Bebegadis

Search
Close this search box.

As perrenchas: que facer cando aparezan

As perrenchas ou berrinches nos bebés son episodios habituais e normais no seu desenvolvemento evolutivo.

Os motivos que existen para que un bebé experimente unha perrencha son moi variados: non é capaz de comunicarse eficazmente, quere algo nese momento e non quere esperar, tenta facer algo e non o consegue, etc. Nestes momentos, a calma será a maior aliada. Levar esta situación con paciencia e tranquilidade, será a mellor maneira de liquidar o enfado do teu pequeno/a.

Contámosche un pouquiño máis sobre como podes axudalo/a e como actuar. Segue lendo!

 

Por que se xeran as perrenchas dos máis pequenos/as?

As perrenchas son a forma que ten o teu bebé de expresar un enfado ou frustración ante algunha situación ou ante a falta imposibilidade de comunicación, e debes ter en conta que son parte do seu crecemento e debe aprender a xestionar e a afrontar esa frustración aos poucos.

Cando o teu bebé aínda é moi pequeno, probablemente os seus berrinches sexan porque está canso, porque ten fame, está incómodo ou porque simplemente quere chamar a túa atención. Cando chega ao ano de idade, quere ter máis independencia e máis control sobre todo, polo que ás veces pódese sentir impotente ao non conseguir o que busca. Seguro que a frase de “xa podo eu só” sóache e que tras ela vén un instante de frustración por non ser capaz de realizar o que quere sen axuda.

O primeiro, é importante entender que as perrenchas forman parte do desenvolvemento normal dos nenos/as entre os dous e os cinco anos, aproximadamente, polo que o habitual é que todos/as as experimenten. Existen momentos ou situacións comúns a todas as etapas do seu crecemento e outras máis específicas, e esta é unha de elas. Poden darse en forma de pranto, berros, golpes a si mesmo/a, aguantarse a respiración, agredir a outros, etc.

Algúns motivos polos que o teu fillo/a crea un berrinche

Non quere irse á cama. O que o teu bebé quere é seguir xogando, polo que o momento de irse a durmir pódese volver un pouco complicado.

A comida non lle gusta. A alimentación ás veces pode resultar desesperante porque ten fases nas que non quere probar a comida e enfádase.

Non é capaz de facerse entender. Sobre todo, cando aínda son moi pequenos/as e a súa linguaxe non está moi desenvolvida.

O soño e a fame. Os máis peques necesitan máis horas de soño que un adulto e no caso da comida, ás veces poden estar tan entretidos que se lles pasa por alto a sensación de fame. Neste caso, as ganas de durmir ou para comer, poden presentarse en forma de choros e enfado.

 

Como actuar fronte ás perrenchas: consellos básicos

O obxectivo que debes ter é que o teu fillo/a aprenda a enfrontarse a situacións que poden ser frustrantes ou que lle poidan enfadar. A aprendizaxe emocional é algo que teñen que ir desenvolvendo aos poucos a medida que se van facendo maiores e coa túa axuda resultaralles moito máis fácil.

O primeiro que debes ter en conta é que a calma e a tranquilidade son necesarias en todo momento.

Durante a perrencha non quere escoitar, polo que é preferible esperar sen que perciba os teus nervios. Cando estea acougado/a poderás atendelo. Pode parecer que non quere que o axudes, pero adoita necesitar o teu apoio. Trata de non agarralo nin abrazalo se non é o que quere, xa que pode poñerse máis nervioso.

Tenta non menosprezar o que lle está ocorrendo, xa que o teu bebé é o primeiro que o sofre, e trata de non comparalo con outros nenos/as.

Por exemplo, ante unha negativa pola súa banda cara a unha norma que ti lle deches, é posible que teña unha rabecha. Nesa situación debes esperar e tentar que se acougue para despois dialogar. Valida a súa emoción, faille sentir que non ten nada de malo o que pasou, pero explícalle a túa decisión, que fixo mal e por que non debe comportarse dese modo. Ás veces é interesante que lle ofrezas alternativas.

Os contos como axuda para xestionar as perrenchas

Os libros son unha boa ferramenta coa que mostrar e explicar o que ocorre cando se produce unha perrencha. A través das súas ilustracións e vivencias dos personaxes, podes axudar ao teu fillo/á entender cando e por que se enfada e, sobre todo, como actuar ante esas situacións.

Deixámosche algúns contos moi interesantes que podes utilizar:

  • A perrencha de Julieta (Steve Antony)
  • A cola do dragón (Mireia Canals Botíns)
  • Coxín de Martina Repentina (Ester Llopis Meneu, Josefa María Costa Fornés)
  • Non me deixan facer nada! (Thierry Robberecht)

 

Artigoo escrito en colaboración con AGaEP, a Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica.
logo_agaep

Comparte esta noticia