A introdución de alimentos na dieta do teu bebé é unha das fases máis importantes no seu crecemento. Pode asustar un pouco o inicio, queremos que os nosos fillos/as gocen comendo e que as comidas familiares se convertan nun momento agradable en familia, pero ter unha relación sa cos alimentos e que coman variado non é un traballo fácil. Necesítase moita paciencia, tempo e un ambiente óptimo.
Lembra que cada persoa é única, coas súas características, os seus gustos e as súas preferencias. Cada vez que se mostra un novo alimento, cada vez que o proban, que o tocan e apalpan, é unha experiencia enriquecedora, aínda que de primeiras non lles guste. Moitas veces, precísase de moitos intentos para que un bebé acepte un alimento. O truco está en nunca forzar e axustar o menú do bebé ao menú familiar, e ter moita paciencia!
Desde Bebé Gadis imos contar cando e como podes comezar coa alimentación complementaria. Ademais, para que teñas un pouquiño máis claro por onde empezar, contarémosche cales son algúns dos primeiros alimentos máis comúns.
Cando empezar coa alimentación complementaria do teu bebé
A primeira pregunta que xorde é: en que momento podo comezar coa alimentación complementaria? Non existe unha resposta correcta, esta idade pode variar xa que cada bebé ten o seu propio ritmo.
Segundo a AEP, a idade recomendada é ao redor dos 6 meses. É a partir deste intre cando o aparello dixestivo dos máis pequenos está preparado para dixerir alimentos distintos do leite. Tal e como che contabamos, cada bebé é un mundo e o fundamental é empezar pouquiño a pouco.
Ten a tranquilidade de darlle calquera alimento, sen présa, pero sen pausa. Podes empezar introducindo case calquera comida, deixámosche algunha idea que pode resultar interesante para o teu bebé:
- Auga, cereais con ou sen glute.
- Incorporar froitas e verduras brandiñas e cocidas.
- A carne (polo, tenreira…) e o peixe son ideais para continuar ampliando o rango de alimentos e poder ofrecerllos en cachiños pequenos e desfacelos.
- Os legumes, o ovo (unha boa opción é darllo en forma de tortilla francesa en anaquiños) e demais lácteos.
E non te preocupes se o teu bebé non come de todos os grupos de alimentos desde o principio, o obxectivo é engadilos a medida que crece. Se tes calquera dúbida sobre un alimento en concreto lembra preguntarllo ao teu pediatra.
Consellos para que o teu bebé empece a comer alimentos sólidos
Ademais da idade do teu bebé hai unha serie de requisitos que debes ter en conta para que o momento de incorporar alimentos sexa o adecuado. É importante que o teu bebé se manteña ergueito e teña control sobre a súa cabeza para mantela dereita.
Outro sinal que che pode axudar é que o teu pequeno/a mostre interese polos alimentos cando ti estás a comer ou tente coller a comida coas súas propias mans.
Recomendacións para empezar coa alimentación complementaria
- Deixa que experimente, que xogue e descubra novas texturas.
- Empeza ofrecéndolle anacos pequenos ou podes esmagar a comida cun garfo dándolle forma de puré.
- Dálle tempo, que mostre interese ou que, no momento para comer, abra a boca, sen forzalo.
- A temperatura é algo que debes ter en conta. Non pode estar moi quente, tanto para evitar queimaduras na boca e mans como para que goce de todo o sabor.
- Incorpora variedades de alimentos. É preferible dar a probar 2 ou 3 de cada grupo e non ofrecerlle sempre os mesmos.
Recoméndase sempre respectar o ritmo de cada bebé e permitir desenvolver a súa autonomía segundo as súas posibilidades. Manipular, tocar e probar alimentos por si sos/soas, favorece o seu desenvolvemento psicomotor.
Os primeiros alimentos do teu bebé
Pódense seguir unhas pautas de maneira xeral como orientación sen imposicións, individualizando en cada caso segundo gustos ou necesidades nutricionais. Por suposto, cada bebé é un mundo, e é fundamental seguir as indicacións dos profesionais de pediatría.
Para axudarche a empezar coa alimentación complementaria do teu bebé, desde Bebé Gadis imos dar algunha idea para un comezo aos poucos e ao voso ritmo:
Auga
Ofreceremos auga tras cada comida e deixarémola sempre á súa vista. Darlle auga ao teu bebé axudarao a inxerir estes novos alimentos de forma máis sinxela ademais de mantelo hidratado para coidar o seu organismo.
Cereais
Os cereais con ou sen glute son unha moi boa opción para empezar con sólidos na alimentación do teu bebé. Mesturados co leite materno ou de fórmula son un bo alimento para que o corpo do pequeno absorba os nutrientes e vitaminas necesarias para o seu desenvolvemento, ademais de achegar unha boa cantidade de ferro e ser unha moi boa fonte de fibra.
Froita
A froita é outro dos mellores alimentos cos que empezar grazas ás súas vitaminas. Ofrécelle froita fresca e de tempada. Dúas boas opcións que podes elixir son o plátano ou a mazá. No caso do plátano, podes darllo ao teu bebé desfeito cun garfo ou en anacos pequenos. A mazá é perfecta en forma de compota: córtaa en anaquiños, quéntaa no microondas e esmágaa cun garfo.
Verdura
Un grupo de alimentos moi completo en vitaminas e sales minerais que podes ofrecer de diferentes formas. Podes darllas cocidas, ao valor, en forma de puré… Hai verduras moi brandiñas, como o brócoli ou a pataca, que son moi boas opcións para empezar a engadir sólidos á dieta se tes medo a facelo con outros alimentos.
Carne
É bo empezar con pequenas cantidades xa que a carne aporta ferro e cinc. Unha boa opción é o polo, xa que é moi brando. Un xeito moi fácil de preparalo é coller a peituga, cocela e desfacela ou darlle forma de paliños mesturándoa con verduras.
Peixe
Débese fomentar o consumo de peixe, xa que favorece o desenvolvemento do sistema neurolóxico. Podes cociñar un pouco de pescada e desfacela para que poida probala colléndoa coas súas manitas.
Engade aceite de oliva virxe extra en cada comida.
Incorporar alimentos de forma progresiva na dieta do teu bebé axudaralle a coñecer novas texturas e sabores. Lembra que isto é un camiño no que hai que ir paso a paso.