Bebegadis

Search
Close this search box.

Adornos de Nadal caseiros para a árbore

Xa estamos en decembro e, por iso, queda inaugurada a estación favorita de todos os nenos: o Nadal!

Acender as luces, decorar a árbore e escribir a carta a Papá Noel son algúns dos acontecementos que os nosos pequenos viven con moita ilusión e felicidade. Emoción que pasan ao resto dos membros da familia e que nos fai vivir cada Nadal coa mesma ilusión.

Decoración de Nadal caseira

Decorar a casa con adornos de Nadal é unha actividade que se pode gozar en familia e moito máis se creamos nós os adornos.

En Bebe Gadis estamos seguros de que ao teu peque lle encantará a idea do blog de hoxe: Que eles mesmos fagan os adornos de Nadal!

Figuras de Nadal con tubos de papel

Ademais de pasalo ben, podemos ensinar aos nosos fillos a reciclar, xa que para esta manualidade imos empregar tubos de cartón de papel hixiénico ou de cociña.

Atoparás a maioría dos materiais que precisamos para facer as nosas figuriñas na casa.

Materiais:

  • Tubos de papel
  • Algodón
  • Goma eva vermella, branca, negra e dourada
  • Cola
  • Pintura acrílica e pinceis
  • Rotulador negro, branco, rosa e laranxa
  • Limpapipas
  • Tesoiras

Con estes materiais podes facer todas as figuras de Nadal que se che ocorran. No noso caso, decidimos facer a Papá Noel e un boneco de neve.

Papá Noel

Comezamos pintando 2/3 do tubo de cor vermello e a parte de arriba dun ton rosado, xa que esa zona será a cara de Papá Noel. Cando estea seco, cos rotuladores debuxamos a cara. Despois, collemos o algodón e pegámolo na zona do queixo, recreando a súa longa barba branca.

Para facer o cinto e o sombreiro utilizamos a goma eva. Recortamos unha tira vermella e, coa dourada, facemos un rectángulo oco no centro. Pegamos a tira á altura da cintura e, no centro, engadimos o rectángulo dourado, que será a fibela do cinto.

Para o sombreiro, usamos de novo goma eva. Cortamos un triángulo vermello, do diámetro do tubo e pegámolo na parte superior do mesmo. A continuación, recortamos unha tira branca que pegaremos arredor da cabeza, xusto onde comeza o sombreiro. Co algodón facemos unha bóla que pegaremos na parte de arriba a modo de pompón.

Para rematar, recortamos tres pequenos círculos negros e colocámolos en liña recta no corpo do noso Papá Noel, estes serán os botóns do seu traxe.

Boneco de neve

Pintamos o tubo de cartón completamente de branco. Cando estea seco, cos rotuladores debuxámoslle a cara, incluíndo o seu nariz de cenoria.

Aos lados da zona superior do boneco de neve colocamos dous pompóns, un a cada lado. Unímolos coa axuda do limpapipas, que actuará como cinta de orelleiras.

Coa goma eva negra, debuxamos de novo tres pequenos círculos, que simularán os botóns do boneco de neve.

Para rematar, cortamos unha tira vermella grosa, facémoslle uns flocos nos extremos e envolvémolo arredor do tubo coma unha bufanda, asegurándoo cun nó na parte dianteira. Para maior seguridade, podemos pegalo ao tubo.

Árbores de Nadal con piñas

De todas as cores e tamaños, e cunha decoración tan variada como queiramos, a árbore de Nadal é o principal elemento de decoración de todos os fogares nestas festas.

No blog de hoxe propoñémosvos estas versións en miniatura que serán ideais como centro de mesa, para poñer encima da lareira ou incluso, se lle engades un fío, como decoración da árbore de Nadal.

O primeiro que temos que facer é dar un paseo e recoller todas as piñas que queiramos, cada unha delas será unha mini árbore. O resto de materiais que necesitamos son:

  • Pintura acrílica e pinceis
  • Corchos
  • Cola quente ou branca
  • Distintas decoracións: estrelas de madeira, pompóns, cintas, purpurina

Deixamos que o noso peque de renda solta a súa creatividade e que pinte as piñas da cor que queira, vermella, verde, azul, amarela…

Unha vez que estean secos pegaremos a cortiza á base da piña, xa que será a que as manteña en pé. Para completar, deixámoslles que elixan todos os elementos decorativos que queiran engadir e pegámolos. Dámosche algunhas ideas: pequenos pompóns que poden semellar bólas e podemos pegar unha estrela na parte superior.

