Bebegadis

Search
Close this search box.

Receita xeado cremoso de iogur e froita

 

Se hai unha sobremesa que gusta a todos os pequenos unha vez chega o verán, ese é o xeado!

Dende Bebé Gadis queremos ensinarche a facer uns riquísimos xeados cremosos, caseiros, con tan só tres ingredientes é un tempo de elaboración mínimo. Son ideais para os días de moita calor no verán.

Aproveitaremos a froita de tempada, como o amorodo e o plátano, para facer uns xeados saudables de iogur e froita. Os peques relamberán a culler!

Como facer xeado de iogur caseiro

Nas dúas receitas que imos preparar é importante que lle quitemos o soro ós iogures, para lograr unha textura máis cremosa no xeado, evitando ter que batelo antes.

Por outro lado, para traballar a froita podemos facelo de tres formas distintas: cortala en anacos e conxelala, non conxelala, ou cocela lixeiramente.

Se a conxelamos, debemos ter en conta que logo precisaremos dun batedor ou picadora de alimentos con unha potencia capaz de triturala. Se non temos unha, empregaremos froitas frescas.

Algunhas froitas, como os froitos vermellos, pódense cocer para aumentar o sabor do xeado.

Como o proceso de preparación é o mesmo, na primeira receita conxelaremos a froita e empregaremos un batedor; e, na segunda, empregaremos froita fresca sen conxelar e faremos o xeado de maneira artesanal, para axustarnos aos materiais que teña cada un na casa.

Xeado cremoso de amorodo

Os amorodos son unha froita moi saudable, cun alto nivel de vitamina C, A e fibra. Pódense engadir na dieta do teu peque dende os 6 meses, cando comecemos coa alimentación sólida.

Os ingredientes son:

  • 700 g de iogur natural xa desorado
  • 350 g de amorodos
  • 120 g de mel*

*Podes cambiar o mel por outro edulcorante, tendo en conta a equivalencia de proporcións.

Se o teu peque é menor dun ano, tes que substituír o mel por pasta de dátiles.

Comecemos!

Os dous primeiros pasos para a elaboración dos nosos xeados farémolos o día antes, e levaranos moi pouco tempo.

Comezaremos limpando os amorodos con auga. Quitámoslle as follas e cortamos en pequenos anacos para que sexan máis sinxelos de triturar. Metemos ao conxelador.

Debemos desorar o iogur para lograr un resultado máis cremoso. Separar o soro do iogur é moi sinxelo, só precisaremos unha tea fina para escorrelo, e un bol.

Poñemos a tea no bol e, sobre ela, o iogur. Pechamos, apertamos e escorremos pouco a pouco ata que vexamos que non sae máis líquido da tea. Gardamos o iogur xa desorado na neveira ata o seguinte día.

A bater!

Ao día seguinte xa podemos poñernos mans á obra e facer o noso delicioso xeado.

O primeiro que facemos é sacar o iogur da neveira e remexémolo ata que vexamos unha textura cremosa. Logo, quitamos os amorodos do conxelador.

Engadimos estes dous ingredientes ao batedor, ou picadora de alimentos, xunto co mel, e trituramos ata que non queden anacos de froita. O resultado será unha mestura semisólida, polo que debemos levala ao conxelador, como moito, uns 15-30 minutos, para que non quede demasiado duro.

Cando vexamos que ten a consistencia desexada, xa estará listo para servir. Podes acompañalo con amorodos cortados por enriba, anacos de barquillo ou desfrutalo só.

Xeado cremoso de plátano

O plátano é outro dos alimentos que se poden engadir a unha idade temperá na dieta dos peques, co comezo da alimentación sólida. Esta froita é moi nutritiva, contén unha alta cantidade de fibra, ferro e nutrientes.

Os ingredientes son:

  • 700 g de iogur natural xa desorado
  • 500 g de plátano maduro
  • Mel ao gusto*

*Nesta receita aconsellamos ir probando a mestura mentres botamos pequenas cantidades de mel. O plátano maduro é unha froita que da moita dozura por si soa.

Se o pequeno aínda non ten un ano de idade, non engadiremos o mel, deixaremos que sexa o plátano o que lle dea ese toque doce.

Preparamos o iogur

Ao igual que a receita anterior, comezamos facendo o noso xeado de plátano e iogur o día de antes, desorando o iogur.

Para separar o soro do iogur, colocamos a tea no bol e, sobre ela, o iogur. Pechamos, apertamos e escorremos pouco a pouco ata que vexamos que non sae máis soro. Gardamos o iogur xa desorado na neveira ata o seguinte día.

Facemos o xeado!

Pasadas doce horas, retiramos o iogur da neveira, poñemos un mandil, e a cociñar!

Debemos ter en conta que non todas as picadoras teñen a potencia suficiente como para triturar alimentos conxelados ou picar xeo, polo que, como mencionamos ao principio desta entrada, para esta segunda receita non empregaremos froita conxelada.

Pelamos e cortamos o plátano en pequenos anacos. Engadimos a froita a un bol, xunto co iogur e batemos ata conseguir unha mestura de papa. Se queremos un xeado máis doce, engadimos pequenas cantidades de mel e volvemos a remexer ata que teñamos o sabor que queremos.

Metemos a mestura no conxelador e sacarémola cada 30 minutos aproximadamente para batela manualmente ata conseguir unha textura sólida e cremosa.

Cando vexamos que temos esa consistencia, xa estará listo para servir. Podes acompañalos de pequenos anacos de plátano por enriba, pebidas de chocolate, barquillo ou desfrutalo só.

Desfruta dunha sobremesa refrescante con estes xeados caseiros de iogur e froitas

Gustáronvos? Esta receita serve para calquera froita, polo que podedes facer xeados coa froita favorita do voso peque. Dende Bebé Gadis aconsellámosche que sexan alimentos de tempada, pois teñen maior sabor e son de maior calidade. Recorda que poderás atopar todos os ingredientes que precisas no teu supermercado Gadis máis próximo.

O proceso de elaboración é sinxelo e tan só vos levará uns minutos facelo.

E, se en lugar dun xeado cremoso en terrina prefires facer polos para o teu peque, tamén temos unha receita! Preme aquí e desfruta dun verán cun rico sabor de boca.

Se fas algunha das nosas receitas, publica unha foto en redes sociais e compártea connosco co hashtag #ReceitaBebéGadis.

Comparte esta noticia