Merendas de halloween terroríficas

Seguindo coa temática de outubro terrorífico, hoxe traemos ideas de merendas para   Halloween.

As seguintes merendas saudables son de elaboración sinxela, polo que os máis pequenos poden axudarnos na cociña e así pasar xunto a eles un bo rato en familia.

Tostas para Halloween

As tostas son unha opción moi versátil para preparar distintos deseños de Halloween. Descubrámolos!

Tostas de Frankenstein

Un superalimento que non pode faltar e por iso é o protagonista da receita: o aguacate.

Frankenstein é un dos monstros máis famosos do Halloween e, con esta tosta, poderemos darlle un gran bocado a este personaxe terrorífico. A receita é moi sinxela, nutritiva e deliciosa. Os ingredientes que precisamos son: pan, aguacate, oliva negra e ovo cocido.

O primeiro paso é preparar o aguacate, engadirlle un pouco de AOVE, sal e pementa ao gusto. Mentres cocemos o ovo, cortamos as olivas, unhas poucas pola metade e outras en láminas, e o ovo, tamén laminado.

Untamos o aguacate no pan, poñemos as láminas de ovo facendo os ollos e, enriba delas, colocamos as olivas para as pupilas. As que partimos á metade imos utilizalas para o pelo, polo que irán na parte superior da tosta. Se nos sobra algunha lámina, podemos crearlle unha cicatriz ao noso Frankenstein de aguacate. Por último, cunha lámina de aguacate faremos a boca.

meriendas halloween

Tostas de momia

A nosa creatividade viaxou ata Exipto e tróuxonos as seguintes tostas de momia crocantes!

Para estas tostas pódese empregar o pan que máis lle guste ao peque, pois imos tostalo. Mentres poñemos a quentar o forno a 180º , arranxamos as nosas momias.

Primeiro preparamos os ingredientes: cortamos en tiras o queixo e partimos á metade as olivas negras.

Untamos a salsa de tomate no pan, logo, colocamos as tiras de queixo, que serán as vendas da momia, e, por último, engadimos os anacos de oliva para os ollos. Metémolos no forno ata que vexamos que o queixo está derretido e, listo!

Queixo como ingrediente principal

O queixo é un alimento que podemos atopar en distintos formatos, polo que podemos facer diferentes merendas con el.

Ollos sanguentos de queixo

Para facer estes apetitosos ollos de queixo arrepiantes precisaremos:

  • Mini queixos de bola
  • Marmelada de amorodo
  • Marmelada de kiwi
  • Marmelada de cirola

Se ao peque non lle gusta a marmelada, podes atopar no teu Supermercado Gadis máis próximo outros produtos saudables que empregar no seu lugar.

Poñemos os queixos nunha bandexa e, coa axuda dun pincel fino ou un escarvadentes, comezamos a debuxar as veas coa marmelada de amorodo. Botaremos moi pouca cantidade porque se nos pode derramar. O idóneo sería facer cinco ou seis veniñas.

No medio do queixo imos formar un pequeno círculo coa marmelada de kiwi e, xusto no medio do mesmo, poñeremos un pouco de marmelada de cirola, semellando a pupila do ollo.

¡Aterradores!

Vasoiras de meiga/o de queixo

¡Toda meiga/o precisa dunha boa vasoira coa que sobrevoar a cidade! No noso caso, faremos unhas vasoiras salgadas.

Para esta receita precisamos: paus de pan moi finos, queixo en liscos e unha tira de ceboliño ou de algo ao que se lle poida facer un nó e xuntar o queixo ao pau.

O pau de pan vai ser o mango da vasoira. O queixo en liscos empregarémolo para facer os flocos. Collemos un lisco e partímolo á metade, facémoslles cortes verticais en forma de flocos pero sen chegar ata o final, xa que a parte superior do lisco será a que se xunte co pau.

Para rematar, xuntamos o lisco de queixo ao pau agarrándoo pola zona que non está cortada e empregamos unha tira de ceboliño para facer un nó. Ao teu peque encantaralle esta merenda!

meriendas halloween

Merendas doces

As opcións doces tamén poden ser saudables. Se contas cun pouco máis de tempo para facer a merenda dos peques, mans a obra!

Galletas de dedos de meiga/o

Comer dedos? Con esta receita, é posible! E, ademais, estarán crocantes e moi saborosos. Os ingredientes que precisamos para facer estas galletas son:

  • 1 cunca de fariña de trigo
  • Media cunca de maicena
  • Media cunca de manteiga
  • 1 cunca de Stevia natural
  • 2 ovos
  • 1 cullerada pequena de lévedo
  • Améndoas torradas
  • Canela ao gusto
  • Marmelada de amorodo
  • Un pouco sal

Nun bol, engadimos a maicena, a Stevia, a manteiga e remexemos ata que os tres ingredientes estean ben mesturados. A seguir, engadimos os ovos, o lévedo, o sal e a canela.

