Bebegadis

Search
Close this search box.

Xogos e actividades ao aire libre en familia

Coa chegada do verán e os días de sol, apetécenos facer actividades ao aire libre e desfrutar da natureza en familia.

Os xogos ao aire libre son unha excelente opción para que os nenos estean activos e se divirtan nas súas vacacións. Neste blog, compartiremos tres actividades que farán que o pasedes en grande en familia. Dende xogos acuáticos ata unha divertida tarde de minigolf, non teredes momentos para aburrirvos.

Preparádevos para un verán cheo de risas e momentos inesquecibles!

Xogos acuáticos

Os xogos acuáticos son unha boa opción para refrescarse mentres nos divertimos. Aínda que existen multitude de xogos e actividades para refrescarse xogando, traémosvos unha alternativa aos clásicos globos de auga, as carreiras de esponxas.

Carreira de esponxas

A carreira de esponxas é unha variación da tradicional carreira de relevos.

Para cada membro da familia haberá:
• 2 cubos ou recipientes profundos.
• 1 esponxa.

Poñeremos un recipiente de cada participante no punto de saída e encherémolo de auga. Despois, colocaremos os demais baleiros nun punto que delimitaremos como meta, a unha distancia de 10 metros, dependendo da idade dos nenos.

Cando comece o xogo, cada un debe coller a súa esponxa, mollala no cubo con auga e correr ata o seu recipiente baleiro para escorrela. Gañará o xogo o primeiro que consiga encher o cubo.

Se somos máis de dous xogadores e pares, podemos xogar por parellas, coa regra de que a esponxa debe transportarse chea de auga entre os dous, pero sen agarrala coas mans.

Minigolf caseiro

Que vos parece se transformamos o voso xardín ou terraza nun verdadeiro campo de minigolf con materiais caseiros? Se non tendes xardín ou terraza, podes facer os diferentes elementos e levalos ao parque.

Os materiais que precisamos son:
• Macetas pequenas de plástico
• Caixas de cereais
• Botellas de plástico
• Paus de madeira
• Cartolina
• Tubo e cóbado de PVC

Imos facer os buracos

O primeiro paso para o noso minigolf caseiro é facer os diferentes buracos aos que o noso pequeno golfista se vai a enfrontar. Aquí tes tres ideas de buracos sinxelos.

Buraco 1: casiña de macetas

Nunhas macetas de plástico, cortamos dúas aperturas na parte superior, unha enfronte da outra. Poñemos a maceta boca abaixo no céspede, de maneira que as aperturas queden sobre o chan. A bola debe atravesar a maceta para facer buraco en un.

Buraco 2: serpe de botellas

Para este buraco precisaremos dúas botellas de plástico dun litro, pintura verde, ollos de plástico e feltro vermello.

Cortamos as botellas verticalmente pola metade para obter catro metades. Colocamos as metades en liña recta e pegamos os extremos para formar unha serpe.

Pintamos de verde, engadimos os ollos e unha lingua de feltro vermello na apertura. Os nenos deben procurar atravesar a serpe coa bola.

Buraco 3: rampla de caixas de cereais

Con dúas caixas de cereais faremos unha rampla.

Pegamos as caixas nos seus extremos para que fagan unha tenda de campaña, creando así dúas pequenas ramplas. Ao final da mesma, colocamos un vaso de plástico deitado onde debe entrar a bola.

Para facer as bandeirolas de cada buraco, empregaremos paus de madeira e cartolina. Na cartolina, debuxaremos pequenos triángulos e escribirémoslles o número do buraco correspondente. Unha vez listo, pegamos cada triángulo a un pau de madeira.

Ademais dos buracos, faremos os nosos propios paus de golf! Tan só precisaremos un cóbado e un tubo de PVC e adaptar o tamaño á altura dos peques.

Carreira de obstáculos

Ben sexan no interior ou no exterior, as carreiras de obstáculos son un xogo divertido e dinámico que podemos facer cos nosos peques para desenvolver a súa motricidade grosa e coordinación.

Para montar unha carreira de obstáculos tan só precisaremos de moita imaxinación. Empregando materiais sinxelos e accesibles como sabas, botellas de auga, corda e macetas, podemos facer unha pista do máis divertida.

Anímate a organizala e desfruta vendo aos pequenos superarse a si mesmos en cada obstáculo!

Obstáculo un: saltar

Os materiais que precisamos son:

• Aros de hula hoop
• Cinta adhesiva ou corda

Colocamos 6 aros de hula hoop facendo unha fila dobre no chan. Os nenos teñen que saltar dun aro ao seguinte sen tocar o chan que hai entre eles. Podes variar a distancia entre os aros para axustar a dificultade.

Se non temos aros hula hoop, podemos crear círculos con anacos de corda ou cinta adhesiva.

Obstáculo dous: pasar por enriba

Os materiais que precisamos son:

• Churros de piscina
• Macetas ou cubos
• Cinta adhesiva

Colocamos as macetas ou cubos en fila, e poñemos os churros de piscina horizontalmente entre eles empregando cinta adhesiva para que queden a uns 30 cm do chan. Os nenos deben pasar por enriba de cada churro de piscina sen tocalos.

Obstáculo tres: pasar por debaixo

Os materiais que precisamos son:

• Sabas ou tea
• Cadeiras
• Pinzas de prender a roupa

Colocamos varias cadeiras en fila e cubrimos cada par con unha saba ou tea, facendo un túnel. Agarramos as sabas ás cadeiras con pinzas de prender a roupa para que non se movan. Os nenos teñen que agacharse e reptar por debaixo das mantas sen tocalas.

Obstáculo catro: zigzag

Os materiais que precisamos son:

• Macetas, botellas de plástico cheas de area ou auga

Poñemos as macetas ou botellas en liña, separadas por uns 50 cm, e os nenos deben correr facendo zigzags entre elas sen derrubalas. Se queremos poñerllo un pouco máis complexo, podemos crear uns zancos coas macetas e unhas cordas e facer que teñan que ir subidos a eles.

Imos crear os zancos!

Para facelos necesitaremos 2 macetas e 2 anacos de corda:

Divírtete en familia este verán con Bebé Gadis

O verán é a estación perfecta para que os peques desfruten de actividades ao aire libre, desenvolvan as súas habilidades e, sobre todo, se divirtan.

Se queres máis xogos caseiros cos que entreter aos peques na casa, podes botar un ollo ao noso blog “6 xogos para entreter na casa aos teus peques”.

Cada actividade é unha oportunidade única para crear recordos inesquecibles. Así que, a desfrutar destas marabillosas actividades de verán en familia!

Comparte esta noticia