Bebegadis

Search
Close this search box.

Grandes cambios no corpo da futura mamá

  • Ausencia da menstruación
  • Aumento do volume e da sensibilidade dos peitos
  • Pigmentación máis escura das mamilas
  • Sensación de cansazo e sono
  • Posibles náuseas e mareos, sobre todo, pola mañá
  • Aumento de peso de entre 1 e 2 quilos
  • Aumento do tamaño do útero
  • Aumento das secrecións vaxinais
  • Molestias leves na pelve
  • Frecuente gana de ouriñar


Cambios psicolóxicos no primeiro trimestre do embarazo:

É frecuente que a muller neste primeiro trimestre experimente cambios de humor. Isto débese aos cambios hormonais necesarios para que o corpo poida manter o embarazo.
Algunhas mulleres experimentan un sentimento contraditorio respecto da maternidade, mesmo cando o embarazo foi planeado, e pregúntanse se están preparadas para ser nais. Os estados de inseguridade e ansiedade altérnanse con estados de euforia.
Estes desacougos van desaparecendo a medida que avanzan os meses e a muller se adapta ao seu novo estado.

SEGUNDO TRIMESTRE

O segundo trimestre da xestación é o máis aturable e o menos perigoso. Para moitas mulleres, son os meses máis bonitos de todo o embarazo; séntense mellor e máis equilibradas. Os cambios hormonais xa se estabilizaron e as molestias, náuseas e vómitos van remitindo. Por outra banda, a barriga aínda non é tan voluminosa como para ocasionar ningunha molestia. Pero, sen dúbida, o máis emocionante deste período é sentir os primeiros movementos, aínda leves, do futuro bebé.


Cambios psicolóxicos no segundo trimestre do embarazo
:

Durante este período a muller sentirase máis serena e positiva xa que os niveis hormonais tenden a estabilizarse.
Algunhas mulleres experimentan un aumento da libido debido aos maiores niveis hormonais e ao feito de que o corpo se ache máis sensible ao tacto. Aínda que tamén pode ocorrer que sintan un rexeitamento das relacións sexuais. Esta situación acostuma ser pasaxeira e desaparece tras o parto

TERCEIRO TRIMESTRE

Durante o derradeiro período, que vai dende o sétimo mes ao momento do parto, o tamaño do abdome aumenta con rapidez, polo que poden aparecer estrías. A muller volve sentir cansazo, acompañado de dores de costas provocadas polo desprazamento parcial da columna.
Durmir pode tamén converterse nun problema porque case todas as posturas resultan incómodas.
Algunhas mulleres poden experimentar as contraccións de Braxton-Hicks, tamén chamadas falsas dores de parto. Non indican o inicio do parto, senón que serven para preparar o útero para entón.
Nalgunhas ocasións, a muller pode ter a sensación de falta de osíxeno, isto é ocasionado pola presión do feto sobre o diafragma da muller que diminúe a capacidade pulmonar. Para aliviar estas molestias, o mellor é realizar exercicios de respiración e relaxación. En canto o feto se encaixe na pelve a muller respirará mellor.
Nesta última etapa da xestación, o normal é engordar entre 3 e 5 quilos que se reparten entre o futuro bebé, a placenta e o líquido amniótico, os peitos, o útero, o aumento de produción de sangue e a graxa materna.

Cambios psicolóxicos no terceiro trimestre do embarazo:

A nai pode sentir ansiedade pola inminencia do parto e por saber se o seu fillo nacerá ben. Unha información axeitada a través de libros especializados e as clases de preparación ao parto axudarán a disipar os temores dos futuros pais.
Aparece o instinto de niño, maniféstase nunha necesidade urxente de limpar ou de realizar obras ou cambios importantes na casa. Parece que está relacionado coa necesidade de preparar o niño para o acabado de nacer (como ocorre noutras especies animais). No caso de que xurda este instinto, hai que tratar de non excederse e conservar forzas para o parto.
Este trimestre soe facerse máis pesado xa que parece que o tempo estivese detido. Algunhas mulleres acostuman experimentar un descenso da libido porque se encontran cansadas e pesadas.

Comparte esta noticia