Ser pais e nais por primeira vez ou de nenos pequenos é un reto marabilloso e enriquecedor que nos leva a coñecer novas perspectivas, descubrir e potenciar fortalezas que non coñeciamos e atopar unha profunda conexión cos nosos fillos.
Dende Bebé Gadis, hoxe queremos recomendarvos unha listaxe de blogs e libros dedicados á crianza, así como algún conto de literatura infantil que axude ao desenvolvemento cognitivo dos peques.
Blogs para aprender en familia
Dende páxinas que comparten consellos ata puntos de vista especializados, a nosa pequena selección de blogs abarca temas como a alimentación, o sono, a educación e o benestar emocional dos nenos. Bótalle un ollo!
Cuidado infantil
Cuidadoinfantil.com é un espazo dedicado a ofrecer recursos prácticos e consellos a todos os pais e nais de nenos pequenos.
Este blog destaca por compartir información esencial e recursos eficaces vinculados co coidado e desenvolvemento do bebé e dos nenos pequenos. Trata moitos temas clave, dende a preparación para a chegada do bebé, con recomendacións sobre decoración e seguridade, ata a promoción da saúde infantil a través de consellos de alimentación e benestar. Ademais, ofrece contido educativo para nenos, incluíndo vídeos e contos populares.
O blog de Álvaro Bilbao
O blog de Álvaro Bilbao centrase en proporcionar recursos e orientación esenciais para pais e coidadores interesados na crianza positiva e o desenvolvemento emocional dos seus fillos. Destaca por dar cursos e talleres especializados, como “Educar en Positivo” e “Niños con Mucho Carácter”, deseñados para educar a pais sobre técnicas efectivas sen recorrer a métodos negativos e axudar a comprender e manexar as emocións dos nenos dende o punto de vista da neuropsicoloxía.
Ademais dos cursos, no blog trátanse temas claves como a importancia de manter hábitos saudables no fogar e psicoloxía infantil.
En conxunto, o blog de Álvaro Bilbao da un enfoque completo para aqueles que desexan criar os seus fillos de maneira positiva, fomentando un ambiente emocional saudable e promovendo o desenvolvemento integral dos nenos.
Educar en calma
A nosa última recomendación é educarencalma.com un blog centrado na educación e crianza consciente dos fillos. A súa creadora, Elisa Molina, é mestra de educación infantil e especialista en educación e disciplina positiva en familia, primeira infancia e parella.
Este espazo distínguese polo seu enfoque en proporcionar recursos e información para apoiar aos pais na crianza e no establecemento de conexións significativas cos seus fillos. Destacando a importancia da educación humanizada, educar en calma fai fincapé na utilidade de habilidades simples pero poderosas para fortalecer os lazos e mellorar as interaccións na familia, promover o liderado familiar e construír relacións baseadas na empatía entre pais e fillos.
Tamén conta cun perfil en redes sociais con miles de seguidores onde, a través de imaxes e vídeos, mostra aos usuarios a educación humanizada dunha maneira sinxela e directa.
Libros para fomentar a lectura nos nenos
Aínda que o peque non saiba ler, é importante crear un hábito de lectura dende unha idade temperá léndolles e mergullándoos na historia que lle estamos a contar.
A lectura non só estimula a súa linguaxe, senón tamén a súa creatividade e imaxinación. Ao elixir os libros axeitados, podemos axudar ao peque a expresar as súas emocións e sentimentos.
Aquí vos deixamos a nosa selección por grupos de idade.
Libros para nenos de 0 a 3 anos
¿Puedo mirar tu pañal?
¿Puedo Mirar Tu Pañal? é un libro infantil escrito por Guido van Genechten. Este conto forma parte dunha serie de libros para nenos pequenos que tratan temas do día a día dunha maneira divertida e educativa. Neste caso, fala sobre a curiosidade dos nenos sobre o que se agocha dentro do cueiro.
O conto narra a historia de Ratón, un ratiño moi curioso que querer botarlle unha ollada aos cueiros de todos os seus amigos, pero, cando os seus amigos miran o seu, ven que este está baleiro, porque Ratón, xa aprendeu a usar o ouriñal!
Esta lectura axuda a que os máis pequenos vaian entendendo dunha maneira moi divertida o uso do baño para facer as súas necesidades, axudándolles na transición do cueiro e animándoos a ser como Ratón e non empregalo máis. Os peques sentiranse identificados con este personaxe que vive as mesmas experiencias que eles.
