Bebegadis

Search
Close this search box.

Como introducir o peixe na alimentación dos bebés

Os primeiros pasos na alimentación complementaria dos nosos bebés poden xerar algunhas dúbidas e supoñer todo un desafío, especialmente cando queremos incluír novos alimentos como o peixe.Por iso, dende Bebé Gadis, contámosvos como e cando comezar a engadilo na súa dieta, ademais dunhas pequenas receitas rápidas e sinxelas que lles encantarán.

Como e que peixe introducir na alimentación dos nenos

A partir dos 6 meses, coa alimentación complementaria, é cando debemos comezar co peixe de maneira progresiva.

Pero, ollo! Non todos son aptos para os nosos peques. O peixe é un alérxeno común, sobre todo se hai antecedentes na familia. Para minimizar o risco, é importante darlle pequenas cantidades e mirar se hai algunha reacción, como sarabullo, inchazón ou dificultade para respirar.

Ao principio, ofrécello en pequenas racións, que irán aumentando de forma progresiva a medida que os peques se acostumen ao sabor e textura. Recoméndase engadir peixe na súa dieta unha ou dúas veces por semana para garantir un aporte equilibrado de nutrientes.

Entre os 6 e os 12 meses, a porción axeitada é de entre 20-40 gramos de peixe cocido, mentres que, a partir do ano de idade, esta cantidade pode incrementarse a 40-70 gramos por porción.

Peixes recomendados segundo a idade do peque

A partir dos 6 meses: é aconsellable comezar con peixes brancos como a pescada, o linguado, o bacallau e o peixe sapo. Estes peixes son suaves, sinxelos de dixerir e cun baixo contido en graxas, o que os convirte nunha boa opción para os primeiros purés e comidas. Son unha fonte saudable de proteínas que se poden cociñar ao vapor, ao forno ou fervidos, e combinalos con verduras para un xantar nutritivo e saboroso.

A partir dos 8-9 meses: unha vez que o bebé probou os peixes brancos e non amosou reaccións alérxicas, podemos probar con peixes azuis de baixo contido en mercurio, como o salmón, a troita ou as sardiñas. Estes peixes son especialmente ricos en ácidos graxos omega-3, esenciais para o seu desenvolvemento cerebral e saúde ocular. Tamén aportan unha boa cantidade de vitamina e proteínas de alta calidade, o que contribúe a un crecemento e desenvolvemento saudable.

Evitar antes do primeiro ano: é importante non darlle aos peques peixes con alto contido en mercurio antes do seu primeiro ano de vida. O peixe espada, o tiburón e a cabala xigante deben evitarse.

Que beneficios ten?

O peixe é un alimento imprescindible na súa alimentación e ofrece numerosos beneficios para a súa saúde e o seu desenvolvemento.

  1. Fonte rica en proteínas de alta calidade: proporciona proteínas esenciais para o crecemento e a reparación de tecidos, fundamentais para o desenvolvemento saudable dos nenos.
  2. Ácidos graxos omega-3: rico en omega-3, este alimento axuda ao desenvolvemento cerebral e ocular, ademais de fortalecer o sistema inmunolóxico.
  3. Vitaminas esenciais: contén vitaminas importantes como a vitamina D, que fortalece os osos, a vitamina B12, esencial para o sistema nervioso e a formación de glóbulos vermellos.
  4. Minerais importantes: aporta minerais como o ferro, o zinc e o iodo, que son cruciais para o desenvolvemento cognitivo, a función tiroidea e o crecemento xeral.

Como preparar o peixe para os nosos peques

Á hora de preparalo, é fundamental elixir sempre alimentos frescos ou conxelados de alta calidade para evitar posibles reaccións alérxicas ou intoxicacións alimenticias.

Existen distintas formas de cociñar o peixe para os peques, e o ideal é optar por métodos que manteñan a súa tenrura e sabor, como ao vapor, ao forno ou fervido. Estes métodos de cocción son suaves e conservan mellor os seus nutrientes.

Ademais, podemos ofrecer o peixe en purés ou en anacos, dependendo de como vaian levando a cabo a súa alimentación complementaria.

Purés

Os purés son unha opción ideal para os bebés que están comezando a probar novos sabores e texturas. Son sinxelos de comer e dixerir, e permiten combinar o peixe con outros ingredientes saudables, como verduras e legumes.

Puré de cabaciña e robaliza

Pelamos, lavamos e cortamos en anacos pequenos a cabaciña e a pataca. Cocémolas uns 15 minutos.

Mentres se fan, facemos a robaliza ao vapor ou ao forno durante uns 10 minutos, ata que estea tenra. É importante quitarlle por completo a pel e as espiñas.

Cando todos os ingredientes estean listos, mesturámolos nun recipiente e trituramos todo ata obter unha textura suave e homoxénea. Se o puré queda moi espeso, podemos engadir un pouco de auga de cocción. Por último, incorporamos un pouco de AOVE.

Baby Led Weaning

Se optaches polo método Baby Led Weaning para a alimentación complementaria, podemos ser un pouco máis creativos á hora de servirlles o peixe. Recorda que os anacos deben ser o suficientemente grandes para que os poidan coller coas súas mans, pero suficientemente brandos para evitar que se atragoe.

Variñas de bacallau

Pelamos, lavamos e cortamos en anacos a pataca. Facemos o mesmo coa coliflor e escorrémola. Nunha pota con auga fervendo, botamos primeiro a pataca e, aos 10 minutos, engadimos a coliflor e o bacallau.

Unha vez que os ingredientes estean brandos, retirámolos do lume, e escorremos. Cando o bacallau estea frío, quitámoslle toda a pel e as espiñas.

A continuación, coa axuda dun garfo ou unha picadora de alimentos, mesturamos a pataca, a coliflor e o bacallau ata obter unha masa homoxénea. Mentres facemos as variñas, prequentamos o forno a 180ºC. Cando as teñamos listas, tan só nos queda metelas no forno e douralas.

Deixamos arrefriar antes de ofrecerllas aos peques e listas para servir.

Comeza a alimentación complementaria do teu peque con Bebé Gadis

Que che pareceron as receitas? En Bebé Gadis queremos acompañarte en cada etapa da alimentación dos teus peques e facer o proceso de adaptación un pouco máis sinxelo.

Nos nosos supermercados Gadis poderás atopar unha gran variedade de peixes e alimentos frescos de gran calidade para a alimentación de toda a familia.

Comparte esta noticia