As orellas son unha das sobremesas tradicionais que se fan no Entroido. Estas delicias crocantes son moi sinxelas de facer e perfectas para compartir en familia. Aos teus peques encantaranlle!
No blog de hoxe, daremos as claves para facer esta sobremesa típica do Entroido que gusta a todos os que as proban.
Primeiro paso: preparar a masa das orellas de Entroido
Nun bol grande, engadimos todos os ingredientes de maneira progresiva, menos a fariña. Botamos o leite, a manteiga derretida, os ovos, o limón relado, o anís e, por último, un pouco de sal e o azucre. Mesturamos todo ben ata que teñamos unha masa homoxénea.
Unha vez o logremos, agregamos a fariña peneirada pouco a pouco. Amasamos directamente coas mans ata que quede unha masa manexable e lisa, que xa non se pegue ás mans. Cubrimos cun pano e deixamos repousar mínimo unha hora.
Segundo paso: facemos a forma das orellas.
Pasado o tempo, nunha mesa enfariñada, cortamos a masa en porcións para que non se nos pegue e amasamos as nosas orellas de unha en unha. Esta vez, coa axuda dun rolo, tamén enfariñado, estirámola ata que quede unha capa moi fina sobre a mesa de traballo.
Unha vez estirada abondo, cortamos tiras non moi alongadas e, coas mans, unimos os dous laterais do medio para dar forma á orella.
Se a masa non queda ben fina, a orella perderá o seu crocante tan particular.
A fritir!
Ao mesmo tempo que cortamos a masa para as orellas, quentamos unha cantidade xenerosa de aceite de xirasol nunha tixola grande.
Dende Bebé Gadis aconsellamos cortar todas as que vaiades a facer antes de comezar a fritilas.
Xa listas, co aceite moi quente, fritímolas, dándolles a volta para garantir un dourado uniforme en uns segundos. Tes que estar moi atento para que non se queimen.
Quitámolas do lume e poñémolas nunha bandexa con papel de cociña ou panos de mesa, para absorber o exceso de aceite. Botamos azucre branco sobre elas mentres están quentes. Deixámolas arrefriar, e listas para comer!
Saborea o Entroido na casa
Con esta sinxela receita, poderás desfrutar das auténticas orellas de Entroido na casa, compartindo o sabor e a tradición cos teus peques, que estarán entusiasmados cos seus disfraces, as festas e os doces.
Ademais, todos os ingredientes que precisas para esta rica receita están dispoñibles no teu supermercado Gadis máis próximo.
Anímate a facer esta sobremesa tan fácil e saborosa, e compártenos a túa fotografía nas redes sociais co hashtag #ReceitaBebéGadis.