Buenas noches, león
A hora de durmir é algo que a moitos peques lles custa, igual que o noso amigo León, quen, antes de ir durmir, ten que darlle as boas noites a todos os seus amigos. Necesita a axuda dun mozo aventureiro para atopar aos seus compañeiros animais coa lanterna máxica.
Este conto é unha maneira moi creativa para que os nenos aprendan a ter unha rutina nocturna e, á súa vez, coñezan diferentes animais.
Libros para nenos de 4 a 6 anos
Elmer, o elefante multicolor
Elmer é un elefante distinto o resto do seu rabaño. A súa pel é de mil cores e, lonxe de vela como un trazo distintivo, dálle vergoña porque quere ser igual a todos os elefantes. Por iso, comeza unha aventura para lograr ter a mesma cor de pel que todos os demais.
Nesta lectura, perfecta para cando comezan a ler, este elefante ensina aos nosos peques a traballar valores positivos como o optimismo, a solidariedade, a amizade, o respecto e, sobre todo, a tolerancia cara aos que son diferentes a nós.
A través da súa historia de aceptación e autenticidade, os nenos entenderán o valor de valorarse tal e como son, destacando a diversidade como fonte de riqueza e singularidade.
Mamá, de qué color son los besos?
No libro Mamá, de qué color son los besos? pola autora Elisenda Queralt Monsó, coñecemos a unha nai que explica ao seu peque o significado dos bicos a través das cores. Por exemplo, os bicos pola mañá son laranxas, cargados de vitalidade e vitaminas para afrontar o día.
Esta lectura é unha opción xenial para que os máis pequenos coñezan o afecto cara aos demais, a importancia de crear vínculos afectivos coas persoas que queres, e como a través dun sinxelo xesto coma un bico podemos transmitir confianza, seguridade ou cariño a outra persoa. Moi fácil de ler, para que os nenos o entendan pouco a pouco.
Libros para pais e nais
El cerebro del niño explicado a los padres
O libro El cerebro del niño explicado a los padres, do neuropsicólogo Álvaro Bilbao, é unha guía que che axudará a comprender mellor o mundo dos máis pequenos dende o punto de vista da neuro-ciencia e da psicoloxía.
Abarca temas clave como a importancia da estimulación temperá, o impacto das experiencias emocionais no desenvolvemento cerebral e estratexias para promover un ambiente saudable para o desenvolvemento cognitivo e emocional dos nenos. A través de exemplos e consellos aplicables, é unha ferramenta valiosa para axudar aos pais a comprender e apoiar o desenvolvemento do potencial intelectual dos seus fillos, dende a infancia ata a adolescencia.
Ao entender como pensa e funciona o cerebro dos nenos, saberás como axudalos a desenvolverse e educalos traballando a súa autoestima e potencial.
Guía práctica para tener bebés tranquilos y felices
Na Guía práctica para tener bebés tranquilos y felices, a súa autora, Tracy Hogg, comparte as súas técnicas de crianza, froito da súa experiencia profesional. Nel ensinarache a analizar as situacións que se poden dar co teu peque, como os problemas co ciclo do sono ou a súa alimentación.
No libro, a autora ofrece consellos prácticos e técnicas eficaces para comprender as necesidades dos bebés e establecer rutinas que favorezan a calma e a felicidade no fogar. Aprenderás a ser unha nai ou un pai consciente, que coñece ao seu pequeno e sabe comunicarse con el.
El gran libro de Lucía, mi pediatra
El gran libro de Lucía, mi pediatra é unha obra escrita pola pediatra Lucía Galán.
Neste libro recolle toda a súa experiencia como pediatra, pero tamén como nai, dando como resultado un manual de pediatría moi completo e comprensible para todos, onde atoparás respostas a preguntas habituais dende o nacemento do bebé ata que que son maiores. Como debe durmir o bebé?, cando debes ir a urxencias co teu fillo? ou como deberías falar cun adolescente? son algúns dos moitos temas tratados neste libro.
Aprende da man de Bebé Gadis
Que che pareceron as nosas recomendacións? En Bebe Gadis esperamos que os blogs e libros aquí compartidos sirvan de fonte de inspiración e apoio no camiño de ser pais. E, se queres máis información, nós tamén contamos cun espazo de asesoramento avalado por médicos especialistas en pediatría. Fai clic aquí e descúbreo!
Educar aos nosos pequenos é un proceso de aprendizaxe continua do que debemos gozar en cada momento. A medida que medran, tamén o facemos nós como pais.