O verán e o bo tempo xa están aquí, e non hai nada mellor que unha bebida refrescante para desfrutalos! Os smoothies de froitas e hortalizas non só son deliciosos, senón que tamén están cheos de nutrientes esenciais para os nosos peques.
Entendemos que non todos os nenos son amantes das froitas e das hortalizas. Pero, con estes smoothies, podes mesturar distintos ingredientes e camuflar o sabor daqueles que non lles gustan moito ou comezar a engadir novos alimentos dunha forma máis lixeira.
Este tipo de bebidas son unha idea xenial para asegurarse que os nenos consuman os nutrientes e a fibra necesaria. Neste blog, amosámosche tres receitas sinxelas e saudables que lles encantarán aos teus fillos, e a ti tamén!
Se o teu peque ou algún membro da familia é alérxico a algún dos alimentos que imos engadir nas nosas receitas, non te preocupes. Os smoothies son moi versátiles e pódense facer con practicamente calquera froita ou hortaliza. Empecemos coas receitas!
Smoothie de remolacha e framboesa
A remolacha é un alimento que debe engadirse na alimentación dos nenos a partir dos 12 meses, xa que o seu contido en nitratos é moi difícil de dixerir a unha idade máis temperá. Está chea de nutrientes, fibra e ácido fólico, un nutriente imprescindible que fomenta o desenvolvemento dos nenos.
Pola súa parte, as framboesas pódense engadir a partir dos 6 meses, e son unha froita rica en vitamina C, fibra e ácido fólico.
Se imos a empregar froita fresca, temos que pelar e cortar en anacos o plátano e conxelalo o día anterior, xunto coas framboesas.
Para facer o smoothie, primeiro temos que cociñar a remolacha, ben sexa cocéndoa ou asándoa no forno.
Se a cocemos, temos que pelala, cortala en anacos e cociñala nunha pota con auga fervendo e sal uns 20 minutos. Se, polo contrario, preferimos facer a remolacha ao forno, debemos botarlle un pouco de aceite e metela no forno a 200ºC durante uns 30 minutos.
Logo, sacamos a froita do conxelador e botámola no recipiente do batedor, xunto coa remolacha xa cociñada. Engadimos o iogur natural e batemos todos os ingredientes ata obter unha mestura suave e homoxénea. Se vemos que queda moi espesa, podemos botarlle un pouco de auga fría, ata que teña a consistencia desexada.
E, se queres darlle un pouco máis de dozura, podes engadirlle aos ingredientes un dátil desosado.
Smoothie de laranxa e cenoria
A cenoria é un excelente alimento para engadir na dieta dos nosos peques dende que comezan coa alimentación sólida, debido aos seus múltiples beneficios. O seu alto contido en fibra prevén o estrinximento e, en casos de diarrea, axuda a compensar a perda de auga.
O seu zume contén numerosos nutrientes e é rico en vitaminas A, C e antioxidantes.
As laranxas, ao igual que as cenorias, teñen un alto contido de vitaminas, como a C, ademais de propiedades antioxidantes e fibra, axudando tamén a unha boa dixestión.
Ao igual que na receita anterior, o día antes temos que pelar e cortar en anacos a laranxa para conxelala. Se queremos empregar laranxa fresca, despois teremos que botar xeo na preparación.
Pelamos e cortamos as cenorias. O noso consello é que sexan anacos non moi grosos, para que sexan máis sinxelos de triturar. Unha vez os teñamos, poñémolos nun recipiente, xunto cos anacos de laranxa conxelada e o iogur, e trituramos ata que non haxa grumos.
Se o resultado é unha mestura moi espesa ou queremos potenciar o sabor da laranxa, podemos engadir zume de laranxa, ata conseguir a consistencia e o sabor desexados.
Smoothie de kiwi, aguacate e pera
Todos os ingredientes do seguinte smoothie son alimentos clave para a dieta dos nosos peques, podendo engadirse a partir dos 6 meses de idade.
O kiwi é unha froita rica en vitamina C, o que fortalece o seu sistema inmunolóxico. Ademais, ten un alto contido en fibra, potasio, calcio e vitaminas E e B.
Pola súa parte, o aguacate tamén é rico en fibra, axudando a evitar o estrinximento. Contén Vitamina D, favorece a absorción de calcio, contribuíndo ao crecemento e fortalecemento dos dentes.
A pera ten un alto contido en calcio e potasio, o que axuda á formación ósea dos peques. Ademais, contén fibra e é unha rica fonte de ferro.
En primeiro lugar, pelamos e cortamos en anacos o plátano, o kiwi e a pera, e metémolos no conxelador durante toda a noite.
Ao día seguinte xa podemos comezar coa preparación do noso smoothie verde. Pelamos e cortamos a metade do aguacate e engadímolo ao vaso do batedor ou trituradora, xunto coa froita que conxelamos o día anterior e o iogur. Trituramos ben ata que vexamos que non queden triscos de froita.
Se a mestura está moi espesa, podemos botarlle 100 ml de leite, ou ir engadíndoo aos poucos ata que logremos a textura desexada.
Merenda refrescante e completa con Bebé Gadis
Estes tres smoothies de froitas e hortalizas son unha merenda moi saudable, refrescante e nutritiva, tanto para os máis pequenos como para os grandes da familia.
Existen unha amplía variedade de combinacións coas que facer os vosos smoothies, podendo elixir os alimentos favoritos do voso peque, ou ben aqueles que queirades engadir á súa alimentación. Dende Bebé Gadis lanzamos estas tres ideas con ingredientes un pouco máis complexos, como poden ser a remolacha ou o aguacate.
No noso apartado de receitas poderás atopar outra receita refrescante, onde o ingrediente principal é a sandía, unha das froitas estrela da tempada! Fai clic aquí e descúbrea. (ligazón a receita de smoothies de sandía)
A súa rápida elaboración convértea nunha merenda moi sinxela, e todos os ingredientes que precisas poderalos atopar en calquera supermercado. Consulta aquí cal dos nosos supermercados Gadis é o máis próximo (ligazón ás localizacións de Gadis).
Se fas algunha destas receitas na túa casa, compártea con nós en redes sociais co hashtag #RecetasBebéGadis