso pasatempo de “Cucú” onde o adulto agóchase tras as súas mans e pregúntalle ao bebé onde se atopa. Finalmente, cando se destapa a cara di “Cucú” para mostrarlle ao peque que non desaparecera.
Esta actividade sinxela vai axudar a que o neno/a desenvolva a idea da permanencia, comprender que, aínda que algo ou alguén non estea ao alcance da súa vista, non deixa de existir.
Xogar ao escondite con obxectos é unha boa actividade para os/as pequenos/as que xa están rematando esta fase. Podes elixir un obxecto ou xoguete que o neno/a empregue con frecuencia e amosarllo. Agóchao e, posteriormente e diante del/a, móstralle como o atopas. Repite a acción de agochalo, pero esta vez deixa que sexa o bebé quen o encontre.
Pensamento preoperacional (de 2 a 7 anos)
A partir dos tres anos considérase que o neno/a pasa a unha etapa pre-operacional.
Esta etapa comeza cando o neno/a xa entendeu a permanencia do obxecto e ademais prodúcese un cambio importante na súa vida: a escolarización. Co comezo do colexio, o teu peque vive por primeira vez a experiencia de interactuar con persoas fóra do núcleo familiar e co seu mesmo desenvolvemento cognitivo.
O neno/a, aínda que seguirá tendo un pensamento egocéntrico, porque cre que todos ven o mundo igual, comeza a coñecer a capacidade de poñerse no lugar dos demais. Desenvolverá a súa empatía e capacidade de interpretar roles.
Como consecuencia da escolarización e a interacción con outras persoas, o seu vocabulario ampliarase de maneira significativa e, ata os 7 anos, desenvolverá a capacidade de pensar as cousas a través do uso de números e sendo consciente das relacións e da posición que ocupan as persoas no seu día a día.
Entre os 4 e os 7 anos pasan pola fase das preguntas. Senten moita curiosidade por saber como ocorren as cousas e o porqué diso. Denomínase fase do pensamento intuitivo.
Como xogan os nenos/as cando comezan o colexio
O mundo simbólico vai a estar presente na súa interacción social. Nos xogos de rol ficticio os nenos/as van imitar accións que ven ou imaxinan e van empregar os obxectos que teñan ao redor e que asimilen coa tarefa que están a representar.
Un exemplo é o xogo das casiñas, as familias ou a mediciña. Os nenos/as representan escenas que teñen na súa memoria cos xoguetes ou obxectos que teñan a man. Así, unha folla dunha árbore pode resultar ser un billete co que xogar ás tendas e a plastilina comida da súa cociña. Collen os comportamentos que ven no seu día a día e represéntanos.
Fase das operacións concretas (de 7 a 12 anos)
Esta nova etapa está marcada polo uso da lóxica. O teu fillo/a xa empeza a pensar racionalmente, deixando a fase intuitiva, sempre que a situación sexa concreta. O pensamento abstracto aínda non está desenvolto.
Nesta fase o egocentrismo desaparece de maneira progresiva e desenvólvese por completo a empatía. Ademais, comezan a poder centrarse en mais dun estímulo.
Os nenos/as comezan a empregar operacións matemáticas sinxelas para estimular o seu pensamento lóxico. Comprenden o concepto de agrupar, pero só con obxectos que coñecen, os que imaxinan seguen sendo algo descoñecido para eles.
Idade vinculada coa capacidade de xogar
Asociado a ese desenvolvemento na lóxica, os nenos/as nesta fase comezan a realizar xogos máis complexos, que inclúen un período de asimilación e concentración para o desenvolvemento da actividade. Comezan a xogar con regras e interésanse por xogos de mesa. A estas idades deberíase fomentar a lectura.
Fase das operacións formais (12 anos en adiante)
A última fase caracterízase polo desenvolvemento do pensamento abstracto e a capacidade de tomar conciencia sobre a propia conciencia, é dicir, autoanalizarse ou ter conciencia sobre a propia morte. Ademais, destaca a capacidade de resolver problemas e xerar conclusións abstractas a partir da lóxica.
Unha vez pasada a etapa na que se asume a empatía e o poñerse no lugar de outro, con esta etapa o neno/a chega a comprender que existen formas de pensar diferentes a súa.
É a partir destas idades cando os nenos/as comezan a realizar hipóteses propias sobre cousas que aínda non coñecen.