Bebegadis

Search
Close this search box.

Escapadas en familia en maio: que visitar con nenos

Coa chegada do bo tempo, os plans de fin de semana ao aire libre cos nosos peques son máis habituais.

Explorar recunchos novos onde os nenos poidan divertirse facendo unha actividade distinta mentres toda a familia desfruta da natureza é un plan que non vos podedes perder. Por iso, no blog de hoxe amosámosvos e recomendámosvos lugares do máis máxicos e curiosos para visitar.

Preparados para a aventura? Alá vamos!

Que visitar en Galicia con nenos

Existen recunchos en Galicia onde a diversión e a aventura para os nosos pequenos exploradores está asegurada. Recorre connosco os seguintes destinos máxicos e sensoriais ao aire libre onde toda a familia vivirá unha tarde inesquecible.

Aldea dos Grobits, en Pontevedra

A aldea dos Grobits é un pequeno parque que se atopa no Parque Forestal da Illa da Toxa, en O Grove, que recrea unha verdadeira aldea dos Hobbits.

Ademais da súa localización privilexiada, pois a Illa da Toxa é un paraíso galego cunha riqueza natural única, este parque conta cunha serie de minivivendas, semisoterradas e cubertas pola natureza, que forman a aldea, podendo entrar nalgunha delas, deixando que os peques, co seu carácter aventureiro, vivan a experiencia de estar no mundo destes seres máxicos.

Ao chegar, atoparedes un panel explicativo onde se conta a historia de quen son os grobits, uns diminutos seres que viven nas augas termais da illa, e que, sen dúbida, encantará aos máis pequenos.

Tamén conta cunha zona de ocio infantil para que xoguen despois da visita.

Segundo a lenda, só os nenos poderán sentir a súa presenza. Animádesvos a visitalo? A súa visita é gratuíta e atópase ao aire libre.

San Clodio, a aldea das formigas, en Lugo

A tan só uns minutos de Lugo, en Outeiro de Reis, poderás visitar outra aldea do máis peculiar, onde os seus habitantes son, nada máis e nada menos, que formigas.

Érase unha vez…así da a benvida unha formiga vestida do máis elegante. Dando comezo á visita a un parque temático con numerosos personaxes, elementos e construcións feitas con materiais reciclados polo seu creador, e veciños, ao longo dos anos, para ir enchendo o espazo.

Mentres recorredes o sendeiro que rodea un pequeno bosque, iredes atopando diferentes personaxes en distintas situacións que contan a súa propia historia, como a gasolineira ou a formigaescola.

Os peques deberán estar atentos en todo o camiño, porque non se sabe en que momento poderá encontrar a un destes personaxes.

A súa visita é totalmente gratuíta, e estamos seguros que tanto grandes como pequenos pasarédelo en grande neste lugar, que se converteu nunha parada obrigada na cidade de Lugo.

Parque dos sentidos en Marín, Pontevedra

Preparados para poñer a proba todos os sentidos? Neste parque de Marín, os peques poderán mergullarse nunha auténtica aventura, explorando texturas, olores, sons e cores nun só parque natural. Cada espazo está deseñado para espertar a curiosidade e a imaxinación de todos os que o visitan.

O parque ofrece unha variedade de actividades interactivas que reta aos sentidos. Dende xogos visuais, pasando por unha zona de escalada e equilibrio, ata instrumentos musicais ao aire libre, hai algo para todos os gustos e idades. Os nenos poderán desfrutar de actividades educativas e divertidas que os manterá entretidos.

Tamén atoparedes unha zona de aventura, onde os peques poderán xogar a tirarse polos grandes tobogáns.

Ten, ademais, áreas verdes; sendeiros para camiñar cheos de figuras talladas en árbores e esculturas; e zonas de descanso, onde poderedes pasar unha tarde relaxada mentres desfrutades dun día ao aire libre en familia.

A entrada a este parque é totalmente gratuíta, podendo visitalo en calquera época do ano.

Que visitar en Castela e León con nenos

Castela e León está chea de lendas e mitos, o que á converte no escenario idóneo para vivir unha experiencia do máis fantasiosa.

Amosámosvos tres destinos máxicos que farán que os ollos dos teus peques brillen de emoción e ilusión.

Bosque máxico de Fuente del Pino, en Soria

Se queredes desfrutar dunha visita do máis máxica cos teus peques, ide coñecer aos trasnos e fadas que viven no bosque máxico de Fuente del Pino, en Soria.

Un auténtico parque temático que se atopa ao aire libre e creado por todo o pobo, onde poderedes entrar nun ambiente de fantasía e veredes unha aldea en miniatura con tendas, colexios, casas, e moito máis!

No percorrido, atoparedes actividades interactivas para coñecer aos diferentes integrantes desta aldea máxica, como abrir as portas das súas casas que se atopan nas árbores.

Cada espazo deste bosque está cheo de sorpresas que fará que os peques estean perplexos e vivan un día cheo de fantasía e marabilla.

A súa visita é gratuíta e está aberto os meses de primavera e verán.

Ruta de tus sueños e ruta del Ratoncito Pérez, en Palencia

Despois de moitas visitas a nosa casa para recoller dentes, é momento de que os peques coñezan onde vive o Ratiño Pérez en Palencia. Dentro da ruta de tus sueños está a ruta del Ratoncito Pérez, onde se atopa vila Rato, a casa do rato preferido dos máis pequenos.

Aínda que non só coñeceredes ao Ratiño Pérez e o seu almacén de dentes! Os peques deben sacar o seu lado máis aventureiro e descubrir onde vive a súa familia e amigos por todo o pobo.

Coa axuda dun mapa, tendes que selar nun pasaporte as diferentes localizacións marcadas na ruta e, ao completalo, levaredes un agasallo de recordo para a casa. Ao mesmo tempo, coñeceredes un pouco máis a localidade palentina na que se atopa.

Non hai detalle que perder! En cada recuncho poderedes ver ratiños que fan a súa vida cotiá: xogar na randeeira, dar un paseo polas árbores ou ir ao colexio.

A súa visita ten un coste para maiores de 3 anos, e é gratuíta para os menores desa idade.

O castelo encantado de Trigueros del Valle, en Valladolid

Se os teus peques imaxinaron algunha vez como sería estar nun castelo encantado como o dos seus contos e películas favoritas, podedes visitar un de verdade en Trigueros del Valle, en Valladolid.

Existe a lenda de que o castelo de Trigueros del Valle está baixo o efecto dun encantamento, e o seu misterioso ambiente fará que os nenos desfruten escoitando a historia dunha sorprendente serea, mentres exploran os recunchos na procura de aventuras.

Atoparedes espazos cheos de maxia habitados por criaturas fantásticas, como un dragón, e actividades para todos os membros da familia, incluíndo aos máis maiores, como zonas temáticas, xogos de exploración ou talleres creativos.

Se estades preparados para coñecer dragóns, animais fantásticos e outras criaturas máxicas, pasade unha tarde do máis encantadora recorrendo os pasadizos ocultos deste castelo encantado.

A súa visita ten un coste para maiores de 3 anos, e é gratuíta para os menores desa idade.

Explora en familia novos lugares

Pasa un fin de semana distinto en familia visitando un destes lugares máxicos e fai que a inocencia e imaxinación dos teus peques estea máis presente que nunca mentres desfrutan, ao mesmo tempo, da natureza.

Estamos seguros que ata os maiores desfrutaredes como auténticos nenos!

E, se queredes saber que outras actividades podedes facer na natureza, preme aquí.

Comparte esta noticia