Deixamos secar e xa está, xa temos as nosas mini árbores de Nadal.

Adornos de Nadal

Manualidades de Nadal con varas de xeado

Coa seguinte manualidade tamén podemos facer adornos de Nadal de todos os personaxes que queiramos. Nós escollemos o reno e a árbore de Nadal. Como os anteriores, se lle engades un fío, estes adornos poden decorar a árbore da túa casa.

Os materiais que necesitamos son:

  • Varas de xeado de madeira
  • Cola quente ou branca
  • Pintura acrílica e pinceis
  • Ollos de plástico
  • Diferentes decoracións: adhesivos, limpapipas, pompóns, pedrería artesanal, etc.

Reno Rodolfo

O primeiro paso para facer o noso reno é pegar 5 ou 6 paus de madeira, un ao carón do outro. Cando estean secos os nosos peques poderán pintalo.

Mentres pintan e a pintura seca, faremos as orellas e os cornos no feltro marrón. Unha vez listos, pegámolos na parte superior dos paus. Lembra: as orellas abaixo e os cornos cara arriba.

Para rematar, os peques deben pintar o nariz vermello de Rudolf e un gran sorriso. Nós encargarémonos de pegar os ollos de plástico.

Árbore de Nadal

A árbore é, de seguro, a decoración máis sinxela. Pega tres paus facendo un triángulo e, cando seque, píntao de verde.

Cando a pintura estea seca pegamos unha estrela na punta, podes facela con feltro se o prefires e, para decorar, deixamos que os peques o fagan ao seu gusto. Poden seguir pintando, pegando adhesivos ou envolvendo limpapipas arredor dos paus.

Adornos de Nadal en forma de mans

Para os/as máis pequenos/as, imos debuxar a Papá Noel, coas súas propias mans!

Os materiais que necesitamos son:

  • Cartolina verde, vermella, branca, rosa clara, marrón, vermella e beige
  • Cola
  • Ollos de plástico
  • Rotulador negro
  • Tesoiras

Primeiro faremos a Papá Noel: 

Comezaremos polo sombreiro: Coa cartolina vermella recortamos a forma triangular do sombreiro e, coa branca, faremos un círculo para o pompón e unha cinta da lonxitude da base do triángulo.

Pegamos as pezas e reservamos.

Seguindo coa cartolina branca, faremos as cellas e a barba. Recortamos a barba en forma de media lúa, non demasiado grande, xa que faremos coas mans dos nosos pequenos a longa barba característica de Papá Noel.

Coa cartolina rosa facemos a forma da cara, na que despois pegaremos todos os elementos. Ao non usar cola nin pegamento quente, pode ser o noso peque o que pegue os diferentes  elementos. Cando teñamos todas as partes recortadas, pegámolas.

Agora, coa cartolina branca, facemos as dúas mans dos nosos peques. Recortámolas e poñémolas na parte inferior da cara de Papá Noel. Colocámolas xuntas, superpostas, volteadas cara a fóra, cos dedos cara abaixo.

Para rematar, coa cartolina vermella facémoslle o nariz, pegámoslle os ollos de plástico e o noso Papá Noel estará listo para dicir “Ho Ho Ho”.

Adornos de Nadal

Manualidades de Nadal con nenos

Coas nosas ideas podedes facer todos os personaxes de Nadal, ademais dos que vos contamos no blog, só tedes que seguir os pasos! Deixa que os teus peques dean renda solta á súa creatividade e imaxinación e o resultado serán unhas decoracións únicas e especiais que podes gardar como recordo.

Dende Bebé Gadis agardamos que o pasarades moi ben facendo estas actividades e que, se fas unha foto, as subas ás redes sociais co hashtag #NadalBebéGadis.

Comparte esta noticia