Bebegadis

Search
Close this search box.

Xoguetes para estimular ao bebé

Para os/as peques do fogar existen infinidade de produtos de todas as formas, cores e marcas para fomentar o seu desenvolvemento e motricidade. Podes atopar dende mobiliario ata xoguetes.

O primeiro a ter en conta é que estes complementos son un extra para o desenvolvemento do bebé, pero non son imprescindibles.

Torre de aprendizaxe para nenos e nenas

A torre de aprendizaxe é unha estrutura que fomenta o desenvolvemento independente do/a neno/a.

Funciona como un elevador ou plataforma coa que os/as peques poden acadar os obxectos e executar tarefas por si sós nas que antes precisaban axuda pola súa estatura. Este novo acceso a espazos e obxectos aos que non chegaban, como ao mesado ou ao seu cepillo de dentes, vai aumentar a súa autonomía e sentir que poden facer cousas “de maiores”.

O uso deste obxecto recoméndase a partir dos 18 meses e ata os 4 anos. Como nesa franxa de tempo o/a neno/a medra, algunhas torres contan con baldas modulares para ir axustándoas a súa altura. Ademais, para garantir a súa seguridade e estabilidade, contan con barreiras aos lados onde se poden suxeitar e apoiarse para subir e baixar.

Para el/ela vai ser como un xoguete co que poder interpretar os roles que ve no seu fogar, descubrir un novo mundo, entreterse e desenvolver a súa motricidade fina.

Ademais, contar cunha torre de aprendizaxe no fogar vai axudar a forxar lazos e experiencias co teu peque, como botar unha man na cociña ou lavarse os dentes todos xuntos. Aforrarás tempo nas tarefas ou en estar pendente para achegar ou facilitar o acceso a algún obxecto ao que normalmente non chega.

Torre de aprendizaje para niños

Libros sensoriais para bebés

Os libros sensoriais son un xoguete infantil educativo que axuda a desenvolver os sentidos do/a teu/túa peque.

Son libros nos que o texto non é relevante, pero é a primeira toma de contacto do bebé co mundo da lectura. Existe unha gran variedade de libros, dependendo do sentido que se queira estimular. Así, podemos atopar libros de tacto, específicos para poder empregar durante o baño, que inclúan sons ou calquera acto de interacción que manteña activo ao/a neno/a.

A primeira ollada son moi rechamantes, con cores e figuras que atraen a atención dos/as pequenos/as do fogar. Estas características van espertar a súa curiosidade, igual que o seu sentido visual e o bebé vai querer palpalo, activando así o seu sentido do tacto. Ademais, favorece o desenvolvemento cognitivo, en especial a percepción, a atención e a memoria.

A psicomotricidade fina adéstrase con este obxectivo grazas ao acto de tocar, sacar, abrir, tirar e apertar os elementos que se inclúen dentro do libro.

Sen dúbida, é un xoguete que ademais de entreter, vai estimular ao bebé en diferentes ámbitos. Sen esquecernos de que pode fomentar unha posible afección a lectura cando sexa máis maior.

Ximnasio infantil

 O ximnasio infantil é un espazo como a alfombra para bebés, pero que ten integrado unha serie de obxectos onde o peque pode mellorar a súa motricidade, exercitar as súas extremidades e activar os seus sentidos.

Este espazo está composto por unha estrutura con obxectos e xoguetes colgando enriba dun solo acolchado no que se coloca ao bebé. Se aínda non gatea, podes optar por un ximnasio en cadeira, do estilo dunha randeeira,  pero tamén pode empregar a de chan.

A única diferenza está en que, se o bebé xa gatea, vai querer xogar boca abaixo, e se aínda non o fai, colocarémolo boca arriba para que tente alcanzar os xoguetes que colgan. O ximnasio é apto a partir dos 2 meses e pódense atopar adaptados a cada etapa do crecemento do/a neno/a.

Este produto favorece o movemento e axuda a unha estimulación temperá do bebé. Vai entreterse mentres intenta coller os obxectos ou tocar os aparatos musicais. Desta maneira tampouco se encontra en contacto directo co chan, está máis cómodo e se perde o equilibrio gateando non se vai facer dano grazas á superficie acolchada.

A maioría dos ximnasios son portátiles, polo que podedes colocalo en calquera cuarto para que o bebé estea contigo entretido e poidas realizar calquera tarefa, aínda que sempre debe estar baixo a supervisión dalgún adulto.

Con este ximnasio, o teu bebé vai adestrar a súa mobilidade física, pero tamén as súas habilidades cognitivas.

Correcorre para nenos e nenas

O correcorre é un xoguete que vai formar parte dun dos momentos máis emocionantes de ter un bebé: os seus primeiros pasos.

Este aparato estimula o proceso de aprender a camiñar ao ter que empregar a súa propia forza para movelo. Aportaralle confianza e axudaralle a conseguir equilibrio. Este obxecto é diferente ao taca-taca ou andador, xa que non suxeita ao bebé por ningunha das súas extremidades, senón que funciona coma un xoguete máis onde é libre de sentarse e empregalo cando lle apeteza.

O correcorre pode funcionar tamén como un xoguete móbil, é dicir, o teu peque pódese subir a el e pasear. Adoitan ter forma de coche ou bici. Tamén existe un formato máis básico, onde non senta, pero si que se agarra para desprazarse.

Ao ter que realizar un empuxe, o/a neno/a vai fortalecer as súas pernas e animarase a camiñar con maior confianza. Se o teu peque xa se aventura a camiñar, seguir empregando o correcorre pódelle axudar a mellorar a postura ao andar. Ao igual que os xoguetes anteriores, este tamén favorece o desenvolvemento psicomotor e a coordinación visomotora.

Cos peques é moi sinxelo aprender xogando! Moitas das veces deixaravos pampos coa capacidade de interacción e aprendizaxe que teñen. Crear recordos co teu peque vai forxar uns lazos que perdurarán no tempo. Dende Gadis querémosvos axudar a construír eses momentos.

Comparte esta noticia