Cun batedor, mesturamos todo mentres imos botando pouco a pouco a fariña. Cando nos quede unha masa homoxénea, tapámola cun pano e deixamos repousar na neveira media hora.

Pasado o tempo, sacamos a masa e, collendo pequenos anacos dela, dámoslle forma de dedo. Canto máis irregular, máis realista quedará, pois buscamos facer uns dedos arrepiantes. Unha vez listos, poñémolos nunha bandexa.

Mentres pre-quentamos o forno a 180ºC, facemos os detalles dos nosos dedos de meiga/o. Primeiro, cun garfo, creamos as engurras dos dedos; logo, estendemos nos extremos a marmelada de amorodo, que vai ser o sangue. Para rematar, nun destes extremos poñemos a améndoa torrada que fará de unlla.

Cando xa estean listos, para meter ó forno, metémolos e deixamos cociñar uns 10 minutos, aproximadamente.

Retirámolos, deixamos arrefriar, e xa estarán listos!

Se queres que os dedos da túa meiga/o sexan dunha cor específica, na elaboración, bota na mestura colorante alimenticio. E, se o teu peque é alérxico ós froitos secos, podes buscar outra opción para a unlla. Esta receita é adaptable ás necesidades de cada neno/a!

meriendas halloween

Madalenas con tea de araña

As madalenas con tea de araña son unha versión adaptada ás clásicas madalenas, polo que serán un éxito asegurado.

Para facer unhas madalenas saudables, imos facer os muffins de cenoria do blog de Bebé Gadis. Esta receita é unha boa alternativa para incluír, ademais, froita e verdura na alimentación do peque.

A tea de araña que faremos saberá a iogur, e é do máis sinxelo de elaborar. Só precisaremos:

  • 500 g de iogur grego natural
  • 2 culleradas pequenas de manteiga
  • 2 dátiles

En primeiro lugar, derreteremos a manteiga sen chegar ao punto de ebulición. Logo, engadimos o iogur e os dátiles e trituramos todo ata que quede unha crema homoxénea sen trazas.

Para debuxar a arañeira podemos optar por verter a mestura nunha manga pasteleira cun pico moi fino ou empregar os dentes dun garfo, o que sexa máis cómodo!

Pasade un halloween terroríficamente divertido!

Que vos pareceron estas receitas? Dende Bebé Gadis esperamos que desfrutedes deste día cos vosos disfraces arrepiantes mentres probades algunha destas ideas, seguro que vos quedan de medo!

Comparte o resultado co hashtag #ReceitasBebéGadis para que poidamos ver esas merendas de Halloween.

Ideas de disfraces caseiros para festexar Halloween

Disfraces caseiros

Halloween é unha das datas sinaladas no calendario dos nosos peques. Outubro remata coa festa de Halloween e, como boa celebración, precisa dun vestiario axeitado. Neste caso: un bo disfrace terrorífico.

No post de hoxe ensinámosvos como elaborar os seguintes disfraces caseiros para nenos de todas as idades.

Disfraces caseiros sinxelos para un Halloween…de medo!

Para este Halloween traemos varios disfraces que podedes facer no fogar, de maneira sinxela e en moi pouco tempo Apuntade os vosos favoritos!

Esqueleto

Os esqueletos son un dos personaxes máis característicos desta festividade. Este disfrace é moi sinxelo xa que só precisamos roupa negra, goma eva branca e pegamento téxtil.

Coa goma eva facemos os osos, e imos pegándoos á camiseta e o pantalón do noso peque ata formar o corpo do esqueleto.

Para facer o disfrace máis completo, podemos pintarlle a cara de branco e os ollos e nariz de negro, como se fose unha auténtica caveira!

Cabaza

O disfrace de cabaza é unha opción rápida e orixinal coa que o teu peque estará adorable. Ademais, podes poñerllo e quitarllo en calquera momento.

Para facer este disfrace só necesitamos: goma eva laranxa, para facer a cabaza; feltro negro e verde, para os detalles; velcro; e pegamento quente.

Comezaremos por recortar dúas pezas redondas de igual tamaño na goma eva de cor laranxa e empregaremos o feltro negro para os ollos, nariz e boca. Podemos pegar polas dúas partes do disfrace os elementos da cara da cabaza ou só pola zona dianteira.

