Bebegadis

Search
Close this search box.

Receita pizza con base de coliflor

A pizza é, por excelencia, unha das comidas favoritas para pequenos e maiores. A combinación de ingredientes que pode levar é infinita e moitas veces vai ligada a unha noite de pelis, xogos ou unha festa.

Hoxe traémosche unha receita saudable para os peques que lles encantará. Consiste nunha pizza de coliflor, pero non coa verdura como ingrediente, pois imos substituír a fariña pola coliflor para facer unha base vexetal.

Ademais de ser unha boa maneira para que o/a teu/túa peque coma máis verdura, é unha receita moi recomendada para embarazadas e unha boa opción para os celíacos, xa que non contén glute.

Como ingredientes, dende Bebé Gadis propoñemos: xamón de York ou cocido, para engadir proteína; champiñóns, como compoñente vexetal; e queixo. Nos vosos fogares podedes elixir os vosos ingredientes favoritos.

Ingredientes pizza con base de coliflor

Mans á masa!

O primeiro paso, e o que fai especial a esta pizza, é elaborar a súa base. Lavamos e secamos moi ben a coliflor para cortala en anacos dun tamaño medio e posteriormente picala nunha picadora ou procesadora de alimentos. Se non tes ningunha máquina para isto, podes facelo cun coitelo.

Cando estea ben triturada, como se fose arroz, introducímola no microondas, nun recipiente apto, con auga, para que se coza durante uns 8-10 minutos, dependendo do tenra que estea. Pasado ese tempo, sacámola e colocámola enriba dun pano para que escorra a auga. Este paso é imprescindible se queres darlle á túa base un toque crocante.

A continuación, engadímoslle á coliflor o ovo, o queixo raiado e sazonamos ao gusto.

Remexemos todo ata conseguir unha masa homoxénea. Mentres realizamos este paso, podemos ir pre-quentando o forno a 180-200 grados.

A cociñar!

Antes de introducir a masa ao forno, debemos darlle forma á pizza. Podes deixar voar a imaxinación e realizarlle a forma que máis che apeteza ou optar por algunha máis clásica como redonda ou cadrada. Podes axudarte dun rodete ou culler para ir espallando a masa. Poñemos papel de forno na bandexa e colocamos sobre el a base. Unha vez ollemos que o forno está moi quente introducímola e deixamos que se cociñe durante 20 min, ata que vexas que ten unha cor dourada.

Retirámola do forno e deixamos que arrefríe para poder engadirlle os nosos ingredientes.

Decorando a pizza

A parte que máis gusta…Engadir os ingredientes da nosa base!

Cando xa estea fría, podemos comezar a poñer os ingredientes do noso delicioso xantar ou cea.

Espallamos o tomate natural por toda a base agás nos bordes, para deixarlle ese toque crocante, estendemos o queixo  raiado por enriba, logo colocamos as láminas de champiñóns e, por último, engadimos os anacos de xamón. Para os amantes do queixo, podedes botar un pouco máis por riba para que se gratine. Como especias, podes optar por ourego ou alfábega.

Ao rematar de completar a pizza, volvemos a introducila no forno para que se remate de cociñar durante 5 minutos máis, ata que vexas que os ingredientes estean cociñados.

Coliflor, o ingrediente estrela

Esta receita é moi sinxela de elaborar, e unha alternativa moi saudable á clásica pizza.

Case non notarás a diferenza xa que, neste prato, a coliflor non desprende o seu característico cheiro nin mantén o seu clásico sabor. Os ingredientes que podes empregar para encher esta pizza son todos os que máis vos gusten, a base vexetal non inflúe na combinación de sabores.

Dende Bebé Gadis recomendámosche que os ingredientes que escollas axuden a que sexa unha comida equilibrada, engadíndolle: un pouco de proteína, vexetais e hidratos.

Se vos animades a probar esta receita no voso fogar, mandádenos unha foto para poder ver as vosas combinacións de ingredientes co hashtag #RecetasBebéGadis, seguro que algunha nos sorprende!

Comparte esta noticia