Bebegadis

Search
Close this search box.

Receita gazpacho de amorodos e sandía

Se existe un prato que non pode faltar en ningunha mesa española no verán, ese é o gazpacho.

De pequenos a grandes, esta sopa fría de sinxela elaboración é o prato perfecto para refrescarse nestes días de calor.

A partir dos elementos esenciais, o gazpacho admite total liberdade e creatividade co resto de ingredientes. Á nosa receita de hoxe engadirémoslle sandía e amorodos.

Gazpacho para nenos

O gazpacho é unha moi boa opción para manter unha dieta equilibrada aproveitando produtos de proximidade e de tempada. Malia os seus beneficios, o seu consumo non adoita estar asociado á dieta dos nosos peques.

A partir dos 6 meses, cando empecemos a engadirlle alimentos sólidos ao/á bebé e xa probase algunha froita e verdura, podemos darlle o seu primeiro gazpacho elaborado unicamente con tomate e aceite, todo moi ben triturado.

Se o/a bebé tolera ben o gazpacho, pouco a pouco pódeselle introducir outras froitas e verduras que poida comer como o pemento, o vinagre, o allo e a cebola.

Se, polo contrario, o/a peque non tolera o tomate, a receita que imos elaborar neste post é unha boa alternativa xa que, ao engadir froitas doces de tempada, lograremos rebaixar ese acedume do tomate.

Os gazpachos de froitas son unha boa opción para que todos os peques da casa coman a cantidade de froitas e verduras necesarias.

Beneficios do gazpacho

Esta sopa fría de verduras e froitas contén vitamina A, C e E, que a converten nunha fonte rica en antioxidantes.

É aconsellable para nenos e adultos xa que achega auga e nutrientes e é unha maneira de combater o calor do verán.

Como se elabora un gazpacho de froitas

 

O primeiro paso é lavar moi ben todas as froitas e verduras para quitarlle calquer resto. Eliminamos as sementes de todos os alimentos que as teñan e pelamos os que teñan pel, como o cogombro.

A continuación, cortamos todos os ingredientes en anacos non moi grandes, introducímolos nun batedor e trituramos todo ata que non teña gromos. Botamos o aceite e volvemos a triturar para que se mesturen todos os sabores.

Unha vez listo, podemos coalo para asegurarnos de que non queda ningún anaco.

Gardamos o gazpacho na neveira para poder tomalo ben frío e, á hora de servilo, podes cortar uns anacos de amorodos para decorar por enriba.

Se é máis maior podes engadirlle: 1 dente de allo, 3 culleradas de vinagre e media cebola.

Dende Bebé Gadis aconsellamos que o gazpacho non pase máis de catro días na neveira e se consuma preferiblemente no mesmo día no que se elabora.

Existen mil combinacións coas que preparar un bo gazpacho, pero, sen dúbida, esta receita con amorodos e sandía vaiche resultar do máis refrescante. Se te animas a facela, sube unha foto co hashstag #Receitasbebegadis. Queremos ollar a eses peques degustando un dos pratos máis típicos da nosa cultura!

Comparte esta noticia