Disfraz de calabaza niño

Despois, recortaremos catro tiras de cor laranxa, dúas cortas para unir as pezas redondas polos laterais e dúas máis longas que farán de tirantes. Pegámolas aos laterais das pezas e a parte de arriba. Por último, a estas tiras colocarémoslles os velcros adhesivos para poder quitar o disfrace facilmente.

Zombi

Se queres aproveitar a roupa que xa non empregas, o disfrace de zombi é a mellor idea! O único material que precisamos é: maquillaxe, pintura vermella e roupa vella.

Resgamos a roupa, manchámola coa pintura vermella para aparentar que é sangue e pintámoslle a cara como un auténtico morto vivente. E xa estaría!

Morcego

Para facer do noso peque un auténtico morcego, só teremos que elaborar as súas ás negras. Para ter o disfrace completo, debemos vestilo totalmente de negro e debuxarlle dous cabeiros no seu queixo.

Estas ás son moi sinxelas, e pódense adaptar á idade do/a neno/a. Para a súa elaboración precisamos: feltro negro, fío e agulla.

Para facelas, primeiro temos que medir o longo da manga e do corpo da camiseta, despois recortamos o feltro da seguinte maneira.

Disfraz Murciélago niño

Para rematar, cosemos as ás á camiseta, pola zona inferior dos brazos, para que cando o teu peque os levante, se abran.

Pantasma 

O disfrace de pantasma é unha das opcións clásicas que sempre triunfa. Máis alá da saba branca, imos poñerlle cara a nosa minipantasma. Os materiais que necesitamos para este disfrace son: tea branca, feltro, e pegamento para tea.

Aconsellamos comprar suficiente tea para cubrir ó noso peque, como si fose un poncho, e que nos sobre para facerlle un gorro.

Collemos a tea, que deberá ter forma cadrada e dobrámola á metade. Marcamos o punto medio e recortamos o espazo para a cabeza. No feltro negro debuxamos e despois recortamos os ollos e a cara da pantasma, para pegalos na parte frontal da tea branca, que coincide co peito ou barriga do peque.

Para o gorro, podemos guiarnos dun de inverno para facer a forma e, posteriormente, coser.

Araña

Converter ó noso/a fillo/a nunha pequena araña é posible grazas os calcetíns negros do noso vestiario. Imos necesitar: calcetíns altos negros, recheo de coxín e ollos de mentira.

A vestimenta ten que ser toda negra, preferiblemente ancha, para poder colocarlle as patas e que non lle resulte incómodo. Metemos nos calcetíns o recheo e pegamos ou cosemos dúas patas en cada lado da camiseta.

Para ser unha verdadeira araña, podemos pegarlle na fronte uns ollos falsos ou debuxarllos.

Momia

Se queremos que o noso/a neno/a semelle unha momia real tan só necesitamos gasas!

Coa axuda dun pegamento téxtil, ou pistola de pegamento quente, pegaremos as gasas ás prendas que imos empregar para o disfrace, ata cubrilas por completo. Podemos mollar as gasas en café para darlle ese toque antigo e desgastado.

Para rematar, pintámoslle a cara de cor branco e xa se transformará nunha auténtica momia!

Outros disfraces moi terroríficos

Hai moitísimas opcións de disfraces que podemos facer na casa, ou polo menos os accesorios, como pode ser:

  • Bruxo/a
  • Vampiro/a
  • Demo
  • Moneco/a diabólico/a

No caso destes catro disfraces, a vestimenta pode ser máis complexa de elaborar con cousas que temos no fogar, a diferenza dos mencionados máis arriba. Pero, se elixes algún destes traxes, podes facer ti mesmo: a vasoira, o sombreiro, os cornos, o tridente, etc.

A todos os peques lles gusta disfrazarse, por iso esperamos que vos serviran de axuda estas ideas de disfraces totalmente caseiros e sinxelos de facer. Se vos animades a facer algo para disfrazar ó voso peque, podedes contarnos cal e que tal co hashtag #HalloweenBebéGadis.

Agasallos para pais e nenos de 1-2 anos

regalos niños 1 a 2 años

Facer un agasallo que agrade e sexa eficiente á par pode resultar unha tarefa complexa, e máis se son para nais/pais ou nenos de cortas idades. Adoitan ter de todo, por iso neste post traemos múltiples ideas de detalles que poden valer se tes que facer un agasallo.

4 xoguetes educativos para os máis pequenos

Se aínda non sabes que regalarlle polos seus primeiros aniversarios, no post de hoxe damos algunhas ideas de xoguetes que seguro lle fascinarán aos máis pequenos.

