Bebegadis

Search
Close this search box.

Receita hamburguesa de cenoria e pavo

As hamburguesas son unha das comidas que fan brincar de alegría aos nenos.

Aínda que esta receita é para nenos, grazas aos ingredientes que imos empregar para facer a carne da hamburguesa, os bebés que xa cumpriron un ano tamén poden desfrutar dela, só debes esmiuzar en anacos que poidan mastigar.

Os dous ingredientes estrela nesta receita son: a cenoria e a carne de pavo.

A carne de pavo para nenos e bebés

O pavo é unha das carnes que primeiro se engade na alimentación dos bebés, a partir dos 7 meses, xa que entra no grupo das carnes brandas, xunto co polo e o coello.

Esta ave é unha boa opción ao ter un baixo contido en graxas, colesterol e ser fácil de dixerir grazas á tenrura da súa carne.

É pola súa tenrura e textura pola que pode engadirse na dieta do/a teu/túa peque de dúas maneiras: ou ben triturada e mesturada en purés con outros alimentos ou en pequenos anacos que poida dixerir sen problema.

O mellor acompañante para a carne de pavo son as verduras. A partir do ano, podes servirlla con legumes.

Beneficios da cenoria para os/as máis pequenos/as

 A cenoria é unha verdura que destaca polo seu alto contido en vitamina A e hidratos de carbono. Ademais, contén outras vitaminas como a C e B6, e minerais como o ferro, iodo e potasio.

O consumo de cenoria é ideal no verán, pois están en tempada entre os meses de maio a xaneiro.

Algúns dos beneficios da cenoria para os peques, aínda que tamén para os adultos, son:

  • Prevención do estrinximento, polo seu alto contido en fibra.
  • Beneficiosa para o corazón.

Como preparar a hamburguesa

Coñecemos os ingredientes principais da nosa receita e os beneficios que teñen para os nosos peques. O seguinte paso é coñecer o resto de ingredientes que nos van axudar a elaborar a masa que vai formar a carne.

A elaboración é moi sinxela. O primeiro paso a realizar é cocer a cenoria, podes cortala en anacos para que se cociñe antes. Coce a cenoria ata que estea brandiña e, unha vez lista, escórrea e esmágaa cun garfo ou culler para, posteriormente, engadila á mestura.

Pica o allo e, a continuación, introdúceo nun bol, xunto coa carne triturada, a cenoria e as especias, e remexe a mestura ata que todos os ingredientes se unifiquen. Cando estea lista, engade o ovo e mestura de novo ata que se forme unha masa homoxénea.

No seguinte paso pódete acompañar o/a teu/túa peque. Consiste en facer as bolas coa masa, que logo terán a forma de hamburguesa. Con estas cantidades pódense facer 3 bolas, aínda que depende do tamaño que vos apetezan.

Mentres elaborades as bolas, podes poñer a quentar unha tixola cun pouco de aceite. Cando xa estea o suficientemente quente, podes colocar as bolas e esmagalas, para que quede esa forma de hamburguesa, e facelas á prancha. A carne estará lista cando observes que ten un ton douradiño.

Como combinar a hamburguesa de cenoria e pavo

Unha das mellores partes de xantar hamburguesa é decidir os ingredientes que van acompañar a túa carne, as combinacións son infinitas!

Dende Bebé Gadis recomendamos empregar un pan tradicional para hamburguesa, que pode ser: brioche, rústico, pan brando ou molete.

E, ademais, aconsellámosvos que os ingredientes adicionais sexan equilibrados e saudables. Aquí vai a nosa proposta: leituga e tomate, como parte vexetal; queixo, rico en vitaminas; e, como proteína, xa temos o pavo.

Esperamos que vos animedes a probar esta alternativa á clásica hamburguesa e, se o facedes, compartide as vosas fotos co hashtag #ReceitaBebéGadis, estamos seguros de que vos encantará!

Comparte esta noticia