Bebegadis

Search
Close this search box.

Gominolas caseiras saudables

Os doces poden ser unha tentación difícil de resistir para os máis peques, polo que ofrecer alternativas saudables é clave. Deste xeito, os caramelos de goma caseiros preséntanse como unha opción perfecta para incluír na merenda ou como un snack especial. Ademais, son fáciles de facer e son unha actividade ideal para compartir cos nenos na cociña.

Así, eles poden aprender sobre a importancia de elixir alimentos saudables mentres desfrutan preparando as súas propias lambetadas. Queres sabes como facelas? En Bebé Gadis ensinámosvos, imos aló!

Os beneficios de facer gominolas caseiras

Ao facer nós mesmos as lambetadas na casa, podemos elixir os ingredientes, como froitas frescas de tempada, iogur, zumes ou adozantes naturais. Estes aportan nutrientes esenciais para o desenvolvemento e o benestar dos nenos.

As froitas son unha excelente fonte de vitaminas, minerais e antioxidantes, elementos clave para o crecemento e a saúde dos mais pequenos. Empregar zumes naturais asegúranos que reciben eses beneficios sen engadidos non desexados. Ademais, o iogur aporta calcio e probióticos, importantes para uns ósos fortes e unha boa dixestión.

Como facelas

Cada unha das seguintes receitas está pensada para ser atractiva e deliciosa, con sabores que lles encantarán. Ao preparalas xuntos, os peques non só desfrutarán dun doce saudable, senón tamén dunha tarde do máis entretida na cociña.

Osiños de gominola de froitas

Para preparalos, comezamos hidratando as láminas de xelatina nun bol con auga fría durante uns minutos.

Mentres, esprememos as laranxas para obter o noso zume. Unha vez o teñamos, quentámolo nunha pota a lume medio. Non é necesario que ferva, só debe estar quente para que a xelatina se desfaga. Cando o zume estea quente, engadimos as láminas de xelatina xa hidratadas e remexemos constantemente ata que se disolvan por completo.

Agora, incorporamos unha cullerada de mel (opcional), e seguimos mesturando ata que todos os ingredientes estean ben integrados. O toque de mel non só adoza de maneira natural, senón que tamén aporta un sabor suave e delicioso.

Unha vez que a preparación estea lista, vertémola en moldes con forma de osiño ou en calquera outro molde divertido que teñamos na casa. Metemos na neveira durante un mínimo de dúas horas.

E listo! Teremos uns osiños de gominola caseiros, ideais para desfrutar en calquera momento do día, cun sabor do máis refrescante.

Gominola de iogur e froita

O primeiro paso é facer a xelatina. Comezamos preparando estas apetitosas lambetadas de iogur quentando a auga nunha pota pequena. Unha vez quente, engadimos a xelatina, xa sexa de laranxa ou sandía, e remexemos ben ata que se disolva por completo.

Despois, incorporamos o iogur natural e mesturamos todo ata obter unha consistencia homoxénea. O resultado, suave e cremoso, será o que lle dará aos nosos caramelos de goma a súa textura única.

Botamos a elaboración nos moldes e refrixeramos durante unha hora. Así de rápido teremos lambetadas cremosas e cheas de sabor, que se converterán nunha das favoritas dos peques.

Nubes de algodón con xelatina

Para preparalas, comezamos quentando o zume de piña nunha pota a lume medio.

Podemos elixir o zume favorito do noso peque, sempre que sexa natural e sen azucres engadidos. Unha vez quente, engadimos as láminas de xelatina xa hidratadas ou o sobre de xelatina en po. Remexemos continuamente ata que se disolva por completo no zume, asegurándonos de que non queden gromos.

Unha vez listo, botámolo nun bol e deixamos que arrefríe. Logo, cando estea a temperatura ambiente, batemos a mestura uns 10 minutos aproximadamente, ata que observemos unha textura espumosa.

Pasámola a un molde con papel de forno e reservamos na neveira un mínimo de 3 horas. Pasado o tempo, retiramos do molde e cortamos en cubos.

Estas nubes de algodón son un bocado lixeiro e delicioso.

Cociña saudable en familia con Bebé Gadis

Facer gominolas caseiras é unha maneira excelente de darlle aos noso peques unha alternativa máis saudable dos seus doces favoritos.

Todas estas receitas son fáciles e rápidas de preparar, con apenas 3 ou 4 ingredientes. Recorda que podedes atopar todos os ingredientes necesarios no voso supermercado Gadis máis próximo.

E, se queres facer algunha outra sobremesa doce na súa versión saudable, podes botarlle un ollo a estas dúas receitas que publicamos con anterioridade:

Se vos animades a probalas, compartide as vosas creacións nas redes sociais co hashtag #ReceitasBebéGadis. Encantaríannos ver o ben que vos quedan!

Comparte esta noticia