Bebegadis

Search
Close this search box.

Os primeiros dentes do teu bebé

Os primeiros dentes do teu bebé xa están aquí!

O recordo do primeiro dente do teu fillo/a é moi especial, aínda que poden xurdir preguntas como en que momento empezarán a saír os primeiros ou cales son os síntomas que pode padecer.

Queremos contarche un pouquiño sobre a dentición e resolver algunhas dúbidas que adoita haber.

 

Cando lle saen os primeiros dentes ao teu bebé?

Xeralmente os primeiros dentes empezan a aparecer ao redor dos 6 meses, aínda que pode ocorrer que o teu bebé se adiante ou que se atrase ata mesmo despois dos 12 meses. Este proceso non debe preocuparche, pois cada neno/a é diferente.

Habitualmente, os incisivos inferiores saen antes que os superiores e é a partir dos dous anos e medio ou tres, aproximadamente, cando a dentadura temporal se completa.

Lembra que, se o teu bebé tarda un pouco máis ou se adianta, non é motivo de preocupación, cada bebé ten o seu ritmo.

Síntomas da dentición no bebé

Cando os primeiros dentes do teu bebé empezan a saír adoita ser un momento bastante incómodo, primeiro para el xa que está a sufrir as molestias e dores que iso implica, e para ti, xa que pode ser difícil acougalo ou aliviarlle a dor.

sintomas-primeros-dientes-bebe-gadis

 

Os sinais máis habituais que indican o momento do nacemento dos seus dentes son o babexo e a irritabilidade, pero existen outros síntomas comúns. Por aquí contámosche algúns e como podes axudar a alivialos:

  • Obviamente un dos síntomas é a propia erupción dos dentes. Poida que visualices un dente moi pequeniño asomando na enxiva antes de que sufra ningún tipo de dor.
  • Inflamación das enxivas. A enxiva inflámase e pode resultar dura ao tacto, chegando a ser moi molesta para o/a pequeno/a.
  • Tal e como comentabamos antes, o babexo é outro dos síntomas. Prodúcese unha salivación excesiva, a cal se ve pronunciada cando o teu bebé introduce as súas mans e os dedos na boca porque necesita morder calquera cousa para acougar un pouco as molestias.
  • Ás veces pode diminuír o apetito.
  • É posible que, por culpa das molestias e a dor, o teu bebé teña falta de soño, provocándolle un estado de irritabilidade.
  • En ocasións pode producirse un aumento leve da temperatura.

O máis normal é que estes síntomas se alonguen durante 3 ou 4 días e que se acentúen pola noite, xa que é unha dor pulsátil (increméntase co latexo cardíaco, o cal se nota máis cando estamos en posición horizontal) e porque non está entretido como polo día, centrándose así na zona dorida.

Como axudar a acougar a dor de dentes

Para que alivies as molestias que sente o teu fillo/a durante o proceso de dentición, deixámosche por aquí algúns consellos que podes aplicar:

  • O frío axuda a acougar a dor. Se ten máis de 6 meses e xa comezou coa alimentación complementaria, ofrécelle froita fresquiña ou un mordedor especial tamén frío para que exerza algo de presión nas enxivas. No caso do mordedor, grazas ás súas cores e formas, estará moito máis entretido e atento a el e non á súa dor.
  • Realiza unha masaxe nas súas enxivas inflamadas co teu dedo envolto nunha gasa estéril ou previamente lavadas con auga moi fría.
  • Manteno entretido e distraído. Cando xogas co teu bebé prestarache máis atención a ti e será máis fácil que se esqueza durante un tempo das molestias.
  • Se a dor persiste ou existe unha maior irritación, o mellor é que acudas ao pediatra.

Coidado e limpeza dos dentes do teu bebé

É importante saber que a limpeza dos dentes empeza no momento no que comezan a saír, non debemos esperar a que teñan toda a dentadura. Para asegurar unha hixiene correcta e crear o hábito de lavalos todos os días é recomendable facelo desde o inicio da dentición.

É conveniente limpalos dúas ou tres veces ao día, sobre todo despois das comidas, incidindo na última toma do día, antes de deitarse. Recoméndase utilizar un cepillo de dentes de fibras brandiñas con pasta dentífrica de 1000 ppm de flúor desde a saída do primeiro dente. Necesítase moi pouquiña cantidade, do tamaño dun gran de arroz. As gasas húmidas e os dedais de silicona non están recomendados cando os dentes xa saíron, xa que non son efectivos.

primeros-dientes-bebegadis

Unha boa opción para crear o hábito do lavado é que che vexan facelo, xa que eles quererán imitarche. Ou, se es máis de cantar, existen moitos xogos e cancións para compartir cos/as máis pequenos/as e converter o momento do lavado nun moito máis divertido.

Hai que lembrar que os dentes dos nenos/as pequenos/as tamén poden sufrir caries polo que se deben limitar os alimentos edulcorados, doces e mel.

É recomendable a visita ao odontopediatra tras a saída do primeiro dente ou no seu primeiro ano de vida, o que ocorra antes. El/ela asesorarache e indicarache se hai algún problema e como corrixilo.

Desde Bebé Gadis esperamos axudarche un pouquiño co proceso de  dentición do teu bebé. Sabemos que é un momento moi bonito para lembrar e gozar no futuro.

 

Artículo escrito en colaboración con AGaEP, a Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica.

logo_agaep

Comparte esta noticia