Bebegadis

Search
Close this search box.

Xogos para festexar o aniversario dos teus peques no fogar

A festa de aniversario de teu/túa peque é un dos días máis importantes para el/ela e esforzámonos para que sexa moi divertida e todos os seus amigos o pasen en grande.

Pero, como entreter a un grupo de nenos con moitísima enerxía? No post de hoxe traémosvos ideas de xogos caseiros para festas infantís que gustarán a todos. Son actividades que se poden adaptar á idade dos peques, xa que son moi sinxelas.

A procura do tesouro

Neste xogo precisase un narrador que conte a historia dun pirata que quere atopar o cofre do seu tesouro. Para iso, pedirá a axuda dos pequenos tripulantes.

O xogo desenvolverase a través de pistas, que deben indicar mediante un enigma, un debuxo ou un obxecto, onde está a seguinte. Pódese alongar o xogo o tempo que se queira, engadindo máis ou menos pistas, e a última levará ao tesouro.

Aconsellamos que o cofre do tesouro conteña un detalle para cada tripulante pola súa gran labor axudando ao pirata.

A disfrazarse!

 Non hai nada que guste máis aos peques que disfrazarse e desenvolver roles diferentes.

Para meterse máis na historia, o primeiro mandato que o pirata vai facer a súa tripulación é acudir ao camarote principal (o salón da casa), para que se poñan a vestimenta axeitada.

Facer do salón da túa casa un vestiario con distintos disfraces e prendas de roupa onde os nenos poidan elixir un disfrace, accesorios, e os poidas maquillar para converter o xogo nunha actividade temática. Engade un espello para que poidan ollar o resultado!

Se non queres mercar moito material, podes facer con cartón ou goma eva varias espadas, parches e sombreiros pirata.

O xogo das cadeiras musicais

O xogo das cadeiras é un xogo tradicional que non pasa de moda e gusta a todos os nenos.

O xogo comeza cun círculo de cadeiras mirando cara fóra e os nenos de pé xunto elas formando tamén un círculo. Debe haber unha cadeira menos que participantes haxa xogando. Poñede música e mentres estea soando, todos deben camiñar arredor delas. Unha vez pare a música, os nenos deben ocupar unha cadeira e, quen se quede de pé porque non ten asento, queda eliminado/a. En cada rolda vaise retirando unha cadeira ata que só queden dous participantes e unha soa cadeira. O/a que logre sentarse, gaña.

Se o teu peque ten menos de 3 anos, sentarse nunha cadeira ou comprender as regras pode resultar algo complexo. É por iso que vos damos a seguinte idea para os máis pequenos.

Illas musicais para os máis pequenos.

Cara o primeiro ano de vida, os nenos son capaces de diferenciar as cores e gústalles xogar aos roles.

En lugar de empregar cadeiras, poñemos cartolinas de cores no chan, separadas unhas das outras. Seguindo coa nosa temática pirata, poden ser illas nas que os nosos peques queiran desembarcar.

Mentres soa a música, os piratas terán que ir navegando entre as illas sen reparar nelas, e, cando pare a música, elixes e anuncias unha cor e todos terán que colocarse sobre unha illa desa cor.

Cada rolda que pase, terás que ir retirando unha das illas e, na rolda final, os nenos deberán atopar a maneira de caber todos nunha.

Estatuas musicais

A quen non lle gusta bailar? Nunha festa de aniversario a música non pode faltar. Os nenos adoitan coñecer todas as cancións e os seus bailes, por iso este xogo resultaralles do máis divertido pero complexo á vez.

Cun adulto ou un dos peques no posto de revisor, play á música e todos a bailar! Pero, cando pare a música, todos os participantes deben manterse conxelados e o revisor ten que ir un por un observando que non se están movendo. Quen se mova, está eliminado e gaña quen aguante sen moverse.

O mellor é que este xogo pódese adaptar a calquera idade!

Econdite inglés musical

Si se quere facer máis dinámico, pódese mesturar co escondite inglés: todos van bailando coa música mentres o revisor está de costas e vai avanzando cara el ao ritmo da música. Cando o revisor se xire de súpeto, a música para e os xogadores deben pararse. Se alguén se move, volve á saída. Gaña quen chegue ata onde está o revisor.

O teléfono escacharrado

Senta a todos os xogadores nun círculo para facer un dos xogos máis sinxelos á par que divertido. Recomendámolo para nenos maiores de 3 anos, pois entenderán mellor as frases e xa saberán falar con algo de fluidez.

O primeiro do círculo, ou un adulto, inventarase unha frase corta que ten que contar ao oído do que teña a súa dereita quen, despois, terá que dicirllo ó compañeiro do lado, e así ata chegar ó último do círculo, quen deberá dicir a frase que lle chegou ós seus oídos en alto.

O máis probable é que a mensaxe final sexa totalmente distinta á inicial.

Estamos seguros que, con este xogo, todos van rirse moito, sobre todo co resultado final.

E, se os vosos nenos son algo máis maiores, podedes propoñer unha listaxe de palabras, que non teñan que ver entre elas, coas que teñan que facer a frase.

Xogos para nenos fogar

Bingo infantil

O bingo infantil é unha versión do clásico bingo adaptado para os máis peques. En lugar de números, os cartóns van ter imaxes de animais ou figuras, algún elemento que os nenos entendan e estean acostumados a ver.

Mesturamos nunha bolsa as distintas fichas e axitámolas en cada rolda. Igual que o bingo tradicional, gaña quen complete todo o seu cartón.

Festexa un aniversario por todo o alto

Que che parecen estes xogos infantís para facer na festa do/a teu/túa peque?

Ós nenos fascínalles os xogos en grupo onde poden divertirse con todos os seus amigos e botarse unhas risas. Dende Bebé Gadis estamos seguros de que as familias tamén o pasarán ben véndoos pasar un bo rato con estes xogos tradicionais caseiros.

Se celebrades unha festa infantil e facedes un destes xogos, contádenolo co hashtag #XogosBebéGadis.

Comparte esta noticia