O pescado é un alimento fundamental para lograr unha dieta variada e equilibrada para os nosos peques. No post de hoxe ensinámosvos a elaborar un prato co que os nenos non poderán resistirse.
O ingrediente estrela é a pescada, un pescado branco, polo que pode engadirse na alimentación do noso/a bebé cando comece a comer sólidos. É un dos mellores produtos cos que afeccionar ós peques a comer pescado pola súa tenrura, o seu sabor suave e non conter espiñas. Ademais, é un alimento axeitado durante o embarazo, grazas ao seu alto contido en nutrientes esenciais.
Se calquera membro da familia é alérxico á pescada, a receita de hoxe pode elaborarse con outro pescado que vos guste e podades comer.
Nuggets de pescado
Pode que os nuggets sexan unha das comidas favoritas dos nosos peques, hai que recoñecer que están moi ricos!
A de hoxe é unha receita sinxela que podedes facer cos peques na casa. O resultado serán uns nuggets de pescado crocantes por fora e tenros por dentro.
Mans ao recheo!
Para preparar estes ricos bocadiños de pescada imos necesitar:
A pescada que imos empregar para esta receita pode ser fresca ou conxelada. Podes conseguila no teu Gadis máis próximo.
O primeiro paso para elaborar a masa, que posteriormente rebozaremos, é quitarlle a pel á pescada e pelar as patacas, e cocer ambos ingredientes.
A nosa recomendación é cocer primeiro as patacas, pois o seu tempo de cocción é máis longo, uns 20 min, dependendo do tamaño. Sen embargo, a pescada tardará 5 min en facerse se é fresca e 10 min se está conxelada.
Unha vez cocidas as patacas, esmagámolas nun cunco ata que queden como puré. A continuación, engadimos a pescada esmiuzada ó recipiente e botamos o aderezo ó gusto. Mesturamos todo ben ata formar unha masa homoxénea.
A rebozar!
O seguinte paso é crear os nuggets e rebozalos para darlle ese toque crocante.
Coa axuda dos peques da casa, collemos pequenas porcións de recheo e dámoslle a forma que queiramos coas mans. Se tes algún molde podes darlle a forma que queiras para que sexa máis divertido. Mentres, podemos ir pre-quentando o forno ou a airfryer.
Para o rebozado imos empregar copos de avea. Se son moi grandes podemos moelos para facer fariña. Poñemos a avea nun prato e, ao lado, outro con ovo xa batido para facer o rebozado.
Pasamos os nosos nuggets primeiro polo ovo e logo pola avea e colocámolos nunha bandexa de forno. O tempo aproximado que deben estar no forno e que non sequen é de 10 min, pero aconsellamos botarlle un vistazo cada pouco tempo.
Podes acompañalos dalgunha salsa caseira ou gardar algunhas patacas cocidas da elaboración para empregalas de guarnición.
Animámosvos a probar esta receita e compartila nas redes sociais para que poidamos ollar como desfrutades na cociña da man do hashtag #ReceitasBebéGadis