Halloween é unha festa que gusta tanto a pequenos como a maiores, e que mellor forma de festexala que facendo receitas temáticas e deliciosas cun ingrediente estrela de tempada: a cabaza.
En Bebé Gadis queremos ofrecerche opcións saudables para que os teus peques gocen desta época descubrindo novos sabores. A cabaza é un alimento cheo de nutrientes que se adapta perfectamente a súa dieta, sobre todo na etapa de crecemento.
Hoxe traemos tres ideas de sobremesas para que poidas sorprender aos teus peques en Halloween, demostrando que tamén se poden facer doces con verduras e hortalizas e estar igual de deliciosos.
Galletas de cabaza
O primeiro paso é preparar a cabaza. Limpámola e cortámola en dados pequenos para que se coza máis rápido. Cando a teñamos, cocemos uns 20 min aproximadamente a lume medio/alto, ou ata que vexamos que está tenra.
Trituramos a cabaza cocida cun pouco de auga, ata conseguir unha pasta homoxénea e de textura cremosa.
Co puré xa feito, remexemos nun bol co ovo e o aceite de coco, batendo ben ata obter unha mestura homoxénea. Despois, engadimos a fariña de trigo integral, coas améndoas moídas, unha cullerada de canela e outra de lévedo en po.
Xuntamos todos os ingredientes ata formar unha masa. Se queres que sexan un pouco máis doces, podes engadir mel, pero só se os teus peques teñen máis dun ano, xa que non se recomenda para menores desa idade.
Unha vez que teñamos a masa preparada, estirámola cun rolo sobre unha superficie enfariñada. Usamos moldes de Halloween (como cabazas ou pantasmas) para cortar as galletas.
Colocámolas na bandexa e levámolas ao forno uns 12 – 15 min, ou ata que vexamos que están lixeiramente douradas.
Preparamos a crema pasteleira e decoramos
Mentres están as galletas no forno, facemos a crema pasteleira. Nun recipiente, batemos a clara de ovo ata que estea ao punto de neve, engadimos unhas pingas de esencia de vainilla ao gusto e, despois, o coco relado. Seguimos batendo ata lograr unha textura cremosa. Logo, só queda engadir o colorante alimenticio que queiramos e mesturar ben.
Para decorar aconsellamos meter a crema nunha manga pasteleira. Deste xeito, será máis sinxelo distribuíla para os nosos pequenos.
Momias con masa de follado e marmelada de cabaza
Como preparar marmelada de cabaza caseira
Para facer marmelada na casa comezamos pelando e cortando a cabaza en anacos pequenos. Colocamos os anacos nunha pota con 300 ml de auga e engadimos o zume de media laranxa, xunto cun anaco da súa casca (sen a parte branca para evitar que se amargue). Engadimos a media rama de canela e cociñamos a lume medio uns 20 min aproximadamente, ou ata que vexamos que a cabaza está tenra.
Retiramos a canela en rama e a casca de laranxa e trituramos cun batedor ata obter un puré suave. Se queres, podes engadir un pouco de edulcorante natural para axustar a dozura.
Unha vez que teñas a marmelada lista, deixamos arrefriar a temperatura ambiente.
Mans na masa de follado!
Coa marmelada preparada xa podemos comezar a facer as momias.
Estendemos a masa de follado e cortamos tiras finas de aproximadamente 1 cm de ancho. Despois, cortámola en rectángulos máis grandes para formar o “corpo” das momias.
Colocamos unha cullerada de marmelada de cabaza no centro de cada rectángulo e poñemos unhas tiras sobre a marmelada, entrelazadas, para simular as vendas dunha momia. Deixamos pequenos espazos para poñer os ollos unha vez cociñadas.
Batemos os ovos e, cun pincel, espallamos todo na masa, que lles dará un aspecto dourado e crocante ao cocer.
Prequentamos o forno a 180ºC, colocamos as momias nunha bandexa con papel de forno e ao forno durante 12-15 min, ou ata que vexamos que están douradas.
Cando estean listas, deixámolas arrefriar un pouco e decoramos con ollos de caramelo ou pequenos anacos de chocolate para darlles un aspecto máis realista.
Biscoito de cabaza con tea de araña
O primeiro paso é preparar a cabaza. Como na receita de galletas, faremos un puré. Limpámola e cortámola en dados pequenos e fervemos uns 20 min a lume medio/alto, ata que vexamos que a cabaza está tenra. Despois, trituramos ata conseguir unha pasta homoxénea e de textura cremosa.
Co puré de cabaza listo, é o momento de comezar a facer o biscoito. Nun bol, batemos o puré con dous ovos e dúas culleradas de aceite de coco, ata obter unha mestura homoxénea.
A continuación, engadimos a fariña de trigo integral, a fariña de améndoa, unha cullerada de lévedo en po e unha de canela. Mesturamos todo ben ata que os ingredientes estean completamente integrados.
Prequentamos o forno a 160 ºC, botamos a mestura nun molde e metemos no forno uns 25-30 min, ou ata que, ao introducir un pau no centro saia limpo.
Cando o biscoito estea listo e a temperatura ambiente, derretemos un pouco de chocolate negro. Coa axuda dunha manga pasteleira ou dun escarvadentes, facemos liñas finas simulando unha tea de araña. Incluso podemos engadir unha pequena araña para darlle un toque divertido!
Desfruta dunha sobremesa arrepiante con Bebé Gadis
Anímaste a probar algunha destas receitas na casa? Pasar tempo na cociña cos nosos peques é unha gran oportunidade para ensinarlles hábitos saudables e axudarlles a coñecer mellor os diferentes alimentos.
Lembra que todos os ingredientes mencionados pódense atopar nos nosos supermercados Gadis. Podes comprobar aquí cal é o teu Gadis máis próximo.
E, se queres unha receita máis sinxela e rápida para as merendas escolares, recomendámosche o noso blog “Merendas de Halloween”.