O primeiro, e antes de nada: témoslle que prestar atención á viaxe en coche ata a praia e preocuparnos de ter o coche fresco e de colocar parasoles, sobre todo nas ventás laterais, aínda que tamén recomendamos que as coloques na ventá traseira para que o teu pequeno non se sufoque.
Á hora de vestilo, a mellor opción é o algodón. Unha camiseta de algodón, un traxe de baño con protección contra os raios ultravioleta, un gorro, unhas lentes de sol especiais para bebés (isto último é importante, xa que os seus ollos, sobre todo se son claros, son moi sensibles), e uns cueiros especiais para a auga, que poderás atopar en Gadis. Non debemos vestilo en exceso, porque se vai calor pode ser contraproducente.
É importante que o protector solar teña sempre un factor mínimo de 30, e se o bebé ten entre 6 e 12 meses, cómpre empregar protección total ou un factor 50. O protector tense que aplicar 30 minutos antes da exposición ao sol, logo de cada baño e cada certo tempo.
Lémbrate de levar sempre unha antuca coa que protexer o pequeno do sol e evita a exposición directa de máis de 30 minutos. Iso si, ten en conta que, aínda que a antuca pare os raios de sol, o que non lle poderá evitar ao bebé é a calor, así que non deixes moito tempo baixo o sol abafante do verán.
Para manter o bebé sempre hidratado, débeslle ir dando auga e froita —no caso de que xa estea afeito a tomala—, xa que ao suar tanto perderá moito líquido, e a túa tarefa vai ser darlle auga, malia que pareza que non ten sede e non a queira tomar. É recomendable levar unha neveira, pero non lle deas auga moi fría, porque se produciría un contraste coa súa temperatura corporal.
Outro consello para mantelo refrescado é ir mollándolle a cabeza a cada pouco, o que impedirá que lle suba moito a temperatura corporal.
Algo moi común que che pode pasar é que o bebé tente comer a area da praia. Para quitarlla con coidado da cara, nada mellor que toalliñas húmidas e, ao chegardes á casa, un bo baño que lle limpe as areas e o salitre pegados á pel, secalo ben e botarlle unha dose de crema aftersun que alivie e refresque a súa fina pel.
Con estes consellos evitaremos pasar un mal día «pos-praia» e que o bebé poida sufrir queimaduras, febre, náuseas ou falta de apetito.
E para rematar, que non che esqueza levarlle xoguetes de praia e fai que pase unha boa tarde de verán, refrescante e divertida; serán momentos inesquecibles.