Bebegadis

Search
Close this search box.

Postparto

•Puerperio inmediato: Son as primeiras horas tras o parto. Débese realizar unha vixilancia da nai controlando as súas constantes vitais, coma a tensión arterial, o pulso e a temperatura.
•Puerperio clínico: Ata a alta do hospital.
•Puerperio serodio: Dende a fin do puerperio clínico ata a primeira menstruación.

No período do postparto hai unha gran cantidade de cambios no corpo da muller. Comeza un proceso no que os órganos que interviñeron no embarazo e no parto, han de recuperar o seu estado inicial. Este tempo de recuperación, tamén chamado familiarmente corentena, require algúns coidados e vixilancia. Existen nesta etapa circunstancias que son normais e a muller debe coñecer.

Cambios nos peitos: Observarás aumento de tamaño e unha certa tensión ou dor. As veas fanse visibles. Tamén notarás cambios nas mamilas, faranse máis grandes e sensibles, e adquirirán unha cor máis escura.

Hemorraxia vaxinal (Loquios):
Ao principio serán máis copiosas que as menstruacións e con probable presenza de coágulos. As perdas vaxinais iranse facendo progresivamente máis claras, empezando de cor parda e acabando de cor branca ou amarelada ata desaparecer por completo ao cabo duns dous meses.

Feridas cirúrxicas: No caso dun parto vaxinal realízase unha episiotomía e unha episiorrafia que é a sutura do corte perineal. Debes realizar aseos xenitais frecuentes e aínda que si poida causarche molestias en determinadas posturas, os puntos caerán sos e cicatrizará cara á terceira semana postparto.

En caso de cesárea, a cicatriz da ferida debe ser lavada normalmente durante o baño e hai que limpala co produto recomendado polo teu médico todos os días. Xeralmente, os puntos retíranse aos sete días.

Torzóns: Son as dores que se producen tras o parto debido á contracción do útero para volver á súa posición habitual na pelve. Tras o nacemento do bebé, o útero ten unha forma redondeada e unha maior consistencia debido a que se está contraendo. Co paso dos días, o útero vaise reducindo ata acadar o seu tamaño e peso normais.
Os torzóns poden ser máis dolorosos a partir do segundo parto, xa que a musculatura uterina está máis fláccida. Tamén son máis intensos e frecuentes durante a lactación materna. A dor acostuma desaparecer ao cabo de 5 ou 6 días.

Tamén se experimentan normalmente outros síntomas postparto como pode ser estrinximento, hemorroides, abafos, calafríos, incontinencia urinaria.

Ante calquera complicación, debes acudir ao teu médico e ao final do puerperio é imprescindible unha avaliación polo xinecólogo para comprobar que todo está correcto.

Ademais de todos os cambios orgánicos e fisiolóxicos, é común e normal que experimentes unha mestura de sentimentos característicos desta época. Isto é resultado de cambios hormonais, tensión emocional, cansazo, preocupación, ansiedade, etc. Seranche útiles a comprensión, a axuda, o apoio moral e as demostracións de afecto dos que te rodean.

Comparte esta noticia