Bebegadis

Search
Close this search box.

Papas caseiras para comezar coa alimentación complementaria

O inicio da alimentación complementaria é un momento especial no desenvolvemento do noso bebé. É cando damos o primeiro paso na introdución de novos sabores e texturas na súa dieta, sempre complementado co leite, que seguirá sendo a base da súa alimentación durante estes meses.

Segundo a Sociedade Española de Pediatría, o mellor momento para empezar a dar alimentos sólidos é a partir dos seis meses, cando comezan a amosar interese polo que hai no noso prato.

Dende Bebé Gadis, compartimos algunhas ideas de papas sinxelas e nutritivas que che axudarán a facer este camiño da forma mais natural e deliciosa posible.

Consellos para comezar coa alimentación complementaria

Sabemos que cada bebé ten o seu propio ritmo e que empezar a alimentación complementaria pode xerar dúbidas. Aquí ofrecémosche algúns consellos para que este proceso sexa mais sinxelo e agradable tanto para ti como para o teu peque:

  • Non exerzas presión para que coma: insistir pode provocar rexeitamento cara certos alimentos. É mellor deixar que descubra os sabores pouco a pouco.
  • Sé flexible cos alimentos: é normal que, ao principio, non lle gusten algúns sabores ou texturas. Co tempo, irá aceptando unha maior variedade de alimentos.
  • Introduce un novo alimento cada vez: para detectar posibles intolerancias ou alerxias, empeza por papas de un ou dous ingredientes e espera polo menos tres días antes de engadir outro novo. Isto axudará a identificar calquera reacción adversa.

A nosa selección

A nosa proposta de papas está pensada para engadir os primeiros alimentos sólidos na súa dieta de forma segura e adaptada a súa idade. Aquí, atoparás dende receitas que só levan froitas, outras con verduras e incluso unha opción que leva carne.

O mellor é optar sempre por produtos de tempada, polo que podes variar a listaxe de ingredientes para adaptalo ás froitas e verduras propias de cada estación.

Papa de pera e plátano

Lavamos e pelamos a pera, asegurándonos de quitarlle todas as sementes. Quitamos a pel do plátano e cortamos en pequenos anacos ambas froitas.

Como a pera é unha froita dura, é preciso cocela uns minutos. Poñémola nunha pota con auga e deixamos cociñar uns 15 minutos, ou ata que estea branda.

A continuación, nun recipiente, machucamos o plátano coa axuda dun garfo. Cando estea listo, engadimos a pera cocida e o leite, e mesturamos ben ata lograr a textura desexada da papa.

Para axustar a dozura da papa, podes elixir un plátano máis ou menos maduro segundo as túas preferencias.

Papa de cabaza e pataca

O primeiro que faremos será pelar e cortar a cabaza e a pataca en anacos pequenos. Á cabaza debemos quitarlle todas as sementes.

Botamos ambos ingredientes nunha pota con auga fervendo e cociñámolos a lume medio durante 15 minutos aproximadamente.

Cando estean cocidos, retirámolos do lume. Nun recipiente, engadimos a pataca e a cabaza xa cociñadas xunto unha cullerada de AOVE. Trituramos ata obter unha textura sedosa e lixeira.

Papa de mazá e cenoria

O primeiro paso será lavar ben a mazá e a cenoria antes de pelalas e cortalas en anacos pequenos. Debemos asegurarnos de quitarlle moi ben as sementes á mazá.

Colocamos ambos ingredientes nunha pota con auga e deixamos que se cociñen a lume medio uns 15 minutos, ou ata que estean tenros ao cravarlles un garfo.

Unha vez cocidos, botamos os anacos de cenoria e mazá nun recipiente, engadimos unha cullerada de AOVE e trituramos coa axuda dun batedor ata conseguir unha textura homoxénea e suave. Se observamos que o resultado é moi espeso, podemos engadirlle un pouco de auga da cocción.

Papa de cabaciña, pataca e pavo

Comezamos lavando e pelando a cabaciña e a pataca, asegurándonos de quitarlle as sementes á cabaciña. Cortamos ambos ingredientes en anacos pequenos para que a cocción sexa máis sinxela.

Colocamos todos os ingredientes nunha pota pequena cun pouco de auga e cociñamos a lume medio uns 15 minutos, ou ata que estean tenros. Podemos comprobalo cravando un garfo na pataca.

Pasado o tempo, poñemos todos os ingredientes nun recipiente, ao que engadimos o leite e unha cullerada de aceite de oliva virxe extra (AOVE). Trituramos todo ata obter unha textura cremosa. Se prefires unha papa máis líquida, axusta a cantidade de leite ao teu gusto.

As súas primeiras papas, con Bebé Gadis

A alimentación complementaria é un proceso gradual e cheo de momentos únicos, onde cada alimento novo convertese nun pequeno descubrimento que podedes desfrutar en familia.

Cando chegue o momento de ofrecerlle ao teu peque alimentos como o peixe e teñas dúbidas sobre como engadilo ou que tipos son os máis axeitados para comezar, invitámoste a ler a nosa entrada “Como introducir o peixe na alimentación dos bebés”.

Ademais, recorda que nos supermercados Gadis tes a túa disposición todos os ingredientes necesarios para facer estas receitas e moitas máis. Atopa a túa tenda máis próxima co noso localizador de supermercados e dálle ao teu bebé o mellor en cada cullerada.

Comparte esta noticia