Neses días nos que chove ou fai frío para poder saír, que os peques non se aburran no fogar pode semellar todo un reto. Hoxe amosámosche 6 ideas sinxelas que podes facer no fogar onde se divertirán ata os máis maiores.
A procura do tesouro
A procura do tesouro é un xogo que xamais pasa de moda e que se pode adaptar a idade dos teus peques. Ademais, os materiais a empregar son cousas que todos temos polo fogar como follas de papel ou calquera obxecto que sirva como recompensa pirata.
O único material que precisas para poder facer este xogo é:
- Follas de papel
- Lapis ou bolígrafo
- Un obxecto que sirva como premio
- Moita creatividade
O máis importante de todo: inventa una historia e cóntaa de maneira que enganche e alente aos participantes para darlle emoción. Convérteo nun xogo de rol onde os peques sexan exploradores ou piratas na procura dun cofre do tesouro.
Pódese alargar todo o que queirades, cantas máis pistas e probas, máis tempo lles vai levar resolver o xogo. Fai un mapa da casa, ou da estancia que se vai a empregar para xogar, e sinala cunha X o lugar onde está o premio. Para poder avanzar ata el e achar onde se agocha, debes crear unha serie de pistas para que os nenos/as atopen as probas que deben facer para avanzar proba a proba e así ata chegar ao cofre pirata.
Tamén vos podedes disfrazar para darlle máis diversión e credibilidade á historia.
Carreira de pompóns sobre cinta
O seguinte xogo, ademais de ser moi sinxelo de facer, vai estimular a motricidade grosa dos teus fillos/as. Unha vez máis, os materiais a empregar son obxectos que posiblemente teñas na casa:
- Cinta adhesiva
- Palla
- Pompón
- Vaso de plástico
Se non tendes na casa pompóns, algo semellante tamén serve.
Familia, estades preparados para a carreira? Todos na súa posición de saída porque esta carreira de pompóns sobre cinta vai comezar.
Colle a cinta adhesiva que teñas pola casa para trazar os carrís de cada participante, a forma e a lonxitude do percorrido. As posibilidades son infinitas, só debes asegurarte de que sexa seguro e non poidan tropezar ou facerse dano. Para os máis competitivos, podedes colocar un vaso de plástico deitado ao final do carril para que os participantes teñan que coar o pompón dentro.
Unha vez o circuíto estea marcado, os peques deben poñerse na saída, cada un no seu carril e cunha palla deben soprar o pompón cando o arbitro marque o comezo da carreira. A complexidade deste xogo está en que non poden saír do seu carril ou de enriba da cinta. Desta maneira, os nenos/as tamén van a concentrarse na actividade que están facendo para que se lles dea ben.
Non só o pasarán ben, senón que imos desenvolver a súa motricidade grosa, debido a que os participantes teñen que moverse de poutelas polo chan. Ao soprar pola palla para mover o pompón, os peques van estimular os músculos da boca favorecendo a mellora da vocalización.
O xogo das argolas no tallo
Se ao teu peque lle gustan os deportes ou as actividades de lanzamento, traémosche unha opción que serve para facer dentro do fogar e sen que os floreiros ou cadros saian danados.
O material que precisas para facer este xogo é:
- Cartón
- Tesoiras
- Unha botella de plástico
Para rechear a botella e que teña peso, podes enchela de auga, area ou calquera elemento que dea estabilidade. A botella e o cartón pódense substituír por outros obxectos que teñas pola casa e cumpran a mesma función.
Neste xogo ides ter que facer manualidades, aínda que pode participar toda a familia. Os adultos ides facer a tarefa de debuxar e cortar os aros no cartón e os peques vano pintar para facelos máis bonitos. Os aros deben ser o suficientemente grandes para encestalos na botella.
A actividade é do máis sinxela. Colócase a botella no chan ou nunha superficie da altura dos participantes e estes teñen que colocarse á distancia que se decida. O que consiga rodear a botella cos aros máis veces, ganará o xogo. Pode xogarse por quendas ou que cada un se poña nun extremo para lanzar á vez.
Os xogos de lanzamento favorecen as habilidades motrices dos peques. Potenciarase o control do corpo, a coordinación e o equilibro.
Pau de choiva
Si ao teu peque lle gustan as manualidades e a música, a seguinte actividade é perfecta para facer no fogar.
Os materiais que precisas para a actividade son:
- Tubo de cartón (podes re utilizar o do papel de aluminio ou o de cociña)
- Cinta adhesiva
- Arroz ou lentellas
- Cores ou cartolinas
O primeiro paso é darlle ao teu fillo/a o tubo de cartón para que o decore como máis lle guste. Unha vez remate, tapamos un dos extremos cun anaco de plástico ou cinta. Polo outro extremo metemos os aros e, despois, cerrámolo tamén. O noso pau de choiva xa está listo para empregarse.
Todos estes pasos pode facelos o neno/a só/a, pero debe ter sempre a vixilancia dun adulto.
Que hai dentro da caixa?
Se non tes tempo para elaborar materiais como nos xogos anteriores, a seguinte proposta é unha opción máis sinxela, sen elaboración, e que ademais fomenta o desenvolvemento infantil e estimula os sentidos.
O xogo “Que hai dentro da caixa?” é unha boa opción para que o teu peque coñeza as texturas e recoñeza un obxecto pola súa forma e tacto. Se queres, podes deixar que o teu fillo/a decore a caixa que se vai empregar.
Os materiais que necesitas para a actividade son:
- Caixa de zapatos ou que se asemelle
- Obxectos de distintos tamaños ou texturas.
Empregar unha caixa de zapatos é a mellor opción porque xa conta cun lado aberto, sen embargo, serve calquera caixa que teñas polo teu fogar. A caixa debe ter unha apertura grande nun dos seus lados e unha pequena, dun tamaño que entre a man do peque, para que a meta e adiviñe os obxectos que haxa dentro.
Bótalle imaxinación e introduce dentro da caixa todo o que se che ocorra, pode ser dende a tapa dun bolígrafo ata un rolo de papel ou un xoguete.
Podes amosarlle os obxectos ao neno/a antes de metelos na caixa, pero o ideal é que non os vexa, a non ser que sexan obxectos que o peque non vaia recoñecer porque non os coñece. Unha vez que estean todas as cousas dentro da caixa, pedímoslle ao noso fillo/a que introduza a man sen mirar. Pode facernos preguntas como a cor, a súa función ou que forma ten, á que só se pode contestar cun “si” ou un “non”.
Con esta actividade o teu peque adestrará a expresión oral ao ter que facer preguntas e describir o obxecto que está a tocar.
Xogo de adiviñar sabores
Por último, traémosche unha actividade para desenvolver o gusto dos vosos peques. É aconsellable que este xogo se faga se o voso fillo/filla ten máis de 4 anos.
Esta actividade non só lles vai axudar a probar sabores novos que descoñecen, senón que ao non poder ver o alimento, non se guiarán polo aspecto visual do prato, o que moitas veces provoca rexeitamento no neno/a.
Será un momento divertido tanto para o peque como para vós.
O único material que vas precisar son os produtos que vas querer que o teu peque probe e algo para taparlle os ollos. Ao probar o alimento o neno/a debe describir o sabor e tentar adiviñar que pode ser. Se o prefires podes realizar a actividade con líquidos tamén, como zumes ou batidos.
Que che pareceron estes xogos caseiros para entreter aos teus peques?
Se preparades algún xogo e nos queredes amosar as vosas fotos podedes compartilas nas redes sociais co hashtag #JuegosBebéGadis.