As natillas son un dos lácteos que máis gusta aos nenos, polo seu sabor a vainilla e cremosidade. Por iso, dende Bebé Gadis, queremos facer a súa versión saudable e sen azucre, pois o toque doce daranllo as froitas que imos empregar. Coas nosas versións de plátano e mazá, non só satisfarás os seus antollos de algo doce, senón que tamén lles darás nutrientes esenciais para o seu crecemento e desenvolvemento. Proba estas receitas na casa e sorprende aos teus fillos con sabores irresistibles que os manterá felices e sans.
Dende os 12 meses, podes comezar a prepararlle as seguintes natillas de froitas, son súper sinxelas e deliciosas!
Natillas de plátano caseiras
O plátano é unha das primeiras froitas que engadimos na dieta dos nosos bebés cando empezan a comer sólidos, e ten moitos beneficios para a súa saúde ao conter vitaminas e minerais como o calcio ou o potasio.
Sen dúbida, é un alimento que non debes esquecer en ningunha dieta infantil.
Os ingredientes que precisamos para facer as natillas de plátano son os seguintes:
Ingredientes:
- 2 ou 3 plátanos maduros
- ½ litro de leite
- 6 culleradas de fariña de avea
- ½ rama de canela
- 3 culleradas de mel (opcional)
Se na casa sodes intolerantes á lactosa, podes substituír o leite de vaca por unha alternativa vexetal.
Antes de manchar as mans, temos que preparar todos os utensilios que imos empregar: unha pota, un batedor, unha culler de madeira e os recipientes para poñer as natillas.
Unha vez temos todo, a cociñar!
Comezamos pelando os plátanos, que deben estar maduros, e machucámolos ata conseguir unha textura como papa. Logo, engadimos a esta papa: 250 ml de leite, o mel e a fariña de avea. Mesturamos todo ben nun bol ata lograr unha mestura sen gromos, coa axuda dun batedor.
Podes deixar que o teu peque se encargue de esmagar a froita, seguro que o pasará en grande.
Por outro lado, nunha pota, botamos outros 250 ml de leite e a rama de canela.
Quentamos a fogo medio e remexemos de vez en cando. Cando vexamos que a pota comeza a ferver, retiramos a rama de canela e botamos a masa feita co plátano e a fariña.
Agora, sen deixar de remexer, levamos a ebulición e mantemos no lume uns 5 – 7 minutos, aproximadamente, ata que vexamos que está espesando e conseguindo esa textura de natillas.
Se queres darlle un toque extra, podes poñerlle unha galleta enriba, anacos de plátano ou botar un pouco de canela, como máis vos guste!
Natillas de mazá caseiras
A mazá é outra das froitas que adoitamos incluír na alimentación dos nosos peques a partires dos 6 meses, e tamén unha alternativa excelente para facer natillas caseiras. Entre os seus beneficios atopamos a aportación de fibra, vitaminas e antioxidantes que axudan ao desenvolvemento dos bebés.
Os ingredientes que precisamos para facelas son os seguintes:
Ingredientes:
- 3 ou 4 mazás doces
- ½ litro de leite
- 1 cullerada de fariña de avea
- 1 rama de canela
- 4 xemas de ovo
- Pel de limón e de laranxa
Igual que na anterior receita, se na casa sodes intolerantes á lactosa, podes substituír o leite de vaca por unha alternativa vexetal.
Os utensilios que precisamos para esta receita son: un recipiente apto para microondas ou forno, un bol, unha pota, un batedor, unha culler de madeira e os recipientes para as natillas.
Pelamos as mazás e cortámolas en anacos pequenos. Metémolas nun recipiente que aguante a calor, levámolas ao microondas uns 12 minutos ou ao forno ata que vexamos que están brandas.
Unha vez listas, triturámolas ata que teñamos unha textura de papa.
Nunha pota, botamos o leite coa rama de canela e as peles da laranxa e o limón. Quentamos a fogo medio ata que ferva e remexemos de vez en cando. Logo, deixamos repousar.
Mentres, facemos as elaboracións que faltan. Nun bol, batemos as xemas de ovo, a fariña de avea e un pouco de leite, ata conseguir unha mestura homoxénea sen gromos.
Con todos os pasos feitos, é momento de facer as natillas. Nunha pota, coamos o leite para quitarlle a rama de canela, as peles e os restos que estas deixan. Engadimos a pasta de mazá e a mestura anterior, quentamos ata que ferva e mantemos en ebulición mentres remexemos sen parar ata conseguir unha textura lixeiramente espesa e cremosa.
Quitamos do lume, vertemos as natillas nos recipientes, e deixamos repousar na neveira mínimo 2 horas.
Ao igual que as natillas de plátano, podes engadirlle unha galleta por enriba, pequenos anacos de mazá ou un pouco de canela.
Merendas saudables con Bebé Gadis
Quen dixo que comer san non podía ser divertido e saboroso? Con estas receitas os teus peques desfrutarán de merendas irresistibles cargadas de vitaminas.
E, se che gustaron estas dúas receitas, agora que chega o bo tempo, proba a facer as nosas laranxas de xelatina, seguro que vos encantarán!
Recorda que todos os ingredientes mencionados podes atopalos nos nosos supermercados Gadis. Podes consultar nesta ligazón cal é o teu Gadis máis próximo.
Menciónanos nas túas fotos en redes sociais co hashtag #ReceitasBebeGadis, e a desfrutar!