Bebegadis

Search
Close this search box.

Que levar na mochila do hospital para o parto?

Cando se achegan as últimas semanas de embarazo, debes empezar a preparar a maleta para o día do parto. Este momento pode chegar sen previo aviso, polo que che recomendamos deixalo todo listo para que non se che esqueza nada coas présas finais.

Garda esta lista de imprescindibles para levar ao hospital o día do parto.

Imprescindibles na mochila para levar ao hospital

  • Artigos de aseo: Aínda que no hospital adoitan proporcionar xeles de ducha e champús, pode que prefiras utilizar os teus, por tanto, prepara un neceser con todo o necesario para o aseo: champú, xel, desodorizante, crema hidratante, cepillo e pasta de dentes, peite, secador se o adoitas usar, bálsamo de beizos e gomas para o pelo…
  • Roupa cómoda: Para estar cómoda no hospital viranche ben un par de camisóns ou pixamas soltos que che permitan dar o peito, no caso de que teñas pensado facelo, tampouco podes esquecerte das zapatillas e de bata. Pensa tamén na roupa que vas levar posta o día do parto, por se prefires levar outro conxunto para o día que saias do hospital ou se utilizas esa mesma.
  • Roupa interior: Recomendámosche incluír braguiñas refugables para as primeiras horas tras o parto, debido ao sangrado e tamén compresas de postparto. Poden ser útiles tamén as braguiñas de algodón. Doutra banda, se vas dar o peito, moitas mulleres séntense máis cómodas utilizando suxeitadores de lactación. Os discos protectores son útiles tanto se vas dar o peito coma se non, xa que os primeiros días, coincidindo coa subida do leite, podes manchar os suxeitadores ou a roupa.
  • Outros: Ademais de todo o anterior recomendámosche levar un par de cartafoles de plástico, unha coa túa historia médica durante o embarazo e plan de parto e outra para gardar os primeiros informes do bebé. Tampouco esquezas o teu móbil, cargador e documentación.

Ademais da túa maleta, necesitarás unha bolsiña para as cousas do teu bebé. Que non pode faltar nesta bolsiña?

As cousiñas do bebé para o hospital

  • Un paquete de cueiros (3 – 5kg).
  • 5 ou 6 bodies de algodón e pixamas, para ter sempre muda limpa dispoñible.
  • Babeiros ou muselinas.
  • Unha mantiña, máis fina ou máis grosa, dependendo da estación do ano.
  • Muda para a saída do hospital.
  • Artigos para o coidado da pel do bebé: leite hidratante e crema para a zona do cueiro.
  • No coche: Silliña a contra marcha para levalo no coche de volta a casa e o seu carriño ou mochila de porteo.
  • Se queres tamén podes levarlle algún peluche ou xoguete.

Estas cousas seguro que as vas usar, pero fai a túa maleta con moita calma e repasa as túas rutinas para que non che quede nada na casa. O día do parto é inesquecible xa que vas coñecer ao teu bebé así que lembra ter o móbil preparado para inmortalizar o momento!

Artigo escrito en colaboración con AGaEP, a Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica.
logo_agaep

Comparte esta noticia