Hoxe traémosche unha receita deliciosa e saudable que poderás facer con axuda do teu fillo/a, pasarédelo xenial!
Trátase duns riquísimos ñoquis de cabaza acompañados dunha lixeira salsa carbonara. En primeiro lugar, toma nota dos ingredientes que vas necesitar, podes acudir ao teu supermercado Gadis máis próximo a conseguilos!
Preparación
O primeiro que terás que facer para preparar os teus ñoquis será asar a cabaza, para iso pélaa, lávaa ben e colócaa en anaquiños nunha bandexa para o forno. Déixaa asándose durante media hora a 180º.
Cando estea brandiña tritúraa co batedor e engade a fariña e o sal, logo engade as dúas claras de ovo e empeza a amasar ata conseguir unha masa coa que poder traballar ben.
A cabaza ten moitos nutrientes, vitamina C, betacaroteno, antioxidantes, etc. polo que esta receita é ideal para introducir este alimento na dieta do teu fillo/a, encantaralle!
A facer rolos!
Agora vén a parte que máis lle vai a gustar ao teu/túa peque, a de mancharse as mans! Botade nunha superficie limpa un pouco de fariña e empezade a facer rolos coa masa. Podes axudar ao teu fillo/para dándolle anaquiños de masa e dicíndolle que faga un roliño como os que fai coa plastilina, seguro que lle parece moi divertido!
Cando acabedes de facer todos os rolos esténdeos sobre a superficie con fariña para evitar que se peguen e vai cortándoos en pequenas porcións.
A continuación, pon auga nunha pota e cando comece a ferver engade os teus ñoquis, estarán listos cando floten!
A salsa carbonara
O acompañamento perfecto para estes ñoquis é unha deliciosa salsa carbonara! Para que che saia riquísima terás que cociñar nunha tixola cun chorro de AOVE as cebolas ben picadiñas, logo engade o touciño entrefebrado en taquiños e cando estea dourada verte a nata. Deixa que se cociñe todo a lume suave durante 4 minutos, engade os ñoquis e déixao outros 4 minutos, listo! xa podes servir o teu prato.
Esta receita encanta a peques e maiores, gozarédela seguro! Ademais, ao teu fillo/a encantaralle axudarche a facela.
Podes consultar no noso blogue moitas máis receitas para facer xunto ao teu fillo/a, formades o mellor equipo!