Cando son bebés xogan axitando, tirando e apertando os seus xoguetes. É a partir do seu primeiro ano cando comezan a querer usalos de maneira axeitada, como pode ser falar polo seu teléfono ou mecer ó seu bebé. Os xogos interactivos son unha gran opción para traballar a área sensorial e motora.

Xogos amontoables

As mesas de actividades interactivas inclúen distintos xoguetes, texturas e sons para que os nenos poidan coñecer e desenvolver os sentidos.

Nesta etapa é cando comezan a dar os seus primeiros pasos. Este xoguete é unha gran opción xa que, ao ser unha mesa, da estabilidade á hora de xogar e axudaralle a gañar forza nas pernas ao tempo que se divirten. Tamén traballarán a coordinación man-ollo e colleran forza nos brazos e mans ao manipular as pezas.

Lecturas para estimular ao peque

Aínda que non saben ler, escoitar historias fomentará a súa imaxinación e estaremos inculcando, a súa vez, un hábito de lectura en eles.

Durante os primeiros anos dos nosos peques é un bo momento para fomentar a lectura, pois é cando comezan a distinguir os debuxos e ilustracións que atopan nos libros.

Unha boa alternativa aos libros tradicionais son os cadernos interactivos con lector electrónico. Os nenos teñen que ir identificando o conto e os símbolos de cada páxina para que o reprodutor conte a historia.

Desenvolvemento independente do/a neno/a: vaixela de silicona

A autonomía é un trazo que buscamos potenciar nos nosos peques para que gañen confianza e se animen a explorar as súas capacidades.

A esta idade comezan a pedir xantar sós. Para iso, aconsellamos as vaixelas de silicona. Son vaixelas infantís deseñadas especificamente para un bo agarre do peque e que non se derrame facilmente o seu contido.

Desenvolvemento da autonomía do peque: torre de aprendizaxe

A torre de aprendizaxe é unha estrutura que tamén fomenta o desenvolvemento da independencia dos nosos peques.

A súa funcionalidade é igual á dun tallo, pero máis seguro e adaptable ao crecemento dos nenos. Este elevador permítelles facer actividades e chegar a espazos que por si sós non serían capaces.

Para eles vai ser como un xoguete co que poder interpretar os roles que ve na súa casa,  descubrir un novo mundo, entreterse e desenvolver a súa motricidade fina.

4 ideas de agasallos útiles para pais e nais

Por outro lado, existen algúns agasallos que facilitan un pouco o día a día das nais e os pais. Aquí traemos 4 ideas de agasallos funcionais e aos que se adoita dar moito uso:

Unha trona evolutiva que crece co teu peque

A trona evolutiva é unha estrutura adaptable que favorece o desenvolvemento independente dos pequenos e adaptase ao crecemento e necesidades do/a neno/a ata que estea preparado para sentarse nunha cadeira. Son tronas que teñen unha vida útil dende os 6 meses ata os 6 anos, xa que se converten nunha cadeira normal.

Ademais de fomentar a súa autonomía, experimentarán o rol dos adultos ao participar no xantar e sentiranse máis unidos á familia, o que reforzará os lazos afectivos entre todos.

Cámara vixía bebes para que durman sós

Se o peque dorme no seu propio dormitorio, un vixía bebes é un agasallo perfecto.

Este aparato colócase onde o/a pequeno/a dorme para así poder velo e oílo mentres os pais están en outra habitación. Desta maneira poden gozar de maior liberdade para facer outro tipo de tarefas sen desatender calquer necesidade dopeque.

Esterilizador portátil

Se o peque usa chupete no seu día a día, é normal que lle caia ao chan mentres xoga ou pasea pola rúa cando comece a camiñar.

Contar cun esterilizador portátil é un dos accesorios máis rendibles para manter a hixiene nos accesorios dos bebés. Entre os beneficios da esterilización UV atópase a rapidez e eficiencia na eliminación de xermes e bacterias.

O seu tamaño compacto facilita o seu transporte. Ademais de chupetes, estas máquinas tamén serven para esterilizar biberóns, tetillas, etc.

Esterilizador portátil

Mochila de porteo

Ademais dun sistema para transportar ó bebé, a mochila de porteo axuda a reforzar os vínculos co bebé e que este se sinta protexido.

O contacto pel con pel favorece o desenvolvemento psicomotor do peque grazas aos estímulos táctiles e de movemento de quen o portea. Ademais, consegue mantelo nunha postura axeitada, logrando o correcto desenvolvemento da súa columna vertebral e das cadeiras.

Inspírate con Bebé Gadis                           

Dende Bebé Gadis esperamos que estas ideas vos inspiren para os vosos próximos agasallos.

Estes accesorios e xoguetes son un acerto seguro!